Xoán G. Vázquez Sanlés nado na parroquia de Xuño, en Porto do Son (1957). É licenciado en Informática na Kean University e traballa para o Estado de New Jersey (EUA).
Autobiografía:
Vin ao mundo o 1 de xaneiro do 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son, na época das corredoiras sementeiras e mallas, ao carón do río Sieira –cando aínda era troiteiro -, na faldra do Barbanza. Na pía bautismal asignáronme de nome Juan Gregorio. Chegado o momento da verdade, se eu tiver que responder a pregunte de quén eu son, o primeiro que se pousa nos beizos e máis no latexar do corazón é Xoán de Vázquez do Zapatal. Nunca outra identidade procurei nin a ningún outro anaco de mundo pertencer optei. E existo no ningures da emigración, onde caín de rapaz, cando o mundo aínda era grande, os 17 anos aínda por rabuñar: Velaí a condición inmanente e impertérrita da aldea do Zapatal, áncora inamovible da miña existencia, pois ningures non existe na realidade definible, e eu si. Seino, ¡certo! Recórdamo, tódolos días, esa suave doce dor que habita na recorrente melancolía.