A factoría de animación galega Bren Entertainment é a responsábel de 'P3K Pinocho 3000', un filme que adapta ao mundo dos robots o clásico conto do boneco de madeira. A produción, na que participou a empresa tamén galega Filmax, contou cun orzamento de 10 millóns de euros. En Galiza estrearase en galego, pero só en tres salas da Coruña, Vigo e Santiago.
O filme, de animación en 3D, é unha revisitación do conto do boneco de madeira: agora Pinocho é un robot e a súa voz da conciencia un pingüín convertido en ciborg como resultado dun experimento fallido de intelixencia artificial. A fada madriña é Cyberina, "un ser máxico en medio dun mundo de fría tecnoloxía, unha fada boa chea de vida que sae da nada para sacar a Pinocho de apuros".
Pola súa banda, a Mesa pola Normalización Lingüística lamenta a estrea bilingüe da produción "malia que a Xunta de Galiza colabora economicamente" nela. A Mesa "recoñece o labor pioneiro na dobraxe de filmes ao galego" de Filmax, pero acusa a Xunta, que forma parte do accionariado do grupo audiovisual, de non aproveitar a súa posición para promover un maior emprego do galego. De 'P3K Pinocho 3000' tamén existen versións en catalán e vasco.