Manuel Murguía e Ricardo Carvalho Calero son o centro de atención do novo número, 147, da revista Grial que a Editorial Galaxia presenta na tarde deste mércores na Librería Lume.
O subdirector de Grial, Xavier Castro, e a profesora Tato Fontaíña, que meses atrás presentaba tamén un volume especial sobre a obra teatral de Carvalho Calero, acudirán ó acto de presentación do novo número de Grial.
Precisamente Carvalho Calero, ademais de Manuel Murguía, centrarán a atención deste Grial. O Murguía historiador, o seu vencello coa Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, documentos inéditos e novos datos biográficos, ou aspectos do ideal de lingua de Carvalho Calero son algúns dos contidos desta edición. Ademais, unha entrevista ó escritor cubano Miguel Barnet e unha comparativa lingüística de Galicia e Moldavia.