Nas eleccións municipais de 2003 o BNG acadou o 19,4% dos votos e sumou case 600 concelleiros e 325.000 votos, o mellor resultado do nacionalismo desde as autonómicas de 1997.
Na última cita electoral, as autonómicas de 2005, o BNG recolleu o 18,6% dos sufraxios. Agora as expectativas fíxanse en poder superar o teito das municipais anteriores e abrir así unha nova etapa de avances electorais que consolide a presenza nacionalista na Xunta de Galicia ampliando os seus poderes territoriais.
A lección está aprendida: en Galiza, o nacionalismo dificilmente pode aspirar a ser unha sólida alternativa nacional se ten unha fraxil presenza municipal. Cohesionar o seu espazo electoral afincándoo nas administracións locais é decisivo para reducir a volatibilidade do voto nacionalista nas eleccións xerais, europeas e mesmo autonómicas. Fidelizar as súas bases electorais a partir dun traballo político de proximidade nos concellos resólvese como a mellor solución para resistir os avatares utilitaristas aos se ve sometido o BNG por mor da polarización bipartidista.
O primeiro desafío salvouse con éxito. Por primeira vez na súa historia o BNG conseguiu presentarse nos 315 municipios do país. Agora queda someter as candidaturas á proba dos electores. As sondaxes apuntan xa que o BNG non terá un comportamento electoral unitario. Mándarán de xeito decisivo os condicionantes locais e a cartografía que achegue a xornada do 27-M ofrecerá, de certo, claros e escuros.
Tres incógnitas enriba da mesa. A primeira tócalle ao comportamento electoral do BNG na Gz-8, no conxunto dos grandes concellos urbanos. A segunda será verificar se o nacionalismo valida unha tendencia apuntada en comicios anteriores: a súa consolidación como unha alternativa con arraigo nas vilas cabeceiras de comarca e, subsidiariamente, en concellos significados das áreas metropolitanas de Coruña, Vigo e Santiago. E, por último, que porosidade social terá o nacionalismo nos micromunicipios rurais agora que está investido como partido do poder galego.
A batalla urbana e as expectativas na Galiza do Sur
Na Gz-8 o BNG suma actualmente 74 concelleiros e concelleiras. En 2003 as candidaturas nacionalistas recibiron na Galiza urbana case 128.000 votos, o que representa 40% do seu voto municipal. As mellores expectativas ofrécellas a Galiza sudista.
Segundo apuntan todas as sondaxes, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores reterá a alcaldía da vila do Lérez; amais os sufraxios do BNG serán decisivos para desprazar á conservadora Corina Porro do goberno de Vigo e Alexandre Sánchez Vidal é a alternativa máis solvente para derrotar ao PPdeG en Ourense. Os resultados de Vigo e Ourense semellan que se van decidir grazas a un cativo monllo de papeletas.
Volver ao goberno vigués e estrear a alcaldía ourensá sinalan as máis altas expectativas do BNG no mundo urbano. Permanecer no goberno da capital de Galiza constitúe outros dos obxectivos da fronte nacionalista; superar a «síndrome Orozco» en Compostela e seguir sendo decisivos para a formación da maioría de goberno será unha dura pero non insalvábel proba para a candidatura de Néstor Rego.
Pola súa parte, os froitos electorais na Cidade Departamental semella que van ser agridoces, a dereita pode ser derrotada e un tripartito, que ha de contar necesariamente co BNG, farase co goberno ferrolán, pero todo indica que os nacionalistas sufrirán unha considerábel perda de apoios electorais en beneficio de Esquerda Unida e do PSdeG. A perda de apoios do PSdG vilagarcián pode conducir igualmente a formación dunha coalición de goberno plural con presenza do BNG.
Finalmente, as maiorías absolutas dos socialistas na Coruña e Lugo parecen garantidas o que condenará ao BNG a cumprir un incómodo papel como «oposición desde a esquerda» e mingua as súas posibilidades de medre electoral.
O avance vilego, clave do éxito
A capacidade do BNG para consolidar e ampliar o seu voto vilego o próximo domingo indicará o grao do seu avance electoral. Vilas cabeceiras de comarca como Carballo, Ribadeo, As Pontes, Ordes, Ponteareas, Melide ou concellos das grandes áreas metropolitanas como Teo e Ames en Santiago; Sada na da Coruña; Fene e Mugardos en Ferrolterra, ou Moaña, Cangas, Bueu no Morrazo serán decisivas para ampliar os caladoiros electorais do BNG.
As elección autonómicas de 2005 rexistraron unha elevada cota de audiencia do nacionalismo en moitas circunscricións vilegas, onde agora moitas das súas candidaturas municipais son altamente competitivas non só fronte ao PSdeG senón tamén perante o Partido Popular.
Os concellos pequenos tamén suman
O aumento no número de concellos nos que se presenta o BNG e sobre todo o reforzo que significa a presenza do nacionalismo na Xunta de Galicia permitirán presumibelmente mellorar o seu posicionamento en moitos concellos rurais.
Anxo Quintana foi recibido en Riotorto por veciños que pedían «un Allariz pero en pequeniño». No mundo rural Allariz é a proba palpábel de que «outros concellos son posíbeis». Fronte á consideración dos microconcellos como territorios desfiuzados e entregados a súa desertización demográfica e ao abandono institucional, o labor realizado polo BNG sinala as posibilidades de éxito dun modelo de desenvolvemento orientado a poñer valor os recursos naturais e a fortalecer as especializacións económicas locais, achegando ademais alternativas turísticas e de lecer de calidade e un urbanismo ecosostíbel.
O BNG ten un modelo practicábel e exitoso e conta agora ademais con instrumentos político-financeiros que facer realidade «a clonación de Allariz» en numerosos concellos do interior de Galiza. As políticas de igualdade e benestar, a construción de Galescolas e Centros de Día, o pulo de vivenda protexida, o apoio á diversificación agrogandeira e á produción forestal, a promoción do pequeno comercio e do turismo cultural, a preservación do patrimonio histórico-artístico ou a extensión da sociedade da información son competencias xestionadas polo BNG na Xunta de Galicia e delimitan un conxunto de políticas públicas decisivas para tirar da vía morta a moitos dos concellos do rural galego. Queda por ver se moitos veciños e veciñas reparán nese potencial e concedenlle ao BNG confianza política suficiente para gobernar como en Allariz.