Pedimos dende o primeiro momento, reiteradamente, que se fixese o trasvase de fuel, pero as autoridades empeñáronse en alonxalo. Iso non soluciona nada, O Prestige era unha bomba química. Dende a asociación ecoloxista Adena son moi críticos coa decisión das autoridades españolas, que impediron que se realizase o trasvase no momento en que segundo os expertos tivese sido posible. Denuncian ademais a descoordinación e ausencia de medios e amosan tamén a súa preocupación pola posibilidade de que os ventos e as correntes leven a que se vexa afectado o banco galego, zona de extraordinaria riqueza ecolóxica a uns 200 quilómetros da costa galega.
O trasvase en alta mar era de feito unha das opcións preferentes da empresa holandesa encargada do rescate, pero non puido poñerse en práctica debido á negativa da administración a autorizalo dentro da súa zona económica exclusiva.
Non estamos de acordo coa solución das autoridades, empecinadas en alonxar o buque da costa, como se iso solucionase realmente o problema. Debería terse transbordado o fuel a outros buques. Iso tería sido posible.
Adena lembra que a partir de agora hai que tomar unha serie de decisións, na liña que os grupos ecoloxistas levan tempo pedindo: Declaración das augas galegas como zona de especial protección onde se prohíba o tránsito de buques con carga perigosa nas proximidades da costa. Prohibición da circulación de buques petroleiros sen dobre casco en augas comunitarias, cumprimento da normativa europea por parte de todos os buques que operen en augas e portos comunitarios, independentemente da nacionalidade que teñan, creación dun rexistro de petroleiros que cumpran a lexislación, limitando a estes a posibilidade de operar nas nosas augas, ....
Adena, con longa experiencia na recuperación de fauna afectada por hidrocarburos puxo tamén a disposición da comunidade o seu equipo de acción rápida, Operativo Ergos, que ten actuado en situacións similares xa en Galicia e noutras latitudes, coma o Golfo Pérsico ou a Patagonia.
Adena advirte tamén que a ruta seguida polo Prestige mentres era remolcado, achégao perigosamente ao Banco de Galicia, zona localizada a uns 200km. das costas galegas de extraordinaria riqueza ecolóxica, cuns fondos que acollen unha gran biodiversidade mariña, e que eles mesmos propuxeron para protección baixo o Sistema de Áreas Mariñas Protexidas