Por Xosé Luís Castro
Do Consello de Redacción de Canal de Estudios Galegos
:: A editorial Galaxia abre unha nova colección, a Biblioteca do Teatro, cunha traducción do francés: Introducción ás grandes teorías dramáticas de Jean-Jacques Roubine.
Hai doce anos que se publicou na súa lingua orixinaria esta obra de carácter ensaístico sobre as teorías dramáticas que gobernaronn diversos capítulos da historia do teatro francés. Agora gracias á traducción feita por Xoán Manuel Garrido Vilariño, Galaxia estrea unha colección especializada en estudios dramáticos.
Aínda que desde o título e o exposto na súa contralapela- nos dea a impresión de que atoparemos neste manual teórico todas as teorías dramáticas do mundo enteiro, só é verdade a medias: analiza distintas teorías dramáticas pero cun mundo moi particularizado, como é o da escena francesa. Certo é que no século XX por Francia pasou o máis selecto dos dramaturgos da escena mundial deixando alí unha marcada estela nos dramaturgos, obras e escenarios franceses; isto demostra que o teatro francés viaxa e circula (p.10). Jean-Jacques Roubine procede a expór as teorías dramáticas con maior protagonismo en Francia seguindo unha liñealidade histórica, a comprendida entre o s. XVII ata a súa actualidade... a de 1989... A nosa é a que vén despois de doce anos.
O primeiro capítulo, Aristóteles revisitado, adícase aos conceptos fundamentais da Poética e das lecturas e interpretacións particulares que fixeron os dramaturgos franceses no s. XVII, que vai desde o respecto máximo ata unha irreverencia cara a ela. Entre os ortodoxos atoparase Chapelain como un dos seus máximos defensores; eles terán como mandamentos do seu credo: a construcción do poema dramático perfecto antes ca súa posta en escena, defensa dunha estética da xusta medida, predominio do verosímil, o respecto ás tres unidades... mais polo medio houbo outros glosadores, quen fixeron as súas libres lecturas do texto de Aristóteles.
No capítulo titulado Da traxedia ao drama, céntrase o autor no s. XVIII, cando a prescriptiva aristotélica xa deixou de estar como o imperativo dramático sen outra alternativa posíbel. Agora o teatro berra por novos cauces. Deste xeito, romperase coas regras en favor dun realismo nas táboas, á vez que se reclama un coñecemento do xeito de materializar un texto no espectáculo. Estamos no Século das Luces e con el o teatro tiña que cumprir mellor a súa tarefa social: [
] sería escola de todas as virtudes familiares, sociais e políticas [
] (p. 87). Pioneiros desta renovación na teoría dramática serán: Voltaire, Mercier, Diderot, Beaumarchais, entre outros.
O século XIX é abordado no capítulo III, O principio da realidade, onde se fala do casamento entre historiadores e dramaturgos. Deste período destácase sobre todo, o interese que teñen os autores por preocuparse polas postas en escena. Chama a atención que literatos naturalistas destacados en prosa como era Zola, acaben teorizando nun eido no que eles eran pouco menos que peregrinos: o da creación dunha estética naturalista no teatro. A finais do s. XIX os escenarios franceses fanse eco das teorías de Stanislavski (as referentes ao actor e ás súas técnicas de interpretación) e de Maeterlinck (simbolismo teatral).
O capítulo que pecha o libro céntrase no s.XX, ata a actualidade de 1990, baixo o suxerente título de As seis tentacións do teatro. Nel aparecerán nomes de dramaturgos de distintos países que fai que algunha vez Jaen-Jacques Roubine esqueza por completo relacionalos co ámbito francés e só se limita a expór as súas teorías. O trazo característico dos homes de teatro é que agora só teorizan para o seu uso persoal e xa non tanto pola afán da procura dunha teoría que cre unha escola: [
] a escena do s. XX foise facendo (relativamente) tolerante e (relativamente) receptiva a todas as achegas, polo tanto, a todas as teorías. [
] (p. 160). Pilares fundamentais do teatro francés máis recente son: Brecht (Alemaña), Artaud (Francia), Appia (Suíza), Craig (Gran Bretaña), o Living Theatre (USA), Grotowski e Kantor (Polonia). ¿Alguén dubida agora do cosmopolitismo do teatro francés? ¿Arriscado falar das teorías francesas como das ...grandes teorías do teatro a nivel mundial? Polo menos, agora, despois do encontro con Roubine xa o dubidamos.
Jean-Jacques Roubine
Introducción ás grandes teorías do teatro
Trad. de Xoán Manuel Garrido Vilariño
Vigo: Galaxia, col. "Biblioteca de Teatro", 2002
ISBN: 84-8288-535-9 Editorial Galaxia
ISBN: 84-453-3352-6 Xunta de Galicia