O feito de que ao restaurar a vella ponte de Vardar a ponte máis vella de Skopje se produciran danos graves, preocupa moito aos macedonios. As eleccións parlamentarias que están próximas, soamente lles importa de forma marxinal. E iso a pesar de que Macedonia está ante un cambio de goberno polo menos iso é o que indican as enquisas. Segundo o sondeo máis recente do Instituto Internacional Republicano (IRI) estadounidense, un 30 por cento da poboación con dereito a voto ten a intención de votar o próximo 15 de setembro pola coalición de liberais de esquerda Xuntos por Macedonia, encabezada polo ex-Primeiro ministro Branco Crvenkovski. A gobernante coalición conservadora-liberal, segundo os sondeos, obtería unicamente un nove por cento dos votos.
Na actualidade, en Macedonia goberna unha alianza de tres partidos, tanto macedonios como albaneses: o Partido Democrático da Unidade Nacional Macedonia (VMRO-DPMNE), o Partido Liberal de Macedonia (LPM) e o Partido Democrático Albanés (DPA). O partido albanés, o DPA, ten un vínculo sorprendentemente forte cos seus socios gobernantes, habida conta que o líder do partido, Arben Xhaferi, é un antigo membro de asociacións secretas de albaneses nacionalistas e ideólogo dunha Gran Albania. Sen embargo, os dous partidos dominantes son os macedonios, que se atopan nun dilema.
Os seus éxitos económicos son modestos, pero manexaron ben a crise existencial do ano pasado, cando terroristas do Exército de Liberación Nacional (ELN) de Cosova se aproveitaron da distancia étnica entre macedonios e albaneses para provocar meses de loitas no Norte de Macedonia, o que case levou a unha guerra civil. O goberno acabou coa guerra importada cunha dobre estratexia, militar e civil, que evitou unha escalada belicista das tensións interétnicas no próximo futuro. O segredo deste éxito radica no Acordo marco de Ohrid, asinado en agosto de 2001, que pretende regular en detalle unha vida común dos macedonios e a minoría étnica albanesa. O goberno realizou unha serie de esforzos para implementar o Acordo Marco, para defender os dereitos das minorías e chegou incluso a recomendar o Acordo de Ohrid como modelo para a solución de problemas con minorías aos seus veciños balcánicos. Sen embargo, en canto á política interior de Macedonia, estes logros non serán suficientes para gañar as eleccións. A poboación macedonia, pouco a pouco, se está esquecendo da crise do ano pasado, pero non se olvidarán da súa situación económica desfavorable: altas cifras de desemprego con tendencia a aumentar, reformas estancadas, escasos investimentos estranxeiros, etc.
O competidor máis grande da coalición gobernante é a alianza Xuntos por Macedonia, formada pola Unión Socialdemócrata de Macedonia (SDSM), co seu líder Branco Crvenkovski, e outros oito partidos. Entre estes socios se atopan grupúsculos insignificantes, pero tamén agrupacións étnicas interesantes, coma o Partido Demócrata Serbio. O modelo desta alianza parece ser o exemplo da Oposición Demócrata Serbia (DOS), unha coalición de orixinalmente 19 partidos. Pero existen dúbidas respecto a se iste modelo é aplicable tan doadamente a Macedonia, porque seguramente a SDSM houbera podido realizar os seus plans en solitario, e mellor. As tres estratexias da campaña electoral da Unión Socialdemócrata foron presentadas por primeira vez o pasado 25 de xullo. En concreto, se trata de: 1. paz e seguridade; 2. actuación contra a criminalidade e a corrupción; 3. actuación contra o desemprego, creación de emprego, diminución da pobreza.
Noutras palabras, a coalición gobernante pode facer gala dos seus éxitos de política de seguridade que posiblemente xa non surten efecto mentres que o competidor aposta por estratexias razonables para o desenvolvemento interno, polo que o elector pode preguntarse por qué non aplicaron desas estratexias cando estaban no poder. As dúas coalicións pretenden difundir os seus programas, e levan xa meses nese empeño, cousa que, segundo a Lei de elección de deputados non está permitida, dado que a campaña electoral se contempla para os 30 días anteriores á elección.
A maior incógnita no bloque albanés é a Unión Democrática pola Integración (UDI), formada e encabezada polo antigo líder do ELN, Ali Ahmeti. O número de membros, a estructura do partido, así como as súas fontes financeiras son datos impenetrables, tamén para a OSCE, a quen lle asegurou Ahmeti, que procuraba unha campaña constructiva e sen violencia contra a criminalidade e a favor do Acordo de Ohrid. A este movemento, fundado o pasado 5 de xuño, se sumaron algúns membros dos principais partidos parlamentarios albaneses. A nova formación ten bastantes posibilidades de facerse coa maioría dos votos albaneses. Pero a semana pasada as autoridades de Skopje anunciaron un plan para deter ao ex líder da disolta guerrilla albanesa por supostos crimes de guerra e xenocidio. O portavoz do Ministerio do Interior, Vojislav Zafirovski, declarou que en xuño se emitiu unha orde xudicial de captura de Ahmeti 'por xenocidio e crimes de guerra contra civís'.
Sen embargo, un cambio de goberno probablemente non significará a fin do abismo entre macedonios e albaneses. Sendo os macedonios, con dous tercios, a maioría da poboación da pequena república balcánica de aproximadamente dous millóns de habitantes, as dúas comunidades étnicas están testarudamente separadas en mundos paralelos, pese aos progresos advertidos na solución da crise política do país. Existe un consenso sobre o Acordo Marco de Ohrid, ao igual que sobre a cooperación entre partidos macedonios e albaneses. Os adversarios non son os bloques étnicos, senón máis ben os dous bloques de partidos, que ambos inclúen partidos tanto macedonios como albaneses. O problema é a escasez de persoeiros que gocen de prestixio e autoridade nos dous bloques políticos e étnicos. En resume, se produza ou non un cambio de goberno, non cabe esperar cambios significativos en canto á mellora das relacións entre macedonios e albaneses, a situación económica ou a loita contra a criminalidade e a corrupción. Polo tanto, non é de estrañar que aos macedonios lles importen máis os danos causados na ponte máis vella de Skopje...