Algo máis que Annapolis une estes días Palestina e Israel: as manifestacións en contra da xuntanza. Mentres os grupos de extrema dereita do goberno israelí, apoiados polos colonos dos asentamentos cisxordanos, se manifestan en Xerusalén; todos os grupos palestinos, menos Fatah, protestan en Gaza e Cisxordania contra unha reunión que cren só beneficiará ao pobo xudeu.
O estado de Israel declarou a alerta máxima no país dende o pasado domingo. Dende ese día, os puntos de control militar aumentaron a vixilancia, atentos a posibles atentados perpetrados por grupos contrarios á reunión de Annapolis. Así, varias aldeas palestinas foron saqueadas por grupos de colonos durante o domingo, á vez que se rexistraron diversos incidentes nas estradas palestinas, todos eles provocados por grupos de colonos contra condutores árabes.
As horas previas ao encontro en Annapolis organizáronse distintas manifestacións en Israel e Palestina, nas que, en ambos lados, a palabra traidor era común. As manifestacións máis concorridas foron as de Xerusalén, onde colonos por unha banda e ultra-relixiosos pola outra organizaron mobilizacións para protestar contra o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, quen deron en tachar de ditador e comerciante que trataba de entregar as súas terras ao salvaxe inimigo. Eses mesmos cualificativos son os que, do lado palestino, está a recibir Abu Masen. Nas protestas, que se sucederon por todo o territorio de Cisxordania, a policía, afín a Fatah, disolveu violentamente ditas congregacións pacíficas. Así, en Hebrón houbo un morto nestes enfrontamentos e en Belén máis de cincuenta detidos, amais de cargas policiais nas outras grandes cidades de Cisxordania: Ramallah e Nablús.
Mentres, dende Gaza, bastión de Hamas, asinouse un documento no que se sinalaba que o presidente Abbas non tiña ningún dereito a facer concesións no proceso de paz. Algunhas desas voces contrarias a Fatah engadiron que a súa política era a dun traidor que cooperaba coa ocupación, favorecendo os intereses de Israel e sen pensar no pobo palestino. De feito, moitas das críticas dende o exterior apuntan a Abbas como un imposible mediador de paz, posto que nin sequera conseguiu unir ao seu pobo. Neste mesmo sentido, algúns grupos israelís de extrema dereita ven en Hamas o único apoio para que Israel non acabe destruída e empequenecida nunha pequena franxa de xudeus. Estes defenden que dende que Hamas chegou ao poder houbo menos atentados e que houbo intentos de negociación. Polo contrario, outros grupos israelís, tamén contrarios ás conversas de Annapolis, cren que o proceso de paz non poderá seguir cara adiante mentres haxa árabes polo medio. Para iso propoñen pagarlles aos palestinos para que marchen a outro países e así poder vivir en paz nun país xudeu que, como rezaban algunhas das pancartas nas manifestacións: é a terra entregada por Deus a eles, e que Bush non lles debería quitar.
As promesas dun ano como data límite para rematar as negociacións de paz renovan as esperanzas entre as faccións máis optimistas. Con todo, temas esenciais como son a repartición da cidade de Xerusalén ou o retorno dos refuxiados palestinos aos territorios de onde foron expulsados no 48 son os maiores indicadores de que a solución definitiva está lonxe de ser acadada e é complicada para ambas partes, palestinos e israelís.
Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »