Vieiros

Vieiros de meu Perfil


DÍA MUNDIAL DA LIBERDADE DE PRENSA

Queixa polas renuncias na defensa da liberdade de expresión

Mentres a situación empeorou en moitos estados tradicionalmente represivos, Reporteiros sen Fronteiras critica a escasa ambición dos países democráticos á hora de defenderen os valores básicos.

Redacción - 12:00 03/05/2007
"Se ben todo o mundo, ou case, preséntase como defensor dos dereitos humanos, á vista dos silenzos e as prácticas duns e doutros, cabe preguntarse quen ten agora a autoridade moral requirida para encarnar unha defensa sen complacencia destas liberdades", sinalan desde Reporteiros sen Fronteiras, RSF.

O último informe elaborado por este colectivo internacional bota man de exemplos concretos coma o asasinato en Rusia da xornalista Anna Politkovskaya, a intolerancia contra toda crítica do goberno de Tunicia ou os ataques ás delegacións diplomáticas de Dinamarca despois da publicación das viñetas humorísticas sobre Mafomede. Segundo RSF, fronte a todos estes casos a Unión Europea non fixo esforzo ningún malia que os seus propios acordos de cooperación estean teoricamente condicionados ao respecto das liberdades. De xeito especial, quéixanse de que o Europarlamento evitase sumarse á petición dunha comisión de investigación internacional sobre a morte de Politkovskaya, "a xornalista número 21 á que asasinan en Rusia desde a chegada ao poder de Vladimir Putin".

Ditaduras web 2.0
Neste momento hai sesenta persoas en todo o mundo en prisión por publicar en internet informacións críticas cos seus respectivos gobernos. RSF fíxase principalmente no caso de China, país ao que acusa de investir amplos recursos en perfeccionar non só a censura senón tamén a persecución de disidentes a través da rede. Á beira cita outros países como Vietnam, Siria, Tunicia, Libia e Irán. A acusación esténdense tamén aos xigantes informáticos, dos que denuncian que colaboren nesas tarefas censoras.

Con todo, a asociación é optimista ao respecto de que poida haber cambios a medio prazo en China e de que a celebración dos Xogos Olímpicos en 2008 contribúa a que afrouxe a represión. De calquera xeito, RSF cualifica de "beizón" a oportunidade do uso da web por parte dos colectivos que defenden os dereitos civís, facilitando a circulación das informacións "subversivas" e "contrarrevolucionarias". Así e todo, láianse, "tamén os ditadores entraron na era do 2.0".

O caso Egunkaria
No contorno estatal, o informe de RSF cita o caso do xornal vasco Egunkaria, lembrando que a propia Fiscalía recoñeceu que o proceso contra a publicación se lanzou sen existiren probas contra el e que en ningún caso se demostrou que tivese vencello coa ETA.

Tamén se avalía criticamente a lei audiovisual aprobada polo Parlamento catalán, as ameazas da ETA a xornalistas e o proceso contra Tayssir Allouni, reporteiro do canal Al-Iasira acusado de colaborar con Al Qaeda malia que as súas presuntas relacións con esa rede non inclúen moito máis que entrevistas a algúns dos seus membros, incluído o seu líder, Osama Ben Laden.

Novas relacionadas

Catro anos desde o peche "sen probas" do Egunkaria

"Un medio de comunicación foi pechado e un grupo de persoas posto baixo sospeita sen que existiran probas para tal acusación, tal e como deixou claro...

Kelme suprime o contrato con Oleguer polo seu artigo sobre a liberdade de expresión

"Gustaríame pensar que no Estado de dereito hai liberdade de expresión e que, no presente caso, así como no de Egunkaria ou o do actor Pepe Rubianes,...
censura

Demandarán a Yahoo por colaborar na captura dun internauta

Wang Xiaoning cumpre condena de dez anos en China polos seus escritos en favor da democracia no país. Súa muller inicia unha loita legal contra Yahoo...

A volta

No país máis novo de África, Eritrea, o xornalista Fessehaye Yohannes estivo preso nunha cela subterránea de metro e medio de lado por 2,5 metros de alto, cunha bombilla acesa as 24 horas do día. Unha ducia de compañeiros levan até seis anos no cárcere por informacións publicadas. Varios morreron xa.

A volta

En 2006 en Honduras, a periodista indíxena Martha Vásquez, logo de recibir insultos racistas por parte dun deputado do Partido Liberal, sufriu un intento de asasinato a mans de homes armados e a soldo dese político.

A volta

Aparte de Iraq, o país onde máis xornalistas son asasinados é México. Recentemente mesmo se creou unha fiscalía especial encargada de loitar contra os ataques aos medios. Así e todo, no último ano mataron a nove. Tres están desaparecidos.

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: