Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lorena Peillet Remuñán, técnica en cooperación internacional

"A cooperación internacional segue a ser un labor pouco coñecido, sobre todo pola poboación"

Acaba de volver do Perú, onde estivo colaborando nos proxectos da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, tamén após o violento terremoto que desvastou o país.

A. Rodríguez - 12:15 31/01/2008
Botes de pesca peruanos / Flickr: alberto-arevalo

Botes de pesca peruanos / Flickr: alberto-arevalo

Lorena Peillet é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e Técnica en Cooperación Internacional. Forma parte do grupo de Galeg@s no Sur, mozos e mozas bolsados pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior para axudar no desenvolvemento en diferentes países do mundo.

Estivo no Perú dende xaneiro de 2007 até finais de decembro traballando nos programas estatais que contribúen á igualdade de xénero e avaliando e seguindo os proxectos de cooperación que ten a Xunta no país andino. Dedicouse, sobre todo, a analizar o traballos das ONG galegas para o Desenvolvemento (ONGD) e identificando novas propostas de actuación para o país. Ademais, colaborou co goberno de Perú (co Ministerio de la Producción), facendo de monitora nos proxectos españois de cooperación pesqueira (sobre todo a pesca artesanal e a acuicultura) que executa o Viceministerio de Pesquería de Perú.

Vieiros falou con ela para que nos contase un chisco do que estivo a facer o ano pasado, e como viviu as consecuencias do terremoto que no mes de agosto de 2007 desolou parte das poboacións peruanas.

Vieiros: Que foi o que a levou a marchar ao Perú?

Lorena Peillet: O certo é que non recordo en que momento se toma este tipo de decisión. Supoño que se trata dunha inquedanza que sempre tiven por coñecer outras realidades ben alleas á nosa, e quizás mesmo para poder entender a nosa propia realidade.

Como foi a súa chegada? Como o veu todo por alí?

A miña primeira impresión á chegada a Lima foi, sen lugar a dúbidas, a percepción das enormes desigualdadades sociais, económicas e étnicas nas que vive o país con altos niveis de pobreza e exclusión social.

Pero foi tamén unha sorte poder vivir nun país tan extenso con realidades tan diversas como poden ser a vida da costa desértica, a vivencia nas comunidades rurais andinas ou o impactante día a día das comunidades xíbaras na selva amazónica.

Cales eran os seus cometidos en Lima?
Estiven a traballar na Oficina Técnica de Cooperación da AECI (Agencia Española de Cooperación Internacional) en Lima, apoiando principalmente a Unidade de ONGD e Cooperación Descentralizada, así como facendo o seguimento dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento que está a financiar a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta no Perú.

Houbo momentos duros e supoño que outros menos duros...

Todos os recordos que teño son realmente positivos, pois foi un ano para min realmente enriquecedor tanto a nivel profesional coma persoal.

Por exemplo, visitando algún dos proxectos que financia a DXCE da Xunta puiden coñecer o traballo que realizan algunhas ONGD, non só de cobertura das necesidades sociais básicas, onde a presenza do Estado é practicamente nula, senón o traballo importantísimo no que a poboación civil vai gañando o poder, especialmente a poboación máis vulnerábel coma as mulleres e nenos e nenas; ou o traballo en incidencia social e política das mulleres dos comedores populares en Lima.

Só podería destacar como momento "duro" o terremoto de agosto polo que se viron damnificadas preto de 40 mil familias.

Ve saída posíbel a esta situación no Perú? Tamén após o terremoto
Penso que sería necesario a existencia dun plan de reconstrución eficaz por parte das institucións públicas do país, coordinado con todos os actores involucrados e coa aportación material e técnica da cooperación internacional.

Neste sentido, velle moita forza e importancia á cooperación internacional? Que eivas lle atopa?

A axuda internacional adquire unha vital importancia no caso de catástrofes mediante a axuda humanitaria, que si conta con gran apoio por parte da poboación concienciada da súa necesidade.

Porén, penso que a cooperación internacional segue a ser un labor pouco recoñecido, en xeral, pola meirande parte da poboación e, neste sentido, aquí as ONGD teñen unha importante tarefa de sensibilización e de educación para o desenvolvemento, para que nos acheguen ao traballo e que se poida, daquela, loitar contra as verdadeiras causas da pobreza.


3,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



NA REDE:



Unha nena, en Cuzco / Flickr: mikemcd
Unha nena, en Cuzco / Flickr: mikemcd
Redeiro, en Pucusana, no Perú / Flickr: pericote
Redeiro, en Pucusana, no Perú / Flickr: pericote