Non á corrupción, non ao transfuguismo. Con fondo de cartaces con lemas que denunciaban a manobra que tumba o actual pacto de goberno e apupos aos protagonistas, a vila coruñesa de Sada mudou de alcalde este mediodía. Paradoxalmente tocoulle ao concelleiro tránsfuga do PSOE, José Luis Santamaría, na súa calidade de presidente da mesa de idade, pasarlle a vara de mando a Ramón Rodríguez Ares. Malia as advertencias da dirección popular non houbo fendas de última hora no grupo local do PP e os concelleiros votaron xunto con Santamaría a volta da alcaldía a Rodríguez Ares. Polo momento non hai comunicación oficial de expulsión dende o Partido Popular, malia que o secretario xeral, Xesús Palmou, e o presidente da Xunta, aseguraron que de confirmarse a operación, Ares e os outros sete concelleiros do PP serían excluídos do partido. Dende o BNG, o alcalde saínte anunciou a impugnación do pleno por non térselles permitido intervir.
.