Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Vilagarcía: A calculadora pide pactos

Atrás das grandes metrópoles, Vilagarcía aparece á cabeza das urbes galegas de tamaño medio. Os prognósticos avisan de caída na maioría socialista e dun posíbel tripartito.

R.N. - 09:00 17/05/2007
Imprescindíbel botar man da calculadora por terras vilagarciáns. Os números que deciden o reparto das forzas na casa do Concello arousán amosan unha tan complexa como atractiva pluralidade. Con todo, a tendencia de voto indica claramente que os arousáns votan esquerda, coas formacións teoricamente progresistas dobrando en apoios aos grupos máis á dereita.

O factor clave nestes comicios en Vilagarcía de Arousa é a temperá e relativamente inesperada decisión do alcalde Xavier Gago de deixar o bastón de mando. A súa marcha abriu interesantes perspectivas no mapa electoral. A inestábel situación do socialismo arousán foi conducida estreitamente desde a executiva touriñista. Moi cedo, o dedo apuntou a Enrique León, ex comisario compostelán, para a sucesión. Con todo, non parece especialmente ambiciosa a aposta polo relanzamento dun liderado firme no PSdeG local. A percepción é dunha caída significativa en apoios, e as sondaxes agóiranlle á caída até dous escanos por baixo dos resultados de 2003.

Transvase de votos entre a dereita
O sector conservador está representado polo PPdeG liderado por Tomas Fole e polos independentes de Xosé Lois Rivera Mallo. O reinado popular nos anos 80 deu paso a unha longa hexemonía socialista. Os últimos refachos daquel goberno popular sobreviven na candidatura independente liderada polo tamén ex senador Rivera Mallo, quen está á fronte dos Independentes por Vilagarcía, IVIL.
O PP local reduciu a inestabilidade interna, pero a pretendida renovación houbo de apandar con varios ex altos cargos do goberno Fraga na procura de recolocación. No mellor dos escenarios posíbeis a nivel local, o PP vilagarcián semella ter perdido a oportunidade de cortar lastre coas incertezas do posfraguismo. Da cota de indecisos que o relevo na candidatura socialista vai proporcionar para o resto de formacións, o voto con potencial máis conservador semella ir ser apañado principalmente polos Independentes. Con todo, os populares confían en virar a tendencia no treito final de campaña.

O futuro do PPdeG en Vilagarcía pasa pola integración deses independentes, posibilidade coa que xa se especulou nos últimos meses. Malia iso, as expectativas de crecemento fixeron que os de Rivera Mallo se resistiran á fagocitación, toda vez que o seu potencial ascenso o 27M unido á caída dos populares, facilitaríalles unha posterior integración en condicións significativamente mellores.

Novas claves e tripartito posíbel
Na nova etapa política en Vilagarcía con tendencia crecente aparecen tamén BNG e EU-IU. Os nacionalistas, con Xosé Castro Ratón á fronte, confían en ampliar cota na cidade. En favor deles xoga tamén a ausencia de desgaste no goberno. Xa que logo, o PSdeG rematou confiando no apoio puntual dos independentes para soster goberno no canto de emular os acordos xerais de socialismo e nacionalismo no resto do país e facer un pacto estábel co Bloque. E porén, o ecuador do mandato, coincidindo co relevo de poder na Xunta, xa favoreceu a aproximación entre as dúas formacións.

Por outra parte, Esquerda Unida podería consolidar outro importante eixo de poder urbano. Alén da tendencia á alza na sétima cidade, Ferrol, nesta oitava urbe desde o punto de vista demográfico, a formación liderada por Xan Fajardo Recouso asegura que podería haber asento até para Mariano Ibañez, cuarto da lista, aínda que as enquisas non apuntan tan optimistas e prognostican que podería ampliar o milleiro de votos conseguido en 2003 até un máximo de dous concelleiros. Daquela, por unha pequena presa de votos Fajardo conseguiu representación no Concello. Agora, o potencial ascenso podería incluso converter á forza en clave para a formación de goberno.

As novas circunstancias probablemente farán necesaria a coalición en Vilagarcía. O descenso do PSdeG faría necesario un pacto que desta volta e en boa lóxica, lonxe de consensos puntuais, debería buscar a estabilidade. Coa marcha de Gago, a importación do acordo PSdeG-BNG sería a primeira opción factíbel. Pero unha caída maior da esperada para os socialistas requiriría mesmo dunha suma maior. Nese caso, o pacto podería integrar a Esquerda Unida, conformando un inédito tripartito.

Novas relacionadas

O alcalde socialista de Vilagarcía non será candidato en 2007

"A vida é así. Eu recollín xestións de anteriores alcaldes e agora outro alcalde recollerá as que nós levamos feitas nos últimos anos e no que queda...


A volta

Enrique León: "Vilagarcía pode ser exemplo de benestar cidadán"

A volta

Xosé Castro Ratón: "Vilagarcía ten por diante un ambicioso obxectivo: prepararse para acoller a máis de 50000 habitantes"

A volta

Tomás Fole: "Enrique León vén a Vilagarcía a retirarse"<

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os resultados en 2003
Os resultados en 2003
Enrique León, candidato do PSdeG, á beira de Touriño
Enrique León, candidato do PSdeG, á beira de Touriño
Tomás Fole, candidato do PPdeG
Tomás Fole, candidato do PPdeG
Xosé Castro Ratón, candidato do BNG
Xosé Castro Ratón, candidato do BNG