Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Carta a Man, o Alemán de Camelle

Ese espanto de manchas enormes de marea negra que se estende polo noso mar, e que ti xa sufriches hai días arrasando o teu museo, eu, de momento só as mirei en imaxes de televisión e fotografías. Si que vin, en Laxe, o escuro piche recubrindo o pequeno peirao da beira do cemiterio, e tamén os cons da beira. E moi cerquiña vin agalipotadas todas as pedras dunha entrada que se chama a Furna da Escuma, porque naquel lugar ese mar océano que ti tanto amas, nalgunha marea enchía como unha especie de válvula natural, e co efecto sifón as augas ceibes escumaban a aba daquel monte que non sei se coñecerás. É onde está o faro de Laxe. Perto do Cabo da Laxe, logo. Por Xosé Luís Santos Cabanas.

- 13:36 05/12/2002
Tags:

Querido Man:

Foi sábado, un día antes da grande manifestación de Compostela da que non sei se ti oirías, pois teño a idea, e corrixirasme se me equivoco, de que, desde hai tempo, a túa cabeza anda en cousas das que non te podes distraer. Ese sábado aínda non chegara á costa a segunda bocalada de peste negra. Mariñeiros/as miraban desde alí as augas, que aquel día aínda non tiñan escura a tona. Pero era moi estraña a color, meu querido Man, moi estraña. Semellaba artificial, aquel azul, coma o cheiro a contaminación que mataba a intensidade dese aroma mariño que eu, asegúrocho, amo tanto coma ti.

Díxenlle a aqueles mariñeiros que o vía raro, ao mar. Un deles contestoume, abaneando a testa, cun aceno de pena na boca.

-Quitáronlle o orgullo.

Falamos despois da atrocidade, da incompetencia, da indecencia dos políticos, do cinismo, da desgraza, da necesidade de protestar, de botalos, da rabia. Non tiñamos palabras. A peste xa andaba daquela polos baixos mariños, que un dos homes que alí estaba xa erguera unha nasa con centolas achapapotadas.

Unha muller, aínda nova, lembrouse naquel instante de ti. Vírate na televisión. Derrotado. Falaba de ti, Man, dese home que en tempos xa tan arredados foi un neno alemán da guerra, e que de mozote decidiu acubillar en Camelle. E xa irá para os corenta anos que dediciches usar como única prenda de vestir o taparrabos, e bañarte verán e inverno nas augas bravas do teu mar de Camelle.

Eu mireite por primeira vez, daquela non había turistas por aí, hai máis de vinte anos, non te lembrarás, que desde entón recibiches moitas visitas. Aínda recordo o meu asombro cando te descubrín, alto, loiro, esvelto, case nú, correndo mollado por entre as barcas varadas do porto. Viñas de nadar, un día calquera do inverno. Chovía, era no mes de xaneiro se a miña memoria non me engana.

Daquela xa descubriras como para ti o círculo era a fórmula perfecta.. Por eso te dedicabas a pintalos de tamaños varios nos cantilados, nas pedras do medio do mar, nalgunha casa se te deixaban. Aínda non crearas o museo, ese teu espazo entre as rochas, na mesma beiriña da costa, valéndote das pedras que por alí mesmo achabas, e sempre predominou a dondez da esfera nesas esculturas que foches compoñendo, e un pensa que miraban o mar como se ti lles prestaras os teus propios ollos. Só ti e o mar lles destes forma, a aquelas rochas, Man, e tamén as pintaches de cores vivas. A peste negra enterrouchas no piche.

É a Morte, dixo aquela muller de Laxe que ti dixeras. Chorabas. Se cadra porque eses cristaliños varios que instalaras na túa cabana xa non che valían para mirar a través deles o mar, para vestilo da color que ti elixiras. Porque nos anegaron en negrura o mar, Man, ti ven o viñes.

Á muller de Laxe e aos mariñeiros que estaban ao meu carón tamén lles arruinaron a vida. Sabíano. Pero un deles dixo:

-Por favor, que non o deixen entrar na Ría de Arousa. Que salven polo menos algo. Que fagan algo, que aínda están a tempo. Que ata agora non fixeron nada, a parte de dicir mentiras.

Ti, Man, que levas tantos anos preocupado polas túas pinturas, polas pedras que traballas a medias co mar, se cadra non reparaches en que o Mar de Arousa é dos máis fértiles do mundo. Se cadra nunca fuches por alí, que aínda non che deu tempo, ocupado como andas disfrutando da tolemia exaltada e veemente dese teu mar da Costa da Morte, que tamén sabe de momentos docísimos de calma.

Foi sábado, Man, como xa dixen, cando mo dixeron: que non a deixen entrar na Ría de Arousa. Mais esta burla negra entrou. Se algo se salva, se non arruínan todas as Rías Baixas, será, querido Man, porque os nosos vellos mariñeiros, eses homes tremendos que atúan o mar, se enfrontaron á peste negra aínda sen teren medios, porque pasaron por riba do cinismo dos responsables da catástrofe. Eles e máis as mulleres de corazón rexo daquela costa.

Confésocho, Man. A min tamén me doe o corazón. Porque coma ti, querido Man, amo o mar coa intensidade da onda máis fera rebentando nos cantís do Roncudo, de Teixido, das Cies, no Mar de Fóra.... E as bágoas de tristura e rabia porfían por saír, amigo Man, se penso na catástrofe. Pero non as deixo. Porque non é tempo de chorar.

É tempo de limpar o mar, claro que si. De conseguir que os responsables da atrocidade declaren a 'zona catastrófica', para que a xente pase a menor fame posible. Pero hai que limpar tamén esa outra Burla Negra, a burla negra dos que están demostrando que odian o teu e o meu mar, Man, o mar de todos, que desprezan públicamente este meu país e as súas xentes galegas. Non sei se os viches, todos engarabatadiños, con esas súas caras de cemento armado, aos que non nos queren deixar ser nós propios, aos que por non deixar nin queren deixar que limpemos.

Non sei como, Man, pero faremos esa limpeza profunda. Non te desanimes. O noso amigo o mar, tan exaltado, sobre todo aí, na túa Costa da Morte, choutará outra vez ceibe para ti, para todos, traballará máis pedras. E a pintura xa a procuraremos.

Eu, Man, pola miña parte, penso que as miñas obrigas vanme permitir achegarme á costa da Arousa esta mesma tarde. Teño amigos por alí, e a ver se limpamos unha pouca merda. Pero prométoche, Man que, na medida das miñas pobres forzas, traballarei arreo o resto da miña vida para facer esa outra limpeza, tan necesaria, da Burla Negra dos que levan séculos desprezándonos.

Un meu amigo di que a Marea Negra, ese pegañento piche co que pretenden afogar a vida do noso mar, ven sendo a materialización dos pensamentos destas xentes cínicas, esas da cara de cemento armado. Non sei que che parecerá a ti. Para min que está no certo.

E sen máis por hoxe, que me apura o tempo. Recibe, querido Man, unha forte aperta deste teu amigo que ti non coñeces.

Ánimo, Man.


Compostela, 5 de decembro de 2002.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: