Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XESÚS MANUEL MARCOS, GAÑADOR DO MERLÍN

Manuel Veiga gaña o Xerais de novela cunha obra sobre o regreso do exilio

O XXI Premio Xerais de novela e o XIX Merlín de Literatura Infantil entregáronse esta noite en Vigo, no Centro Social Caixanova. O de novela foi para o texto O exiliado e a primavera, do xornalista monfortino Manuel Veiga. O Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil foi para O brindo de ouro, unha novela de aventuras e maxia do caurelao Xesús Manuel Marcos.

- 21:46 12/06/2004
Tags:

O xornalista Manuel Veiga, au tor xa de dous textos de narrativa ('As ruínas da cidade amada' e 'Biografías de malogrados', regresa ao tema da memoria cunha novela sobre o exilio e o seu retorno no tardofranquismo. O enfrontamento cunha "sociedade apática e desmemoriada" é o centro dun texto no que Veiga levaba traballando dende 1997.

Pola súa banda, o funcionario de Xustiza Xesús Manuel Marcos levaba anos apartado da literatura e tamén de Galiza. O seu texto, "O brindo de ouro", ambientado nos montes caurelaos, narra a aventura dun grupo de herois de tempos antigos e busca "mergullar os lectores na épica da maxia".

Estes son os premios máis cobizados de Galiza pola súa dotación económica (15.000 e 7.500 euros respectivamente), pola súa traxectoria e pola súa difusión. No vintecinco aniversario da editorial, o acto de entrega estaba previsto para a illa de San Simón, pero Edicións Xerais decidiu trasladalo a Vigo en sinal de dó polos falecidos e desaparecidos no naufraxio do 'Bahía' de Cesantes.

Tamén se entregaou no decurso da noite o VIII premio Xerais á cooperación no labor editorial, que entrega Edicións Xerais e que non ten valor económico. Este ano, dirixíronllo á crítica en xornais, e representárono nas figuras de Xose Manuel Eyré (A Nosa Terra), María Xesús Domínguez (Fadamorgana e Clij), Francisco Martínez Bouzas (Faro de Vigo), Armando Requeixo (Tempos Novos) e Ramón Nicolás (La Voz de Galicia).


0/5 (0 votos)