Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
UN PIRAGÜISTA NA CUARTA EXPERIENCIA OLÍMPICA

Alfredo Bea: "Temos opción a medalla pero hai outros seis que tamén a teñen"

Competiu en Barcelona '92, mellorou a marca en Atlanta '96 chegando de sétimo e seguiu mellorando en Sidney 2000, onde foi cuarto. Agora o obxectivo está claro, meterse na final e pelexar por un metal aínda que é consciente da igualdade dos seus competidores. Toda esta experiencia fai que teña moi claro que a política deportiva se centra en "consguir medallas pero sen poñer os medios precisos para iso".

- 11:05 05/08/2004
Tags:

Posúes varias medallas de prata e de bronce dos campionatos do Mundo e de Europa, así é máis sinxelo afrontar uns Xogos Olímpicos?
Unha competición así non depende do que consigas antes, non implica que se conseguiches unha medalla nun mundial vaias a repetir. Nun deporte como este hai que ser moi humilde e traballar moi duro porque senón nin sequera pasa á final. O que si é certo é que unha medalla che pode axudar a chegar aos Xogos Olímpicos máis ou menos convecido. Nós imos con moita ilusión.

Cales cre que poden ser as principais dificultades coas que vos atopedes nas regatas de Atenas?
O único medo que temos é que sople moi forte o vento, tal e como parece que vai ser. Un vento moi forte e moita oleaxe poden botar por terra todo o que te adestraches, nesas condicións nada é o mesmo.

E cales serían entón as chaves que xogaran ao voso favor?
A nós vennos ben todo o que sexa pouco vento e pouca oleaxe e, no caso de que haxa oleaxe, que sexa de fronte ou de espaldas pero nunca de lado.

Estas serán as cuartas Olimpíadas nas que participes, logo de Barcelona, Atlanta e Sidney, como se modifica nun a concepción que tiña de participar nuns Xogos Olímpicos, ou non cambia?
Fundamentalmente gañas experiencia e os Xogos Olímpicos e todo o que hai ao seu arredor deslumbrate menos pero os rivais son os mesmo que nos mundiais. Por iso non te podes confiar, alí imos todos a dalo todo.

Que esperas destas Olimpíadas?
Como mínimo agardo seguir a progresión dos anteriores Xogos Olímpicos nos que participei. Fomos sétimos en Atlanta e cuartos en Sidney, agora esperamos mellorar. Cos tempos que facemos e co xeito no que estivemos adestrando podemos ter opción a medalla pero hai outros seis equipos nas mesmas circunstancias, como poden ser Canadá, Romenía, Cuba, Rusia, Hungría ou Alemaña.

E despois, cales son as espectativas de Alfredo Bea?
Non me propoño nada a longo prazo porque nas circunstancias deste deporte só e posible ir ano a ano, se non estás entre os 8 primeiros do ránkin quedas sen a bolsa da ADO. Deste xeito non se pode dicir que España sexa un país no que se preparen unhas Olimpíadas. Os deportistas estamos fartos de dicir o que pasa e os políticos queren medallas pero non poñen os medios precisos para obtelas.

Atreveríaste a pronosticar unha cifra no medalleiro español?
Supoño que seguiremos coa progresión das últimas Olimpíadas e acadaremos menos que en Sidney, porque o sistema da política olímpica aquí non cambiou, como dicía. Pero por desexar, desexo máis medallas e aínda que España non é un país de facer bos Xogos Olímpicos unha competición deste tipo dá moitas voltas.


5/5 (1 votos)