Témoslles contado do Seti@home, experimento científico que tenta captar sinais extraterrestres procedentes do espacio a través dun potente radiotelescopio coa axuda dos internautas. A prestixiosa New Scientist conta esta semana da primeira sinal de radio detectado, con orixe entre as constelacións de Piscis e Aries. Malia todo, os promotores do proxecto quítanlle importancia ao achado.
A inmensa cantidade de datos recibidos no radiotelescopio de Arecibo, Porto Rico, non podería ser procesada de non ser pola colaboración de internautas de todo o planeta. Todo quen teña un computador pode axudar neste proxecto de investigación de xeito moi simple: descargando un salvapantallas que, cando o computador está inactivo, activa un programa que analiza unha pequecha parte deses datos recibidos no telescopio.
Ata o momento non hai explicación para o sinal detectado e aínda que dende a comunidade científica se recoñece que o descubrimento pode ser o primeiro contacto cunha civilización extraterrestre a prudencia recomenda avaliar a posibilidade de que o acontecemento estea xerado por algún fenómeno astronómico deica agora descoñecido.
En declaracións á BBC, Dan Wertheimer, deseñador do proxecto, avisou que non debe crearse demasiada expectación e que se está esaxerando a importancia deste sinal. Ao longo dos anos o Seti ten detectado outros sinais que foron categorizados coma interferencias, e uns 150 terían pasado a esixente peneira dos científicos para unha análise máis detallada, concluíndo sempre que non era evidencia clara para clasificala como potencial sinal extraterrestre.