Vieiros

Vieiros de meu Perfil


UN DOS SOCIOS DE IGALIA EXPLICA COMO CONSEGUIRON UN OCO NO MERCADO INTERNACIONAL DO SOFTWARE LIBRE

"Igual capacidade de decisión, igual salario, igual responsabilidade"

Na recente Conferencia Internacional de Software Libre unha soa empresa galega, Igalia, foi invitada a presentar o seu caso. O que xustificou a presencia de Igalia neste foro non é o seu gran crecemento -facturará máis dun millón de euros este ano tras ser fundada en 2001- nin o seu modelo de negocio -Igalia traballa só con programas libres. O máis peculiar da compañía coruñesa é o seu funcionamento cooperativista. "Falamos de a igual responsabilidade, igual salario, igual capacidade de decisión" , explica Javier Vázquez, un dos estudantes da Facultade de Informática que hai seis anos se lanzou á aventura empresarial. Nesta entrevista, Vázquez detalla as claves da expansión de Igalia, pero tamén as barreiras que atoparon no camiño.

Manuel Vilas - 13:30 12/03/2007
Vázquez, que tamén é secretario da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e Novas Tecnoloxías (EGANET), denuncia que "na carreira recibes unha formación técnica máis que aceptable, o que non hai é ningún tipo de formación empresarial ". Por iso reclama, nunha entrevista co portal da Estratexia Galega da Sociedade da Información, pide que os estudantes de carreiras tecnolóxicas, ademais de coñecementos técnicos, aprendan como montar un negocio.

No Congreso Internacional de Software Libre invitárono a expor o caso de Igalia, que ten de peculiar?
Igalia creámola dende a Facultade de Informática da Coruña un grupo de xente que case non tiñamos experiencia profesional previa. Cinco anos despois, somos quen de exportar ao redor do 35% da facturación empregando un modelo de negocio 100% software libre, gracias á especialización e competindo con empresas internacionais. Igalia é unha proba de que o modelo do software libre é unha fórmula válida. O feito de competir no software libre o que che permite é ter unha visibilidade a nivel mundial, podes encontrar un nicho determinado, algo que sería ser máis complicado con software privativo.

¿En que consiste o modelo cooperativo de Igalia?
Aínda que a figura legal é de sociedade limitada, funcionamos como unha cooperativa. A asemblea, na que participan catorce das vinte e seis persoas que hai na empresa, toma as decisións máis relevantes a medio e longo prazo. Funcionamos cunha estrutura plana, cada persoa ten un voto; aínda que temos un organigrama no que cada quen ten definido un papel no día a día da empresa. Todos os que son socios da empresa traballan o mesmo e cobran o mesmo, independentemente do seu rol. Falamos de a igual responsabilidade, igual salario, igual capacidade de decisión.

Ata que punto estabades influídos polo movemento do software libre cando decidistes utilizar un modelo cooperativo?
Hai unha inspiración moi obvia, que parece natural, pois o software libre basease na colaboración e no compartimento de coñecementos. Cando se monta un proxecto empresarial que xurde de xente con pouca experiencia previa, pero cunhas características académicas, de vivencias e idade similares, como o noso, resulta natural comezar dunha forma cooperativa.

Que vantaxes aporta o modelo cooperativista nas empresas de software?
Unha das vantaxes evidentes é que a xente está moi comprometida cos proxectos que fai. O feito de ter acceso a información de todos os aspectos primordiais da empresa implica que a xente estea contenta e, polo tanto, máis comprometida co seu traballo. Isto fai que as cousas que produces teñan unha maior calidade.

Daquela, de ter desenvolvido software privativo, Igalia non tería crecido tan rapido?
Eu creo que non, aínda que usar software privativo igual tiñamos máis traballo a nivel rexional ou estatal. Dende logo a visibilidade que temos fóra de Galicia e de España en certas comunidades como GNOME non sería posible tela logrado se non fóra por o modelo do software libre. Dende o punto de vista da empresa, o software libre permíteche competir a nivel mundial, se escolles o nicho de negocio adecuado. En Galicia non nos falta talento, hai xente formada no ámbito tecnolóxico. O que si falta é formación empresarial e atrevemento para desenvolver proxectos de negocios dende Galicia para o mundo.

No movemento social ao redor do software libre hai certa polémica sobre o grao de implicación ideolóxica. Para vós o software libre é so unha forma de organización económica ou ten tamén detrás unha carga ideolóxica?
Dende logo que ten un compoñente ideolóxico. O software libre é unha cuestión filosófica e de desenvolvemento tecnolóxico. O movemento cando empezou, a raíz do traballo de Richard Stallman, tiña unha raíz ideolóxica. A cuestión do modelo económico veu posteriormente, cando apareceron empresas que empezaron a facer negocio ao redor do software libre. Pero o aspecto básico do movemento é ideolóxico, búscase unha sociedade que comparta o coñecemento e innove sobre ese coñecemento previo, e que poida desenvolverse gracias o coñecemento libre.

Noutra entrevista, o presidente da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia indicaba que a formación que reciben os universitarios das carreiras informáticas é boa, pero que falta unha maior énfase na formación empresarial, que non lles ensinen só programación. Compartes esa opinión?
Ten toda a razón do mundo. Na carreira recibes unha formación técnica máis que aceptable, o que non hai é ningún tipo de formación empresarial sobre os mundo dos negocios. Ou polo menos era así cando nós estudabamos pero pode que coa adaptación ao marco europeo do ensino este tipo de cuestións cambie.

Daquela o que máis vos custou para montar Igalia é saber como montar unha empresa....
Dende logo foi un lastre moi importante que nos fixo tardar moito máis do necesario en arrincar. Era unha falta que tiñamos e que tardamos tempo, e moitos erros tal vez, en superala.

A Xunta leva un tempo apostando polo software libre, fundamentalmente a través de Mancomun.org. Ata que punto é positivo para as empresas que traballades con este tipo de programas?
Creo que é absolutamente positivo para as empresas que traballamos con modelos de coñecemento compartido e innovación. É unha vantaxe que a administración pública entenda que o software libre pode ser unha forma de crecemento económico para as empresas galegas. Nese sentido, nós estamos moi contentos coas iniciativas que se están a levar a cabo, en termos xerais. A Xunta entende razoablemente ben o software libre, non o toman como un fin en si mesmo, se non que saben que o software libre é unha ferramenta válida para reducir a fenda dixital, tanto dende o punto de vista social como empresarial. É dicir, é unha oportunidade para que as empresas galegas poidan exportar. En todo caso, a iniciativa galega non é pioneira. Outras comunidades fixeron esta aposta antes e nós temos a obriga de fixarnos nos erros que cometeron, e tamén nas vantaxes que lles aportou para superar a fenda dixital. Neste sentido, a aposta que se está a facer en Galicia é unha aposta sobre seguro.

En que proxectos importantes estades a traballar?
Gustaríame destacar un proxecto que facemos para un cliente fóra de España, pero non podemos facer público a súa identidade. Podemos dicir que participamos nun grupo de traballo importante dentro da comunidade GNOME relacionado cos sistemas móbiles e Linux. Dentro de España, desenvolvemos unha intranet para o hospital universitario Reina Sofía en Córdoba, un tipo de proxecto que nos gustaría poder reproducir en Galicia. Aquí traballamos, por exemplo, no desenvolvemento da ferramenta de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago.

Novas relacionadas


A volta

"Hai unha inspiración moi obvia, que parece natural, pois o software libre basease na colaboración e no compartimento de coñecementos"

A volta

"Dende o punto de vista da empresa, o software libre permíteche competir a nivel mundial, se escolles o nicho de negocio adecuado"

A volta

"É unha vantaxe que a administración pública entenda que o software libre pode ser unha forma de crecemento económico para as empresas galegas"

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: