O FUTURO DAS ORGANIZACIÓNS NON GOBERNAMENTAIS
As ONGs galegas aspiran a coordinar estratexias e gañar visibilidade
Centos de persoas traballan en Galiza integrados en ducias de colectivos a prol da evolución cara a sociedades máis xustas. O Informe Cero analiza algúns dos desafíos que enfrontan.
Redacción - 19:15 13/04/2007
"As ONGs van facer que o mundo estea mellor". É a reflexión dunha das persoas que participou nas xuntanzas a través das cales a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento levou adiante un ambicioso proxecto de investigación sobre a situación dos colectivos que a integran.
Froito dese traballo é o Informe Cero, que traza un mapa detallado das características do sector das Organizacións Non Gobernamentais en Galiza, analiza a percepción social da actividade das asociacións, e cavila sobre a traxectoria actual e perspectivas de futuro do conxunto dos colectivos. O estudo subliña a ideoloxía común a todas elas: a súa vontade de traballo en favor da transformación social, fixando como obxectivo a consecución de "sociedades máis xustas".
O punto de inflexión dos 90
O estudo repara en que se ben noutros países e a nivel estatal xa durante os anos 80 se producira o punto de inflexión cara ao boom no nacemento deste tipo de colectivos, en Galiza esa tendencia non chega até a segunda metade da década dos 90, momento en que nacen aquí a maioría de ONGs. Na altura de 2005, momento en que se realiza o Informe Cero, son 112 organizacións inscritas no Rexistro Galego de ONGs, 39 delas integradas na Coordinadora. Segundo avalían, o aumento da sensibilidade no seo da sociedade como reacción fronte a determinadas realidades contribuíu á proliferación das ONGs.
Radiografía dos colectivos
Alta diversificación e excesiva atomización son dúas das características detectadas nos colectivos galegos que en xeral son bastante pequenos. Advírtese tamén da baixa visibilidade da que gozan, explicada en parte pola curta traxectoria de vida que a maioría teñen. Respecto aos seus ámbitos de actividade, destácase que hai unha vinculación preferente con países de fala portuguesa e tamén cara a destinos tradicionais da emigración galega.
Tamén se indica o gran número de colectivos que funcionan como delegación dunha casa matriz con sede fóra de Galiza, e fálase da forte dependencia das delegacións. Ao fío o Informe Cero avisa da escasa autonomía da que gozan as delegacións en Galiza destes colectivos, con frouxa manobra para presentaren os seus propios proxectos no ámbito da cooperación e a axuda humanitaria. De feito moitas das delegacións teñen como actividade central a captación de fondos. Con todo, teñen algo máis de liberdade no que lle toca ás actividades de sensibilización.
Cara a unha eficacia maior no labor dos colectivos
Desenvolver puntos de encontro para as ONGs é visto como unha clave de futuro. Os expertos e membros de asociacións contactados propoñen foros de intercambio de experiencias, creación dun fondo común de recursos e ferramentas, deseño de programacións conxuntas de actividades para ademais evitar pisárense entre eles e as accións máis importantes non coincidan no tempo, fortalecer dinámicas de traballo entre os membros da coordinadora...
Todas estas ideas son vistas ademais como un chanzo necesario para outro desafío imprescindíbel: gañar visibilidade social. Por iso, cara a mellora do traballo dos colectivos sinalan que é necesario acadar maior proxección pública dos proxectos e actividades realizados. Nese sentido, non só se lle pide aos medios que sexan máis sensíbeis ás informacións que lles fan chegar, senón que se lles advirte ás ONGs da importancia de deseñar estratexias de comunicación.
A volta
O compromiso de transformación social das ONGs gañará forza e verá máis preto obxectivos na medida en que os colectivos gañen máis apoio e espazo na sociedade. O Informe Cero é unha extraordinaria e ambiciosa ferramenta que, na medida en que detecta debilidades e sinala potencialidades, axudará ás organizacións a mellorar. Máis visibilidade implicará ademais maior confianza no valor, nas posibilidades e na transparencia das ONGs.
A volta
Xuntar esforzos é unha clave de futuro importante. E ten que ver coa loita das ONGs por unha cidadanía más activa e participativa. Para iso non só é recomendábel a colaboración entre ONGs, senón tamén a súa relación estreita con moitos outros colectivos, desde entidades culturais até asociacións veciñais. Reunir voces e ideas para outro mundo posíbel.
A volta
As ONGs convertéronse en actores sociais cunha significativa capacidade de presión política. O Informe Cero sinala especificamente a importancia de que estas entidades poñan en valor as súas experiencias e coñecementos, e a súa capacidade de xerar unha masa crítica que contribúa a redefinir as formas de facer política.