Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ADEGA RESPONDE AO CONSELLEIRO DE PESCA

Polémica sobre a proposta do PSOE de declarar as Rías Galegas como Reserva da Biosfera

O conselleiro de Pesca, Henrique López Veiga, envioulle unha carta aos patróns maiores das confrarías de mariñeiros na que lles fai saber que a iniciativa do PSOE de propoñer que a UNESCO declare as Rías Galegas como Reserva da Biosfera é "incauta e inconsciente". López Veiga di que de prosperar esa proposta "convertiría as zonas centráis das Rías Galegas en lugares onde estaría prohibida toda actividade humana excepto para investigación e mostraxe, ademáis dalgunha actividade tradicional das poblacións locais". Para ADEGA, os argumentos do conselleiro son "absolutamente falsos", porque precisamente as Reservas da Biosfera son lugares onde se compatibiliza a conservación e o desenvolvemento económico.

- 13:03 15/10/2004
Tags:

Comunicado de ADEGA sobre a proposta de declaración de Reserva da Biosfera para as Rías Galegas:

"A proposta do PSdeG-PSOE para declarar as rías galegas como Reserva da Biosfera acaba de ser torpedeada polo Conselleiro de Pesca, D. Enrique López Veiga; este alto cargo da Xunta de Galicia ademais de facer declaracións en contra da proposta dos Socialistas enviou cartas ás confrarías para tratar de manipular a estas. Aparte de ser un grave acto de confusión posto que parece confundir actuacións administrativas con actuacións de caracter político ou partidista, a súa postura é explicable unicamente dende tres puntos de vista:

1. O Conselleiro de Pesca coñece e ampara algún plan estraño e impactante que se vería dificultado se as rías gozaran de maior respecto e/ou protección.
2. O Conselleiro de Pesca ignora por completo o que significa unha declaración deste tipo e polo tanto e está moi mal asesorado.
3. Ambas cousas.

As Rías Galegas son uns dos ecosistemas mariños máis singulares do planeta cunha productividade excepcional que merecen ser preservadas para as xeracións futuras; dende un punto de vista económico, pódense considerar ademais como a 'maior empresa de Galicia'; neste momento hai ducias de ameazas que penden sobre elas como a contaminación, a urbanización (incluíndo os portos deportivos), os recheos, o desenvolvemento industrial descontrolado, a introducción de especies exóticas, etc. De declararse Reserva da Biosfera, comprometería a toda a sociedade galega a traballar pola súa conservación, polo seu futuro baseado no desenvolvemento sustentable. Son absolutamente falsos os argumentos esgrimidos polo Conselleiro porque precisamente as Reservas da Biosfera son lugares onde se compatibiliza a conservación e o desenvolvemento económico. Invitamos ás Confrarías a interesarse e informarse de xeito independente ao respecto, lonxe de estólidas manipulacións.

Dende ADEGA celebramos que o PSOE teña esta iniciativa que agardamos sexa traballada dende o Comité Español da UNESCO, que depende do Goberno Central.

Igualmente agardamos que esta proposta se estenda a outros puntos do noso litoral, absolutamente excepcionais e tamén ameazados que merecerían ser Reservas da Biosfera, como a Costa da Morte, sobre a que pesan proxectos altamente impactantes como macropiscifactorías ou campos de golf, moitos deles, precisamente en Concellos gobernados polo PSdeG-PSOE, o que non deixa de ser contradictorio".


0/5 (0 votos)