Os herdeiros de quen vai ser homenaxeado o vindeiro Día das Letras, Eladio Rodríguez González, veñen de chegar a un acordo coa Editorial Galaxia. O trato concede á empresa viguesa os dereitos exclusivos de publicación da obra do intelectual. A decisión foi argumentada polos herdeiros desde dous puntos de vista. Por unha banda, afirmaron que o elevado número de depositarios do legado e a súa dispersión física dificultaba a boa xestión da obra. Ademais, salientaron o papel destacado de Galaxia na edición galega e o feito de que publicara no periodo 58-61 a obra maior de Eladio Rodríguez: o Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Polo tanto, decidiron outorgar a Galaxia todos os dereitos da obra completa do autor, en todo o mundo e sen límite de tempo. A editorial olívica publicará nas vindeiras semanas unha biografía titulada A vida de Eladio Rodríguez González, preparada por David Otero, e unha edición facsímile do devandito Diccionario enciclopédico gallego-castellano.
.