Cando en 1984 os restos de Castelao foran retornados finalmente a Galiza, a Xunta decidira crear os galardóns que co seu nome recoñeceran cada ano o traballo de diferentes persoalidades a prol do seu país. Este ano os distinguidos coas Medallas Castelao son o Arquivo da Emigración Galega , a coreógrafa María Dolores Daparte , a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García-Montenegro , o grupo Milladoiro, o pintor Xaime Quessada e Rosalía Mera, presidenta da fundación Paideia. entre outros.
As Medallas Castelao abarcan diferentes eidos e facetas ben diversas: dende a musical ata a puramente empresarial. Tamén figuran na lista de galardoados o funcionario redondelán Xosé González Martín pola súa defensa do galego, o catedrático de paleografía, Manuel Lucas Álvarez , o secretario xeral de ANFACO Juan M. Vieites Baptista de Sousa e Rosa Puente Foglia , por promocionar a cultura galega desde Arxentina.
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, foi o encargado de entregar cada medalla o día 28 de xuño e valorou que todos os galardoados "teñen dedicado a súa vida a traballos profesionais desenvolvidos cunha inmensa fe no pasado de Galiza, cunha rexa esperanza no futuro de Galiza, é dicir, cunha entrega persoal a prol do pobo, da cultura e da terra galega".
Entre diferentes referencias á obra de Castelao, Juan M. Vieites Baptista da Sousa, falou en nome dos dez premiados aos que considerou "intérpretes da Galiza verdadeira, universal e solidaria".