Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Crónica desde Chiapas: os galegos gañan confianza

"Xa van dez días desde a nosa chegada ao Caracol de Roberto Barrios, polo que a xunta do bon goberno 'Nova semente que vai producir' decidiu recibirnos de novo. Coma sempre, a mística dos pasamontañas e as citas zapatistas envolven o encontro dunha emoción dificilmente explicable, pero alí estamos sentados nunha casa de seguridade do antigo Aguascalientes, rodeados de insurxentes con paliacates e gorros de campesiños". Así comeza a última crónica de Iván Prado desde Chiapas, onde se atopa en labor solidaria cun grupo de xente de Cooper@ctiva Cultural.

- 18:12 01/10/2003
Tags:

A palabra lene e morna dos indios comeza o seu tecer e pouco a pouco imos comprendendo a mensaxe, aceptan todas as nosas propostas polo que ese mesmo día empezaremos coas visitas e encontros con algúns do organismos autónomos máis importantes. Incluso nos dan permiso para visitar un dos espacios máis fermosos de todo México e que na actualidade está baixo a protección zapatista.

Empezamos o día cunha visita á cooperativa de mulleres, un espacio para o encontro das propias mulleres, que aproveitan os traballos de elaboración de pezas de roupa que logo servirán como finanzamento propio da organización, para falar, organizarse e facer asembleas.

Adaluz, unha fermosa matriarca Tzeltal, explícanos o seu funcionamento e a relevancia que para a comunidade ten que as mulleres xa casadas e con fillos ao seu cargo teñan ese espacio fóra do fogar, desde o que artellar accións propias e sobre todo para ir adquirindo cada vez máis peso e autoestima dentro do mundo indíxena.

Xusto ao rematar o encontro coas mulleres, facemos a visita oficial a radio insurxente, que nós mesmos financiamos. É a primeira visita a este espacio de sumo valor para os compas, pola función que xoga como medio de difusión dos valores zapatistas, pero sobre todo pola forte tarefa de dignificación da cultura e da identidade indíxena que realiza dentro das comunidades zapatistas e Priístas.

Alí está a responsable da radio, que non pode facer público o seu rostro nin o seu nome, que nos explica o funcionamento da radio, e os programas que emite. O seu discurso ponnos a carne de galiña, é tan claro, tan directo, que en dez minutos resume o proceso de rebeldía e autonomía zapatista de xeito brillante. Non podemos senón sorprendernos ante unha muller que non tiña máis que dez anos cando se ergueron en armas os povos indios. Por suposto saimos emocionados e ben contentos ante o apoio económico que comprendemos non poderia ser mellor empregado.

A visita á escola autónoma de educación primaria que axudamos a financiar non se puidera realizar ata o momento. As obras que o exército está a facer nas estradas da zona norte, para favorecer as comunidades priístas e discriminar o movemento zapatista, impídenos ir en camioneta, polo que se desestima realizar os dous días a pé que nos levaría chegar por falta de tempo. A cambio os compas ofrécennos unha oportunidde irresistible de visitar as fervenzas de Roberto Barrios, sen lugar a dúbidas un dos espacios máis fermosos de Chiapas e posiblemente de todo México.

O Baskan, río incomensurable ao seu paso por esta comunidade convértese nun mundo de cerros e fervenzas, que nos transporta a un paradiso terreal, custodiado polo EZLN, que resiste aos ataques que o goberno fai na zona para convertela nun recinto turístico e roubarllo así aos seus verdadeiros donos, os indios que viven na rexión e que a coidan.

O baño é inmellorable, a excursión fermosísima, a nosa retina vóltase branca e escumosa, as xerfas zapatistas teñen tanta forza como as da nosa costa antes do Prestige.

Chegamos cansos pero felices á comunidade, e cando pensábamos descansar para recuperar un pouco o norte ante tanta emoción xunta, atopámonos cun mar de promotores da educación esperándonos para seguir co obradoiro de clown. Por suposto, non temos folgos nin ganas de negarnos así que alí estamos con basoiras e martelos de goma dando outra clase en metade da selva rebelde con zapatistas que son a garantía do futuro deste movemento.

Pero si a primeira experiencia fora incríble, esta énchenos de ledicia e sorpresa, non soamente aumentaron as ganas de romper a vergoña senón que ademais, a participación das mulleres cada vez é maior, e os logros teatrais vóltanse enormes.

Agora xa chegou o momento de descansar así que desbotamos a opción de xogar o partido que temos pendentes co grupo de Basket 'Os duritos', e preferimos a opción da festa nocturna con corridos revolucionarios cantados polos compas".

Ivan Prado, o día que coñeceu o paradiso terreal e a fonte da revolta india.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: