"Resulta triste e indignante que aínda pervivan lugares como o zoo da Madroa, no que os animais se atopan en condicións degradantes condenados a tolear entre reixas e sen poder coñecer nen desfrutar o seu medio natural. A causa do seu recrutamento: ser animais. O único obxecto da súa vida: ser exhibidos perante animais humanos insensíbeis a este sufrimento". Asociacións ecoloxistas e de protección dos animais de Vigo resumen con estas palabras a cruel realidade do zoo de Vigo. Alén de reclamaren o peche de Vigozoo, propoñen alternativas "que ensinan sobre os animais e a natureza, ou que os protexen, e o seu desenvolvemento non implica sofremento animal", como instalacións para a educación ambiental ou "un parque zoolóxico virtual".
No marco da súa campaña contra Vigozoo, a Asociación Protectora de Animais sen Fronteiras, Erva-Ecoloxistas en Acción, o Grupo Ecoloxista O Modaco e Liberación Animal editaron un tríptico no que explican a lamentábel situación de Vigozoo. Cualifican como "parches" as últimas reformas e describen as penosas condicións que teñen que soportar os animais: falta de recreación dos hábitats naturais, carencia de coidados sanitarios adecuados, reducido tamaño dos recintos, profundidade mínima dos estanques, ubicación nunha zona con microclima frío e moi húmido,.... Vivindo nun contorno tan hostil, non sorprende que sexan comúns as conductas antinaturais e "os sinais de anguria e tristeza".
Vigozoo incumpre a directiva europea relativa aos zoos: nin fomenta a educación e a tomada de conciencia sobre a conservación da biodiversidade, nin participa na investigación orientada á conservación das especies nin fornece aloxamento aos animais en condicións axeitadas.
Os promotores da campaña polo peche de Vigozoo cuestionan en calquera caso a existencia de zoos, ao entenderen que non son precisos e que sempre conlevan un certo grao de sofremento animal. Propoñen como alternativas a creación de instalacións como un "centro de apoio a centros de recuperación de fauna autóctona", "un viveiro forestal", equipamentos de educación ambiental, "un xardín botánico", "un museo de cousas non vivas", "un parque zoolóxico virtual" ou "instalacións destinadas ao coidado de animais abandonados".
Unha vez pechado Vigozoo, achan que o óptimo sería levar os animais aos seus lugares de orixe. Se isto non for posíbel, suxiren a súa entrega a centros de recuperación ou a santuarios, "sempre o máis preto do seu lugar de orixe" e, como última alternativa, o traslado a outros zoos.
Podes colaborar coa campaña ou achar máis información escribindo ao apartado de correos 317.
36200 Vigo.