A pasada fin de semana tiveron lugar na Casa da Cultura de Fene as XV Xornadas do Humor. Entre os actos programados destacou a entrega dos premios Curuxa do Humor, que recoñecen o labor dos humoristas. Nesta edición, unha das Curuxas, a gráfica, voou ata Croacia para acompañar ao debuxante Anton Reisinger.
O sábado a xornada estivo centrada no eido da caricatura. Tras unha charla de orientación sobre esta materia, a cargo de Xaquín Marín, debuxantes como Omar Pérez, David Pintor, Kiko da Silva, Abraldes e Leandro Barea inmortalizaron en ton de humor aos asistentes que así o solicitaron.
Xa o domingo chegou a quenda da entrega dos premios Curuxa do Humor que este ano foron para o IES de Mugardos, o croata Anton Reisinger, Aurora Suárez, Xaime Pita Varela e Xosé Lois González "O Carrabouxo", quen recibiu a Curuxa de Honra. Mentres Reisinger, premiado na categoría de Curuxa gráfica, viaxou dende o seu país de orixe ata Fene para recoller o premio, o conselleiro de Presidencia, Xaime Pita, mandou a Hipólito Fariñas no seu lugar. Cousas que ten o humor.