Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

De reis e reinos

17:41 09/05/2007

Sofía, como seguramente coñecerán, significa sabedoría en grego. E si, esta nena naceu co don. Porque de agora en diante, haberase falar máis da infanta Sofía ca da propia raíña, unha sorte de alegoría da degradación que as monarquías, inexorablemente, haberán padecer nas vindeiras décadas.

Se un país se constituíse hoxe ex-novo, a ninguén ben da cabeza se lle ocorrería constituílo como unha monarquía. Os réximes monárquicos acaían ben naqueles tempos nos que as castas sociais se definían dende o berce e, así, uns nacían para ordenar e mandar, outros para vagar e gozar, os máis para sufrir e laborar, e moitos para facer de carne de canón. Os mandatarios rexios quedaban lexitimados pola graza de Deus, quen seica transmitía a inspiración divina ás almas e aos miolos dos clans elixidos.
A pesar do carácter numantino dalgúns que mesmo semellan querer volver á Idade Media, o paso do tempo, o que chamamos “a evolución”, termina por mudar ata os convencionalismos máis arraigados. Así pois, xa dende a Revolución Francesa, os principios sobre os que se sustenta a convivencia das comunidades democráticas son, xa non a graza de Deus, senón a igualdade de dereitos, as decisións libres e individuais, a asignación xusta dos recursos dispoñíbeis e a corresponsabilidade colectiva sobre o funcionamento das institucións lexislativas, executivas e xudiciais (certo que unha cousa son os principios e outra a súa aplicación).

O papel das monarquías dentro dunha organización nacional (mesmo nun estado plurinacional) artellada sobre eses alicerces comunmente admitidos, é difícil de encaixar, por expresalo con suavidade. O propio nacemento desta nena veu manifestar o desaxuste: un xefe de Estado en destino descoñecido, unha raíña nos funerais dun violonchelista, un pai querendo aparecer simpático entre ducias de facultativos e hordas de xornalistas, uns cativos en formación para prover de material ás revistas do corazón, unhas canles de televisión analizando ate as dobras das saias e os pantalóns... En fin, alguén debería explicar o que ten que ver este circo coa rexencia dun país.

Galicia amosa unha longa e retorta relación coa institución monárquica. De feito, o primeiro reino católico de Europa foi o Reino suevo de Galicia, creado no ano 410 e do cal Hermerico se alzou como primeiro mandatario. O Reino de Galicia foi absorbido polo visigodo no ano 585, creándose de tal maneira o estado panibérico que duraría ata 711 cando chegan os musulmáns á península e Galicia recupera, en certa maneira, a independencia aínda que sen organización formal.

Manipulación historiográfica
A partir de aí, a historiografía española fabula e manipula a realidade para tentar restituír a idea da Hispania visigoda que se vai recuperar a partir da chamada Reconquista. O rei Pelaio convértese por obra e graza dos historiadores en rei de Asturias cando, en primeiro lugar, Pelaio (en realidade Paio) era un señor galego nacido en Tui, e en segundo lugar, a única entidade territorial con conciencia unitaria daquela era Galicia, que xa fora provincia romana e despois, como se dixo, reino.

O mito de Covadonga resultaría simpático se non fose porque a recreación da patria española parte daquela lenda. Abonda con ler o “himno da Santina” para comprobar a arquitectura fiticia sobre a que se ensamblou un edificio que amosa importantes defectos de construción. Así, por exemplo, os reis que “sucederon” a Paio (ou Pelaio), isto é, Fáfila, Afonso I, Froilán I... haberían ser, de ser algo, reis de Galicia e Asturias. Posteriormente, co traslado da capital do reino a León, Ordoño II, Froilán II, etc., foron reis de Galicia e León, tal como recollen as crónicas da época (recomendo o libro “Os reis de Galicia” de Anselmo López Carreira, a “Historia xeral de Galicia” editado por A Nosa Terra, e a colección Trivium de Toxosoutos para unha completa información).

O Reino de Castela adquire relevancia a partir do rei galego Alfonso VII (de Caldas de Reis, para máis datos), que foi nomeado “emperador” de Galicia, León e Castela no ano 1135. A partir de aí, Castela foi gañando poder ata concentralo por completo con Isabel a Católica. En 1833, trala morte de Fernando VII, implántase a división provincial en España, co cal desaparece o Reino de Galicia que, en realidade, só existía nominalmente dende o século XVI.

Adoita falarse de que Galicia foi un reino sen reis, o cal é un erro derivado das argalladas da historiografía española. A existencia do Reino de Galicia supuña un atranco importante no obxectivo de “restauración” da integridade hispánica “perdida” trala invasión musulmana. Velaí o mito de Pelaio e do Reino de Asturias como precedente sen solución de continuidade do Reino de Castela. Un magnífico exemplo desta manipulación podemos atopalo no manual de Historia de España máis difundido das últimas décadas, cal é o elaborado polo ideólogo aznarista García de Cortázar quen, ademais de ignorar obscenamente a existencia do Reino de Galicia, cita o rei galego Don García como rei de Castela.

Revisionismo
A visión revisionista da Historia é criticada dende moitos ámbitos, en especial dende as instancias máis próximas ás organizacións herdeiras dos que exerceron o oficio da manipulación. Pasaron séculos dos tempos de doma e escuridade, demos a benvida á democracia definitiva e acabamos de nos internar con audacia no terceiro milenio. Un día deste milenio, a véspera da festa do traballo do ano 2007, naceu unha nena a que chamarán (xa chaman) infanta Sofía.

Os británicos utilizan a expresión “to be” para referirse a aquela condición futura que se espera acadar. Así, a irmá de Sofía, a infanta Leonor, sería a raíña “to be”... or not to be. Imaxinemos, por imaxinar, que esta nena, Leonor, xa crecidiña, amosa debilidade polos “guardaespaldas” ou mantén conversas comprometidas a través do móbil. Porque xa se sabe que os xenes poden resultar traizoeiros, que o ADN pode revirarse e que as neuronas poden saír ben brincallonas.

Imaxinemos, por imaxinar, que a Leonor, iso de xogar a reis e a raíñas, non lle vai moito e que prefire “la vida loca” e o “dolce farniente”. Daquela, habería ser esta criatura que acaba de nacer a sucesora de Felipe VI, a quen se cadra veremos reinar nuns aniños tan logo abdique o seu pai farto de tantas voltas e revoltas.

Ou mesmo imaxinemos, por imaxinar, que a sociedade española racha de vez esta vaga de aparvamento na que leva instalada demasiado tempo e que ningunha das fillas de Felipe ten que aturar o sacrificio de reinar porque España sexa, ao cabo, unha república federal e Galicia, xa que logo, un dos seus estados federados. Claro que eu non estarei xa para velo. Cando menos, podo imaxinalo.

4,42/5 (26 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións