A Xunta de Xuíces de Lugo ratificou a súa postura favorable á supresión das vistas por causas penais que estaban a facer nos partidos xudiciais da provincia. Se como semella, a decisión dos xuíces lucenses é atendida polo Tribunal Superior de Galicia, as persoas involucradas coma encausados, peritos ou testemuñas nos procesos penais terán que se desprazar ata Lugo capital para acudir ó xuizo.
Ata agora, os dous xuíces do penal facían desprazamentos a Monforte, Viveiro, Vilalba, Mondoñedo, Fonsagrada e Becerreá. Os dous xuíces solicitaron á Xunta de Lugo a supresión das viaxes á provincia debido á acumulación de traballo ocasionada pola reforma do Código Penal, que lles ampliou competencias, solicitude que foi atendida pola Xunta de Xuíces e polo Tribunal Superior de Galicia.
Avogados, procuradores, alcaldes e outras autoridades políticas, manifestaron a súa postura contraria á supresión e anunciaron a presentación de recursos contra a medida, algo que non fixo cambiar de opinión ós xuíces de Lugo e que supónse que tampouco influirá no Tribunal Superior de Galicia, cuia resposta pode ser coñecida durante esta semana.