Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Festival Mozart: Transición

A edición do Festival Mozart deste ano, a sexta xa, era de transición. O director fundador A. Moral fixo a programación de despedida. Non quedou ben atada: foi a edición más irregular. O noso crítico de música clásica, Antón de Santiago, fai un repaso do que deu de si o Festival Mozart deste ano.

- 12:17 03/09/2003
Tags:

Para empezar, a inauguración con “Xúpiter e Semele”, zarzuela barroca de Antonio Literes -¿era pórtico adecuado para abrir o Festival?- que se ofreceu semiescenificada en proposta do grupo Al Ayre Español, resultou cutreescenificada e ó aire de improvisación, cuns cantantes indecisos e coa partitura na man. O grupo instrumental traía a lección aprendida. Quedaría mellor en versión de concerto.

A maxia da Frauta. A cousa endereitouse axiña coa reposición ó día seguinte da Frauta Máxica na lizgaira versión de Els Comediants, e dirección musical de Víctor Pablo, coa OSG no foxo. Ás tres funcións asistiron máis de 5.000 persoas. Endebén no tódolos cantantes estiveron á altura, houbo diversión e aplausos.

A seguinte botaba unha ollada ó cerne do barroco na figura de Haendel. A Opera de Cámara de Varsovia ofrecíanos a estrea en España da ópera Imeneo. Na modestia da proposta, resultou un espectáculo discreto e interesante.

Días máis tarde volvía ó Rosalía a reposición de Zaide, producción-documento do Festival. ¿Era tamén oportuno? Os dous grandes atractivos, a soprano Isabel Rey e o tenor Reinaldo Macías, foron substituídos e non se acadou o nivel.

O rapto no serrallo foi a seguinte novidade na programación. É unha das obras de Mozart que faltaban por ver no Festival, un singspiel con pretensións de ópera xermanizante, cartón de visita cara ás súas aspiracións vienesas. Faltaban aínda tódolos seus capo-lavori, endebén esta xa é de grande entidade. A producción vista na Coruña, alugada ó Maggio Musicale Fiorentino, tería certa gracia se estivese ben realizada. Sosa en xeral, e irregular no canto: Ingrid Kaiserfel, no rol de Konstanze (fora a Raíña da Noite na Frauta) debería amosar unha emisión máis sólida na zona aguda. Werner Güra, típico tenor alemán de material interesante e emisión gutural e afalsetada, aburrido como Belmonte aínda que aceptable no máis lírico. O baixo Selig, que fora Sarastro na Frauta, ten excelente voz e gusto, pero con emisión branda que resta nobreza a Sarastro e gracia ó turquísimo gardián do serrallo. A catalana Ruth Rosique, como Blonde, foi a máis graciosa e adecuada. López Cobos tirou da OSG requintadas belezas, pero non contribuíu a acendela chispa.

No cumio con Tancredi. O evento rematou coa agardada producción do Festival Rossini de Pésaro, Tancredi. Contábamos cunha manchea de alicientes. En primeiro lugar, a dirección escénica de P.L. Pizzi, un regista de grande sensibilidade que parte da música; no foso, coa OSG; A. Zedda, director daquel Festival, na teoría e na práctica a máxima autoridade actual sobre Rossini; no palco scenico dous atractivos grandes: como Tancredi unha cantante emerxente do repertorio belcantista, a mezzosoprano Daniela Barcellona, como Amenaide -a namorada de Tancredi- a moi celebrada nova soprano María José Moreno. Cumpríronse as expectativas. Pizzi acadou unha esencial simbiose entre a posta en escena e a música de Rossini, que Zedda conduciu en tódalas súas posibilidades. A efusión lírica contou coa prestación fermosa e excelente de María José Moreno, endebén os sobreagudos non estean ben recuperados. A Barcellona é cantante de estilo e gusto, con boa técnica, pero a súa voz non ten anchura abondo para un rol como o de Tancredi, ben de prestancia física e adecuado no concepto. O coro de voces masculinas da Comunidade de Madrid estivo magnífico, especialmente no vocal.

Bos momentos sinfónico-vocais. Os concertos sinfónico-vocais e simplemente sinfónicos tiveron como protagonista á OSG e como orquestra invitada á Real Filharmonía de Galicia. O primeiro concerto foi na Igrexa de Santo Domingo –de deficiente acústica-, coa OSG e o seu coro, e Víctor Pablo. Para deleite do público programáronse o motete mozartiano Exultate Jubilate, que Soledad Cardoso defendeu como puido, e a Misa en sol maior de Schubert. Bonitos.

Momento de altura houbo cunha das grandes obras da etapa serodia de Franz Joseph Haydn A Creación. Novamente a OSG, o Coro de Cámara do Palau da Música -magnífico tamén nas funcións de A Frauta- e Víctor Pablo, coa soprano Ruth Ziesak, o tenor W. Gúra, e o baixo F.S. Selig. Suxestiva versión, na que todos aportaron musicalidade e bo gusto baixo a guía de Víctor Pablo.

Moi interesante concerto foi o que deron a OSG e o formidable pianista Christian Zacharias, quen fixo tamén de director. Acadaron un dos mellores momentos do Festival co Concerto para piano nº 24 de Mozart e unha interesante versión da Cuarta Sinfonía de Beethoven. Decepcionou o agardado Paul McCresh á fronte da Filharmonía.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 75, agosto 2003)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: