Segundo os datos oficiais e ata a fin de outubro, máis dun tercio dos casos de encefalopatía esponxiforme bovina detectados en todo o Estado correspóndenlle a granxas galegas. O director do Laboratorio Nacional de Referencia de EEB asegura que a tendencia seguirá sendo crecente algún tempo, pero que isto é garantía do cumprimento da normativa.
Sobre o asunto, o PSOE vén de criticar que da recente presentación da partida para o agro nos orzamentos xerais do Estado non se aumente a dotación para a retirada de materiais de risco. Por outra banda, o colectivo de labregos UPA lembrou que non se puxo aínda en marcha o sistema de etiquetado de carne de vacún que a UE estableceu hai dous anos.
Esta fin de semana van tres anos do diagnóstico da primeira vaca enferma nunha granxa de Carballedo. Ao tempo, contámoslles que o consello da Xunta deste xoves impúxolle unha sanción de 35.000 euros a unha empresa fabricante de pensos, da que non se fixo público o nome, por unha infracción sanitaria moi grave.