"Os tráficos do actual porto fan innecesaria calquera tipo de ampliación", din dende a asociación ecoloxista Greenpeace, lembrando ademais a insuficiente análise do impacto ambiental e os problemas técnicos dunha obra "ubicada no punto de maior ondada de todo o Atlántico" situación que o fará, segundo critican, "moi pouco competitivo fronte a outros máis abrigados e tranquilos".
"Un dos principais tráficos do porto exterior é carbón", din dende o colectivo lembrando que é un dos argumentos usados para a construcción do porto exterior, "e este tráfico tende a desaparecer debido ao cumprimento do Protocolo de Quioto".
"Resulta sorprendente que logo do cambio de goberno o novo equipo do ministerio de Medio Ambiente non reparara nesta barbaridade ambiental que vai contribuír a agravar aínda máis as consecuencias do Prestige", afirmou María José Caballero, da Campaña de Océanos de Greenpeace, "nada semella ter cambiado respecto ao anterior goberno: as costas galegas van seguir sendo construídas".
Os ecoloxistas din que a aplicación de criterios de sostibilidade no debate do porto exterior coruñés esixe "rexeitar o proxecto". Asimesmo recordan que a petición reiterada a ministerio de Medio Ambiente dunha avaliación ambiental do proxecto final que analice os custos da destrucción da zona litoral virxe de Punta Langosteira e considere as condicións ambientais creadas logo da marea negra do Prestige.
Por todo isto, chaman a aproveitar o custo da "faraónica obra" para a axudar ás costas galegas a recuperarse da catástrofe do Prestige "e buscar solucións para que nunca máis volvan tinguir de negro as costas galegas". O colectivo subliña que presentou en moitas ocasións propostas para solucionar as consecuencias da marea negra, destacando a necesidade de moitorización de vertidos, e acelerar a recuperación das costas e láiase de que ninguna destas medidas foi posta en marcha.