Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

333 medidas

09:30 06/04/2009

Pasado o trago amargo do 1 de Marzo, un tenta pensar en positivo e procura busca-los puntos favorables que toda circunstancia conleva e mesmo tratar de enxerga-las políticas do novo goberno na intención de atopar algunha fenda para a esperanza. Con tal disposición sentei eu fronte a televisión para escoita-la primeira entrevista retransmitida ó Sr. Feijóo trala súa data triunfal. E isto foi o que atopei.

Atopar, atopei unha abraiante actitude nalgúns dos entrevistadores que me deixou pasmado. Claro que algo xa me cheiraba despois de le-lo artigo aquel no que se culpaba da vitoria da dereita ós xornais... de Madrid! Porén, non é cuestión de analizar, e moito menos criticar, actitudes individuais. Cada quen é cada cal e cada un é como é. Moito máis nos interesaban as respostas do Sr. Feijóo e analizalas para poder determina-lo que hai detrás da súa espelida figura.

Sentei, como dicía, disposto a ve-lo programa Hai Debate. A intención, naturalmente, era ve-la entrevista enteira pero após das primeiras cuestións, decidín apaga-la tele e borrar canto antes o escoitado das neuronas do recordo. Fracasei e velaí andan aqueles ecos amargando a miña existencia. Quedemos na primeira pregunta, formulada por Anxo Guerreiro. Preguntou o antigo líder dos comunistas galegos ó vindeiro presidente da Xunta de Galicia: “déame vostede tres medidas que vaia aplica-lo novo goberno contra a crise económica.” E o Sr. Feijóo contestou que un plan de austeridade (¿!), que a rexeneración democrática e o nomeamento por posible consenso dun novo director da CRTVG (¿¿!!) e que xa mantivera unha entrevista con empresarios e sindicatos (¿¿¿!!!). Anxo Guerreiro non ficou moi satisfeito da insólita resposta e insistiulle: “Sr. Feijóo, que eu lle pedín tres medidas contra a crise económica e vostede non me deu ningunha.” E o Sr. Feijóo contesta que esa é a opinión de Guerreiro e que tamén se pensa reunir con Zapatero para pedi-las infraestruturas.

Así é: o Sr. Feijóo non ten nin idea do que un goberno galego pode facer contra a crise. Botei as mans a cabeciña e non tiven máis que recoñece-lo evidente: que a vitoria do Partido Popular se produciu por aclamación mediática e que a tal organización se está a manter polo influxo das clases cavernarias do País.

En Vieiros, Sr. Feijóo, ímoslle ser xenerosos e facilitarémoslle unha longa listaxe de medidas económicas que o seu goberno pode tomar para atacar esta crise e para Galicia saír en boa posición relativa dela. Un conxunto de medidas debe saír dun diagnóstico da situación, global e particular, dun modelo que fixe os criterios xerais e duns obxectivos concretos a perseguir. Neste artigo iremos directamente ás medidas que foi o que a vostede lle preguntaron. Vexamos o que podería ter respondido:

1. Complementa-lo Banco de Terras cun banco de proxectos agrogandeiros;  2. rede de centros de desenvolvemento rural; 3. plan plurianual de investimentos públicos autonómicos; 4. redución de custos públicos avanzando cara a administración única; 5. creación do ente ferroviario galego para completa-la rede prevista e artellamento das redes de transporte de mercadorías integrando portos e ferrocarril; 6. estudo e implantación dunha aeroliña galega; 7. parques industriais de última xeración nas minas de As Pontes e Meirama que aínda se prevén asolagar; 8. plan de implantación duns principios ecolóxicos en tódalas cadeas produtivas de Galicia; 9. constitución do instituto galego de finanzas; 10. multiplicación das liñas de avais e garantía recíproca para as pemes galegas; 11. garanti-la viabilidade das entidades financeiras galegas e da súa adscrición territorial dentro de Galicia; 12. actuación decidida sobre as universidades galegas a fin de avanzar na necesaria excelencia da formación ós estudantes galegos; 13. ídem. respecto da formación profesional; 14. emprender unha nova organización territorial máis eficiente baseada nas comarcas e nas áreas metropolitanas; 15. decidida aposta pola rehabilitación de vivendas, multiplicando os plans actuais; 16. plan para a captación de investimentos exteriores, con énfase especial nos empresarios galegos no exterior; 17. política de comercio exterior con países prioritarios, en especial Brasil; 18. plan de aforro enerxético; 19. programa de investimento na enerxía do hidróxeno; 20. programa de prevención da economía somerxida; 21. desenvolvemento e implantación especializada de tecnoloxías de custo e eficiencia; 22. mando único de I+D e posta en marcha dunha matriz de xeración de proxectos de I+D; 23. implantación dun sistema eficiente de adquisición e transmisión tecnolóxica; 24. establecemento de sistemas retributivos que beneficien a mellora da produtividade mediante a participación do traballador nos beneficios empresariais; 25. implantación de teletraballo; 26. establecemento dunha renda campesiña como compensación á preservación do rural; 27. acordos con firmas especializadas para facilita-la reestruturación de varios sectores galegos mediante a agregación de unidades produtivas á busca dunha maior competitividade; 28. diversificación dos sectores monocliente como compoñentes do automóbil; 29. programas de xeración de produtos de maior valor engadido nos sectores alimentarios; 30. segunda revolución no sector lácteo e de produtos derivados; 31. aplicación dos criterios e experiencias de deseño na confección a sectores como o moble ou a artesanía; 32. potenciación do valor turístico de Galicia a partir de plans específicos por áreas territoriais e tipoloxía de visitante; 33. plan de recuperación dos traballadores especializados galegos que están fóra de Galicia. 

Xa ve vostede, Sr. Feijóo, son 33 medidas, tan só bosquexadas por mor do espazo, pero poderían ser 333 (e iso sen incluír o plan eólico e a potenciación da industria da cultura e idioma galegos). A vostede só lle pediron 3 medidas e non foi quen de dar nin a primeira. Un consello: cando se presente a outra entrevista, leve con vostede a listaxe anterior; escolla ó chou 3 medidas e así, cando menos, poderá contestar. E Galicia non quedará en ridículo.

4,38/5 (40 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións