Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Falamos de economía logo

11:15 21/04/2008

Hai uns días, o Xefe do Estado abeirou as súas múltiples angueiras para achegarse ó Congreso a falar de economía co gallo da apertura do novo curso parlamentar. Era o único que faltaba. Así pois, se ata o Monarca fala de economía, imos supoñer que a conxuntura económica ten algún interese para o cidadán nestes momentos. Falemos de economía logo.

Desaceleración, cambio de ciclo, crise, recesión. Ás veces, a cerna dos asuntos semella localizarse no título. Antes das elección, impúñase “desaceleración”. Tras elas, fálase abertamente de “crise”. Produciuse algún cambio ou novo factor alén da perspectiva intereseira dos políticos para xustificármo-la mudanza do léxico? Eu creo que si. E aproveito para recoñece-lo erro dos meus prognósticos uns meses atrás. Explícome.

O cambio de ciclo económico era previsíbel, antes ou despois, tras dez anos de crecemento do PIB por riba do 2,5%. A crise inmobiliaria semellaba inevitábel e, de feito, xa o ano 2007 amosara síntomas de moderación na actividade construtora. Outros factores, en especial o aumento no prezo do petróleo e a caída do consumo en Estados Unidos, terminaban de compoñer un panorama típico de desaceleración. A maioría das análises e dos orzamentos ían nesa dirección: o goberno español traballaba cunha hipótese de crecemento do 3,1% para 2008 fronte ó 3,8 do 2007, rebaixada nalgunhas décimas pola maioría dos institutos de análise, namentres que o goberno galego barallaba para a  nosa economía un 3,5% fronte ó 4,1% do exercicio anterior.

Nestes momentos, tales previsións soan a cantos de serea e a meirande parte delas están xa corrixidas ou en transo de corrección. Na miña opinión, a clave do acentuado pesimismo reside nos mercados financeiros. Para a desgraza da economía produtiva, o cambio de ciclo ou desaceleración coincidiu cunha crise de crédito. A falta de información supuxo unha evidente minusvaloración deste fenómeno que parecía limitarse, nun primeiro momento, ós investimentos dalgúns bancos norteamericanos en hipotecas de mala calidade (as chamadas “subprime”) que foran convertidas en títulos negociábeis nos mercados e adquiridos, xa que logo, por outras entidades financeiras.

O erro de medida radicou no número de bancos norteamericanos atinxidos, na porcentaxe da súa carteira de crédito afectada, no nivel de insolvencias estimadas e, especialmente, no radio de contaminación a outras entidades por medio das hipotecas convertidas en títulos negociábeis. A realidade nos mercados durante estes meses é que apenas se cruzan operacións a prazos superiores ó día. As entidades financeiras non se poden financiar no mercado co cal teñen limitada a súa capacidade de investimento, isto é, de concesión de crédito. E sen crédito, malamente as empresas poden mante-la súa produción. O lector coñecerá o círculo vicioso da economía: sen produción non hai investimento, sen investimento non medra o emprego, sen emprego non hai consumo e sen consumo non hai produción.

Moitos pensabamos que durante o primeiro trimestre se aclararía a situación dos mercados financeiros pero o certo é que a desconfianza e a falta de transparencia continúan. Sábese de bancos especialmente afectados polos títulos hipotecarios subprime e que xa viron caer o seu valor nun 50% en seis meses, pero aínda se dubida, con razón ou sen ela, da calidade das carteiras de crédito inmobiliario doutras entidades entre as que están, naturalmente, as entidades financeiras españolas. Xa que logo, se a banca española quere acceder a financiamento nos mercados internacionais, sabe que vai atopar dificultades serias ou que deberá pagar uns diferenciais de tipos de xuro moi elevados. A cousa continúa complicada.

O Inmobiliario
O sector inmobiliario merece uns parágrafos propios. O brutal crecemento da actividade construtora nos últimos anos tivo un compoñente estrutural e outro especulativo. O baby boom dos sesenta-setenta, o pulo espectacular da inmigración e a estabilidade económica e financeira que favoreceu os tipos baixos, propiciou o auxe do sector vivenda ó abeiro da creazón de novos fogares. Sen embargo, o propio crecemento natural do sector máis certas normas de tratamento do solo así como, especialmente, o virus avarento do diñeiro fácil, terminou por infectar un sector clave para a economía que deu en medrar moi por riba da súa demanda real.

Se a economía española demanda un ritmo de vivenda nova en torno ás 300.000 unidades por ano, no 2005 construíronse 800.000. Moitas destas vivendas foron construídas para quedaren baleiras e mercadas, ó calor de obscenas campañas de vendas (tipicamente nas axencias inmobiliarias madrileñas) co único obxectivo de revendelas ós poucos anos con beneficios superiores ó 15% anual.
O problema do sector inmobiliario é un problema de excesos que se deben corrixir. É tamén un problema de oferta pois os prezos desorbitados exceden en moito os niveis acaídos ás rendas medias en España. Tampouco non é sostíbel que mercados locais con capacidades financeiras propias de vilas pequenas teñan que soportar condicións típicas das grandes metrópoles. Se o principal comprador de vivenda en Foz, por exemplo, procede de Madrid, a oferta de vivenda adaptarase ó mercado madrileño en prexuízo do comprador local.

Se estamos ante un problema de oferta, o racional é propor solucións de oferta: promoción de vivenda protexida, apertura da vivenda con prezo concertado, o pulo decidido á rehabilitación, a protección da vivenda en aluguer e a garantía de calidade da vivenda para esta cumprir o seu fin residencial. En resumo: a política da Consellería de Vivenda da Xunta de Galicia que foi quen de preparar unha diagnose e un tratamento ben máis axeitado que o Ministerio correspondente no Goberno español.

A onde imos chegar?

A estas alturas, a cuestión clave a determinar é a duración e a fondura da crise (ou como se lle queira chamar). A crise máis próxima durou tres anos ó cabo dos cales o crecemento pasou dun 3,8% en 1990 a un -1,3% en 1993. Outros períodos de desaceleración vivíronse, por exemplo, en 1996 ou en 2002, pero daquela o ritmo de actividade recuperouse o exercicio seguinte.

Se queremos buscar un antecedente con similitudes, velaí a crise (aquela si que foi unha crise en toda regra) do 29, na que se mesturaron os excesos de consumo cos fallos de funcionamento dos mercados financeiros. Xaora que aqueles eran outros tempos, non si? Polo contrario, a crise dos 90 tivo unha raíz na elevación dos custos dos factores propiciada pola suba do prezo do petróleo. E hoxe tamén témo-lo petróleo polas nubes o cal, sen embargo, máis que propicia-lo arrefriado económico, está a bloquea-la toma dunha medida evidente en tempos de desaceleración: a baixada dos tipos de xuro, a cal o Banco Central Europeo non levará a cabo mentres a inflación non dea sinal de contención.

Que outras alternativas quedan se non se poden baixa-los tipos para incentiva-lo investimento e o consumo esmorecentes? Pois outras opcións obvias (e serias) serían o investimento en infraestruturas necesarias (estradas, ferrocarril, medioambiente, enerxía, recuperación do patrimonio...), a mellora dos servizos sociais onde o seu nivel presente máis deficiencias (a sanidade pública, por favor!) e a maior cobertura do desemprego. As contas públicas presentan un perfil magnífico para abordar un programa de acción nesta dirección, pero polo momento, o Goberno español somentes apunta para finalmente disparar con balas de fogueo.
A segunda cuestión clave a determinar é se nun escenario globalizado, os gobernos autonómicos, sen capacidade de política monetaria, con política fiscal limitada e sen competencias en cobertura social, pintan algo ou máis ben pouco perante unha crise das características da actual. Na miña opinión, o acerto da súa actuación será, sen embargo, fundamental.

Na procura dun modelo
A economía mundial está experimentando unha metamorfose da man de factores transcendentes como a perda de peso da economía USA, a deslocalización produtiva, o desenvolvemento de países con enorme potencial (Brasil, China, India...), o esgotamento dos combustíbeis fósiles como fonte principal de enerxía, as ameazas contra o medioambiente e o agravamento das vagas migratorias. Ante un panorama destas características, é curioso que a Organización das Nacións Unidas acabe de recomendar a recuperación das políticas territoriais.

Un país como Galicia esixe, en calquera fase do ciclo, a definición dun modelo económico. Fomos tradicionalmente un país agrogandeiro para pasar en poucas décadas a unha economía baseada na transformación alimentaria e nos sectores de síntese (automóbil, construción naval, confección), sempre con capacidade insuficiente para rete-los nosos cidadáns máis novos que habían emigrar en altas porcentaxes. Agora, cal é o modelo económico galego do século XXI?

A resposta típica abrangue o I+D e as novas tecnoloxías. Ou sexa, a fórmula máxica de todas e cada unha das economías do mundo occidental. A cousa será o que tal se quere investigar e desenvolver e onde tal se van aplica-las novas tecnoloxías. A resposta é demasiado típica. O modelo galego debe ser un modelo propio que encaixe a idiosincrasia socioeconómica galega coas tendencias da economía mundial. Velaquí unhas liñas dunha política económica galega de futuro (dende a miña óptica, por suposto):

-Políticas de integración vertical, procurando consegui-lo autoabastecemento de materias primas básicas para as fases industriais do proceso produtivo. É o que recomendan en Nacións Unidas, entendo que con acertado criterio. Unha política de desenvolvemento dos cereais, dende o I+D ata a distribución, pasando por suposto polo cultivo en terras acaídas do país, semella un exemplo do que habería que levar a cabo.

-Políticas exteriores cos países que marcarán as pautas da economía no século XXI: que liñas de actividade complementarias existen con eles, cales son as súas necesidades de investimento, cales as de consumo, coñecemos as súas redes de distribución, coñecemos os seus líderes empresariais?

-Políticas de aproveitamento da tendencia á externalización: a deslocalización non atinxe somentes ás actividades industriais; tamén se produce no sector servicios. O auxe dos chamados “Contact centers” é un feito ineludíbel que presenta unha capacidade de crecemento, cuantitativo e cualitativo, extraordinario. Formar recursos humanos especialistas en sectores proclives á externalización e preparar instalacións axeitadas a esta actividade será outros dos factores de futuro.

-Políticas de atracción de investimento exterior: as cifras que presenta Galicia nesta variable son, digámolo claro, ridículas. O solo industrial que se está a construír é unha condición necesaria pero insuficiente. Precisamos solo a prezos competitivos (moi baratos) e instalacións especializadas nas actividades produtivas para as que Galicia está mellor preparada.

-Infraestruturas de comunicación: resulta ata aburrido volver recordar as nosas eivas de comunicación co resto do mundo. Saír e entrar en Galicia leva bastante máis que na grande maioría dos centros económicos de Occidente. Vai soar exótico tal como está o sector de aeroliñas, pero considero imprescindíbel nun modelo económico de futuro unha compañía aérea propia, con capital posiblemente mixto, e que adopte unha política de nicho facilitando o acceso ó país en condicións de igualdade con outros territorios, e crear un mapa de heliportos que faciliten o acceso ós principais centros económicos e polígonos industriais. A rendibilidade do proxecto tomado individualmente non estaría garantida; o beneficio para a economía do País, si.

-Emprego e emigración: se queremos deter a perda de traballadores galegos, debemos prepara-la nosa economía para crear anualmente 40.000 postos de traballo (este ano, estímase crear 20.500; non chegan. Un goberno non se pode conformar con levar a cabo unha política incapaz de rete-los seus cidadáns no territorio propio!).

-Factor competitivo diferencial: coido que Galicia está en óptimas condicións para presentarse ante o mundo económico como un “País Campión” en materia medioambiental. Habería que reformular caseque tódalas actuacións e revisar a fondo as distintas políticas en marcha para dotalas dese sinal diferencial de respecto polo medioambiente como factor de atracción de investimentos ecoloxicamente amigábeis os cales serán outro dos factores de futuro económico.

Aplicando con acerto e enerxía as liñas do modelo anterior, teremos unha política acaída tanto para períodos de crise, como de desaceleración ou mesmo de bonanza económica.

4/5 (35 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións