Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Garrido

Acabóuselle o leninismo a Zapatero?

10:00 18/07/2008

Zizek sinalaba actuacións de Zapatero como exemplo do que era o leninismo. Citaba as cotas de representación das mulleres. Dicía que en vez de seguir coa verborrea da paridade en debates interminables sen consecuencias xurídicas, el actuou. Podemos recordar tamén a decisión da retirada das tropas de Iraq, o anuncio da busca de solucións dialogadas ao conflito Vasco (que polo que se ve é algo máis que ETA), da aprobación do matrimonio homosexual…

Sartre no seu guión cinematográfico “A Engrenaxe” conta como nun país imaxinario se derroca un goberno que xurdira a súa vez dunha revolución mais que agora estaba sometido aos ditados dos poderes económicos internacionais. Logo de chegar os recentemente investidos, após a reunión cos representantes das diferentes multinacionais, unha vez que botan as súas contas, os novos gobernantes acordan seguir a mesma política que os seus predecesores. A engrenaxe na que están impón a súa rutineira e determinista mecánica.

Dalgún xeito iso é o que se agardaba cando Zapatero chegou á Moncloa e sen embargo anuncia inmediatamente o fin da intervención na guerra iraquí nun acto que lembra o Lenin da “noxenta paz” de Brest-Litovsk, quen advertiu que de seguir a República Socialista coa mesma guerra que empezara o réxime Tsarista, el dábase de baixa… Despois de todo, se nada cambia para que perder o tempo en política.

Certo que Zapatero compensou ao amo do mundo poñendo a súa disposición máis tropas en Afganistán, Haití, Kosovo… que a desigualdade e a violencia de xénero non se solucionou con poñer máis ministras, que a súa reacción fronte ao referendo vasco dá argumentos aos que din que por vías pacíficas non hai nada que facer… mais por un momento tívose a sensación de que a política -en sentido leninista de intervención palpable para mudar as cousas- era un feito tanxible.

Mais ao fin quedou todo en nada. Palabras baleiras e a impresión de que a engrenaxe segue o seu rumbo independentemente de quen ocupe o seu temón. Vímolo no referendo da Constitución Europea no que se lle deu a firmar un cheque en branco aos cidadáns deste Estado sen tempo a ler a letra pequena pois urxía vender un rotundo SI a uns socios europeos que estaban en apuros xa que os seus pobos non tiñan o mesmo complexo de inferioridade. O papanatismo que se ten nun territorio coma este que sufriu tantos anos de réxime africanista provoca unha grande ansia por asinar cos ollos pechados calquera cousa que veña coa palabra Europa. Con todo, aquel referendo sabía a placebo, isto é, facíase para que se tivera a impresión de que se decidía algo que xa estaba acordado de antemán. Por iso a ninguén estrañou que a pesares do rexeitamento nos demais referendos europeos o proceso de desmantelamento do control democrático da política económica ía seguir o seu curso. Chámese globalización, neoliberalismo, ou como se queira, hai unha conciencia derrotista que fai impensable outro modelo que non pase pola criminalización da intervención do Estado na economía. Por iso pode ser asumido socialmente que Zapatero se lave as mans diante da actual crise e todos recoñecen a súa inocencia no asunto: el só se limitou a contemplar pasivo como os especuladores inchaban as distintas burbullas que enchían unha paisaxe de bonanza diante da cal gustaba de se retratar.

A pospolítica é todo menos política económica e é por iso ao fin queda en nada. É evidente que a desigualdade de xénero, a discriminación dos homosexuais, o racismo e outras lacras nas que se especializou o combate da retórica pospolítica evapórase no confronto co desemprego, a precariedade, a migración e as reaccións insolidarias e os abusos do “sálvese quen poida” nun contexto de individualismo e consumismo inducido que pretende diluír a esperanza nunha solución colectiva a través da transformación social. A hora da verdade, en feitos como a “Directiva da vergoña”, a pospolítica amosa o seu verdadeiro rostro. Con todo, o problema non é que os xestos por riba ocultan que se faga o contrario por baixo (moita laicidade no congreso do PSOE mentres a Consellaría de Educación incrementa o adoutrinamento relixioso nas escolas) pois niso consiste a EpC (Educación para o Cinismo) ao que nos teñen acostumados. Facer o contrario do que se predica, é facer algo e en calquera caso cada acción xera unha reacción (como aconteceu coa resposta as medidas da Consellaría). O problema é cando a propaganda oculta que non se faga absolutamente nada. E dentro da propaganda podemos incluír o recente acordo entre Xunta e sindicatos que apesares de que a segunda forza sindical non participase nesta cerimonia da confusión non restou o impacto mediático no que realmente consistía. Non está claro que sexa mellor a inhibición que a agresión en situacións onde a lóxica do mercado leva implícito o aniquilamento dos máis débiles. Por exemplo, que é peor, a campaña contra o galego, catalán e vasco dos da “lengua común” que está a levantar a indignación e a contestación contra os linguicidas ou a pasividade da Secretaría Xeral de Política Lingüística?

Logo da resposta en sé parlamentar á demanda de medidas fronte a crise económica, acordámonos de Zizek, quen lembrou o papel da socialdemocracia conducindo aos obreiros como ovellas ao matadoiro da 1ª Guerra Mundial xustificando esta solución fratricida da crise económica e social de primeiros de século XX con palabras ocas e acatando os designios dun contexto internacional que, segundo eles, non deixaba máis alternativa. Fronte a isto -dinos o filósofo esloveno- levantouse daquela un Lenin rachando o fatalismo e revirándose contra o conformismo, coa defensa de propostas novidosas e mesmo escandalosas: “pan e paz”. As receitas daquela pode que non sexan acaidas para os tempos que corren, mais si esa actitude leninista de darlle contido concreto a acción política para alterar a marcha irremediable das cousas. Escoitamos o outro día a Zapatero falar sen dicir nada, semellaba que se desinchara o seu leninismo polo que só cabe agardar del que se dedique a encirrar o medo á dereita para perpetuarse no poder. Diante disto, compre acreditar nas propias forzas, tanto desde a perspectiva de traballadores como de país (isto é “Galiza”), para facerlle fronte ao que nos vén enriba se queremos evitar, máis unha vez, pagar os mesmos as falcatruadas dos de sempre.

4,5/5 (50 votos)



X.C. Garrido

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). É Profesor de Filosofía e membro da Fundación Bautista Álvarez na que é Director do "Terra e Tempo". Autor de "O pensamento de Castelao" e "M. García Barros, loitando sempre". Traballa na recuperación da memoria histórica na Estrada. En 2009 publicou o volume Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro. »



Anteriores...