O papel que Ferrol desempeñou como berce de autores e activistas da cultura galega ao longo dos 50 anos de historia de Editorial Galaxia será o tema sobre o que xirará a charla coloquio que terá lugar na Capela do Centro Cultural Torrente Ballester ás oito do serán deste martes. Nela participarán Xavier Alcalá, Ramón Loureiro, Antón Cortizas, Pedro Blanco Llano, María Ares e e Damián Villalaín.
Esta charla coloquio realízase de xeito paralelo á exposición itinerante "Editorial Galaxia 1950-2000. Palabras para un país", que se pode ver no Centro Cultural ata o vindeiro 28 de marzo.
Ferrol é unha cidade na que naceron, viviron ou traballaron moitas das persoas que destacaron polo seu compromiso con Galicia e a súa cultura. Entre elas Xohana Torres, Ricardo Carballo Calero, Ernesto Guerra da Cal, Xohán Ledo, Tomás Barros, Siro ou Xaquín Marín. Esta xornada trata de ser unha homenaxe a todas elas.