Vieiros

Vieiros de meu Perfil


No Día Internacional dos Ciganos

Un ano de avances para o pobo xitano

En Galiza viven dez mil xitanos. Previr a exclusión e axudar á integración das comunidades xitanas está entre os obxectivos do goberno, cara aos que as secretarías de Benestar e Igualdade xa iniciaron plans concretos.

Redacción - 11:00 08/04/2007
Este domingo 8 de abril conmemórase en todo o mundo o Día Internacional do Pobo Xitano, International Roma Day. Esta data foi institucionalizada, xunto á bandeira e o himno xitanos, no Primeiro Congreso Mundial Xitano que tivo lugar en Londres en 1971.

Plan galego de desenvolvemento
En Galiza, onde habitan preto de dez milleiros de cidadáns xitanos, tamén se están a levar a cabo diferentes medidas, impulsadas polas secretarías xerais de Benestar e Igualdade. O novo Plan Integral para a Convivencia e o Desenvolvemento Social do Pobo Xitano en Galicia, prevé o financiamento de actuacións específicas de "intervención social para a atención, prevención da exclusión e promoción das comunidades xitanas".

A Vicepresidencia e o Ministerio de Traballo financian de maneira conxunta (60 – 40%, respectivamente) os proxectos desenvolvidos polos concellos galegos para a execución deste plan. Neste senso, o Consello da Xunta do pasado 25 de xaneiro, aprobou un investimento inicial de máis de 22 millóns de euros para 2007.

Normalización social
Entre os seus principais obxectivos están: acadar o acceso maioritario da poboación xitana galega aos servizos normalizados, así como o uso adecuado dos mesmos; facilitar os procesos de erradicación do chabolismo e o acceso a vivenda normalizada; favorecer desde o ámbito socio-familiar a plena normalización do alumnado xitano; mellorar a empregabilidade e a inserción socio-laboral da poboación xitana.

Ademais, vaise facer fincapé na promoción integral da saúde, sobre todo no que se refire ao fomento da saúde reprodutiva nas mulleres xitanas, e na mellora da participación social do colectivo xitano con, entre outras cousas, coa celebración aberta de días sinalados para a comunidade e con obradoiros interculturais de ocio e de lecer.

Ano de avances
Durante este último ano, producíronse relevantes avances para a comunidade xitana no eido institucional. Así, tras ser aprobado polo Consello de Ministros de Madrid o pasado 9 de marzo creouse o Instituto de Cultura Xitana, e estabeleceuse o Consello Estatal do Pobo Xitano.

Ademais, as reformas estatutarias en Andalucía e Cataluña recoñecen a contribución histórica do colectivo a estes dous territorios. O Parlamento de Cataluña, con motivo do Ano Europeo da Igualdade de Oportunidades para Todas as Persoas, redactou unha Declaración Institucional, lida polo seu presidente en pleno o pasado 29 de marzo, sobre "a persecución e o xenocidio do pobo xitano".

Garantías contra a discriminación
Os problemas para o recoñecemento como minorías que sofre o pobo xitano son comúns a diversos estados europeos. Nesa liña, a loita pola superación de obstáculos para a integración social é un desafío que envolve a comunidades xitanas en toda a Unión Europea. En 2005, a Fundación Soros e o Banco Mundial apoiaron unha xuntanza internacional para tratar o problema e buscar compromisos concretos da UE. Aló, colectivos ciganos de toda Europa definíronse como "unha gran nación sen fronteiras", ao tempo que lle pedían á ONU o recoñecemento da condición de "nación non territorial".

Novas relacionadas


A volta

A finais de 2005, a un mozo de etnia xitana impedíanlle en Galiza a entrada nun local de copas. Ao resto de compañeiros de empresa cos que saíra de cea deixábanos pasar sen problemas. O suceso foi cualificado daquela de "acto intolerábel e inadmisíbel", desde a Vicepresidencia da Xunta.

A volta

O goberno galego anunciou daquela que no bienio 2007-2009 entraría en funcionamento un plan de desenvolvemento e incorporación social do colectivo xitano "co obxectivo de acadar a súa integración real na sociedade".

A volta

O éxito dun plan deste tipo dependerá dun compromiso social amplo para acabar con situacións de intolerancia e erradicar estereotipos como "os que identifican aos xitanos ou aos inmigrantes coa delincuencia e os problemas".

3,67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: