Unha xuiza de Xénova ordeou arquivar o caso contra Mario Placanica, o policía acusado da morte de Carlo Giuliani en xullo de 2001 nas protestas antiglobalización durante o cumio do G-8. A decisión da maxistrada apoiase no informe do fiscal que considera que o carabiniere actuou en lexítima defensa. Como se puido apreciar nun video gravado por un afeccionado, Giuliani achegouse a unha furgoneta da policía cun extintor de incendios nas mans. Nese momento, Placanica disparou coa pistola regulamentaria e o mozo caeu morto. Despois de coñecer a decisión da xuiza, o pai de Giuliani cre que se quere agachar a verdade.
O líder do Fórum Social, Vittorio Agnoleto, cualificou o arquivo do caso de decisión gravísima, coa cal o Estado se autoabsolve de toda responsabilidade. Engadiu que é evidente que non existe a vontade de procurar a verdade co obxectivo dunha verdadeira xustiza.
A xuíza ordeou tamén devolverlle ao policía as armas e as municións requisadas e aos familiares de Giuliani, os efectos persoais do mozo.