Detrás da súa denominación técnica e indescifrábel para o consumidor de a pé (BT-11) atópase unha nova variedade de millo doce destinado ao consumo humano. Rexeitado en abril polo Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea e sometido a un proceso de avaliación obsoleto e posto en dúbida polas principais axencias de seguridade alimentaria comunitarias, será comercializado a partir de agora tras a autorización da Comisión Europea.
A autorización da Eurocomisión, que moi probabelmente se efectuará este mércores, marca a fin dunha moratoria que dende 1999 lle puña freo ao comercio de transxénicos dentro da Unión Europea
É a resposta da Unión Europea tras varios meses de desacordos en torno a esta variedade de millo. O proceso de avaliación desta variedade de millo estivo rodeado de polémico dende o primeiro momento. A normativa que o rexeu é anterior á propia moratoria e tanto dende a Axencia de Seguridade Alimentaria francesa coma a Axencia Federal Medioambiental austriaca e organismos públicos de Bélxica formularan serias dúbidas sobre a veracidade dos datos ofrecidos por Syngenta, a multinacional que controla esta variedade así coma da posterior avaliación do Comité científico de alimentos da UE.
O BT-11 é a mesma variedade de millo que transportaba o cargamento arxentino ante o que activistas de Greenpeace protestaban en Málaga o pasado 28 de abril. Para a organización ecoloxista é inadmisíbel que a Unión Europea pretenda aprobar un alimento cando non se dan as condicións para garantir a súa inocuidade. Greenpeace considera "vergoñoso que a UE aposte por defender os intereses das corporacións a costa dos consumidores e do medio ambiente".
Enriquecemento das multinacionais
Produtos xeneticamente modificados chegan cada día ás nosas mesas. Na maioría dos casos non podemos nin sequera detectalos, malia que dende o pasado 18 de abril a lexislación obriga a indicalo na súa etiquetaxe. Os transxénicos, ou organismos xenéticamente modificados, permiten o enriquecemento das grandes multinacionais sen solucionar os problemas dos países máis pobres. E segundo un informe da FAO "nos próximos 30 anos, dous millóns de persoas máis dependerán da agricultura para a súa subsistencia, mentres os recursos naturais son cada vez máis fráxiles.