O ciclista galego Xosé Antonio Hermida, nacido en Puigcerdá (Xirona), consegiu a primeira medalla olímpica da historia do noso ciclismo, na proba de montaña. O ouro foi para o francés Julien Absalon.
A proba, que se desenvolveu no duro circuíto de Parnitha, colocou a Hermida na cabeza ata a cuarta volta, emparellado co campión francés Julien Absalon. Ata aí, Hermida xa sufrira a forte calor grega, a poeira e ata a picadura dunha abella no pescozo. Pero nesa altura da carreira, a resistencia do francés e un esvaecemento do galego foron decisivas, e Absalon conseguiu gañar a distancia suficiente para emprender as últimas dúas voltas ao circuíto en solitario.
A segunda posición parecía consolidada para Hermida, pero unha caída na volta quinta fíxolle perder unha praza, aproveitada polo nerlandés Bart Brentjens. Hermida, que xa caera na final de Sydney, onde fora cuarto, recoñeceu o seu "erro de concentración", pero cavilou que quizais non tería unha nova oportunidade olimpica e decidiu "loitar ata a fin". Con todo, na segunda metade da sexta volta foi o campión olímpico en Atlanta, Brentjens, quen sufriu unha caída. Hermida aproveitou esa oportunidade e foi capaz de recuperar a distancia e a prata, que consolidou nos quilómetros finais.
Ao final, o ouro foi para o francés Absalon, a prata para Hermida, a un minuto exacto, e o bronce para o nerlandés Brentjens, a 1'03" do galego. "Loitei pola prata, e estou moi feliz de conseguila e de facelo por detrás de Absalon, que é un fenómeno", declarou o galego.