Un entomólogo da Universidade de Montana coordina un equipo, formado por tres axencias federais e tres laboratorios nacionais dos E. U. A., que trata de adestrar un grupo de abellas para atopar minas antitanque e antipersoas. Aproveitando o traballo diario da abellas, recollendo pole e néctar, os insectos poderían explora-las leiras á busca de TNT. As abellas levarían unha pequena "mochila" que emitirá un radiosinal característico para poder identificalas.
O proxecto ten como obxectivo atopar con precisión minas e munición non utilizada en
campos de cultivo, convertidos unha vez en campos de batalla. En moitos países en vías
de desenvolvemento milleiros de campos de cultivo están inutilizados; os labregos teñen
medo de volver a traballa-la terra. Sesenta persoas morren ou quedan gravemente mutiladas
ó día por cousa das minas. A Cruz Vermella estima que hai entre 80 e 120 millóns de
minas, dispostas para facer dano, espalladas en 70 países de todo o mundo. 40.000 novas
minas despréganse tódalas semanas. A idea de utiliza-las abellas para detecta-los
explosivos parte da idea de que mentres os insectos buscan néctar e pole, van recollendo
as partículas de po que liberan as bombas e que, á volta, levarán ás súas abelleiras.
Moitas destas partículas de po quedan pegadas ós corpos dos insectos pola carga
eléctrica estática dos seus corpos. As colmeas das abellas buscaminas son especiais. Son
artificiais e levan aparellos electrónicos para poder le-los sinais de identificación
emitidos polas "mochilas" das abellas.
En maio deste ano xa se fixeron varios ensaios. Un grupo de abellas foi equipado cos
microtransmisores para investiga-lo seu comportamento nun campo de minas. A
radiofrecuencia da emisión non interfire coa actividade das abellas e o peso dos
aparellos é moi pequeno. Así a todo, aínda teñen que ser máis pequenos para
diminuí-lo impacto no voo das abellas. Con outro grupo formado por 50 abellas, os
Laboratorios Nacionais Sandia dos E. U. A., investigan cal é a extensión do campo de
acción das abellas e os tempos de ida por vinda á abelleira. Neste estudio, un lector
rastrexará a cada abella, en canto deixe a colmea na busca de alimento, esculcando a súa
dirección e o tempo que tarda na volta. Tamén están a desenvolver un sistema de
ferramentas para escruta-la posible presencias de substancias químicas como o TNT.
Outra liña de investigación é
a busca das especies ou variedades de plantas, que con maior eficacia, recolla os residuos
de explosivos liberados polas minas, e destas plantas aquelas que permitan o paso dunha
maior cantidade de explosivos ás flores e ó pole.
Unha das metas do equipo da Universidade de Montana é poder adestrar ás abellas para
asocia-lo cheiro dos explosivos, por exemplo o TNT, co cheiro do seu alimento. Desta
maneira, as abellas pasarían máis tempo preto das plantas e dos solos contaminados con
TNT, aumentando as probabilidades de que poidan leva-los posibles residuos de TNT.
Máis información.