A escritora e dramaturga austriaca Elfriede Jelinek é a gañadora do premio nobel de literatura deste ano, segundo acaba de anunciar a Academia Sueca. Jelinek naceu en Mürzzuschlag, na Estiria, o 20 de outubro de 1946 pero desde a súa infancia viviu en Viena. É unha das máis coñecidas e polémicas escritoras en lingua alemana da actualidade.
Despois de escribir varios textos de poesía e narrativa, en 1979 estrea a súa primeira obra de teatro cun longo título: O que aconteceu logo de que Nora abandonase o seu marido ou Os piares das sociedades.
Este mesmo ano recibiu o premio Lessing das letras alemanas. Tamén posúe o premio de dramaturxia de Mülheim, o Heinrich Heine de Düsseldorf e o Premio Teatral de Berlín. O filme A pianista, de Michael Haneke, protagonizado por Isabelle Huppert está baseado nun relato de Jelinek. En portugués está publicada precisamente esta obra, A pianista e máis a novela Lust. Jelinek prohibiu hai anos que as súas obras se representaran en Austria (como fixera tamén o seu compatriota Thomas Bernhard) dicindo que a vida nese país era "insufríbel" polos continuos ataques que recibía a raíz da chegada ao poder do ultradereitista Joerg Haider.