A UE non comprometeu deica agora nin un céntimo dos 265 millóns que lle solicitou o goberno central para as obras do porto exterior da Coruña. Non ter asegurado o financiamento e decidir a licitación das obras incumpre a lei de contratos das administracións públicas. Así o denuncia o colectivo ecoloxista, que dende o anuncio do proxecto advertiu tamén do impacto ambiental e a posíbel inviabilidade da súa construcción.
"As empresas que se presentaron á licitación deben saber a verdade sobre o financiamento. A Autoridade Portuaria está incumprindo a lei e elas serán as máis prexudicadas", afirmou María José Caballero, da campaña de Océanos de Greenpeace.
Ao non ter asegurado o financiamento completo da obra e proceder á súa licitación, a Autoridade Portuaria estaría incumprindo a Lei de Contratos das Administracións Públicas. O colectivo ecoloxista advirte do decisiva que é a axuda europea para acometer este proxecto, un total de 265 millóns de euros foron solicitados dende o ministerio de Facenda, e avisa dos reparos que a UE pode poñer sobre a obra.
En primeiro lugar subliñan as cifras do actual porto coruñés, con beneficios caendo dende 1995, e a continuación apuntan a proximidade do porto exterior de Ferrol, xa na primeira fase de construcción e con financiamento das institucións europeas. Ambos os dous argumentos, xustificarían a defensa que o colectivo fai dunha mellora da xestión dos peiraos actuais, no canto dunha ampliación.
A asociación tamén se fai eco do actual conflito para a modificación do proxecto para a construcción de máis vivenda de protección oficial nos terreos do porto actual e avisa da "operación de especulación inmobiliaria en terreos públicos" promovida polo Concello.
Greenpeace insiste na súa "rotunda oposición a unha das actuacións previstas máis nocivas en todo o litoral español" e trae a primeira plana máis irregularidades xa denunciadas: dunha banda as dificultades técnicas que fixeron que o proxecto fora desbotado por Fomento no ano 2001, decisión avalada por informes do CEDEX que amosaban que non era viábel e que se escollera a peor ubicación posíbel. Por outro lado, lembran que a declaración de impacto ambiental realizouse antes de coñecer o deseño final e que Medio ambiente debería proceder a unha nova avaliación.