Nº9 Febreiro 2010
Contacto
A Regueifa forma parte do patrimonio oral galego e, aínda que estiveron bastante olvidadas na segunda parte do século XX, están sendo recuperadas grazas ao esforzo de moitos regueifeiros e institucións.
A regueifa foi unha tradición eminentemente rural e cultivada por xente do campo. Eran basicamente os gandeiros e os agricultores os que practicaban as regueifas. Co paso dos anos, chegou a ser unha forma de pasar o tempo nos bares ou incluso nas festas patronais ata que coa chegada dos medios de comunicación esta costume foise perdendo. Outro factor que propiciou a súa desaparición foi que conforme se quentaban dialecticamente os contendentes, a tensión podíase elevar ata rematar en disputas reales e non só verbais. Actualmente, en moitas festas, patronais e gastronómicas, estase recuperando esta tradición oral, por exemplo, o alto dos xenerais na Festa da Filloa de Lestedo.
Os versos das regueifas constrúense en cuartetos octosílabos de rima asonante ou consonante, con unha distribución dos seus versos abcd, aínda que tamén poden ser abab, a capela, é dicir, sen acompañamento musical de ningún tipo. Os temas son habitualmente sobre a vida persoal dos regueifeiros, ou sobre calquera suceso de interese xeral. As claves da Regueifa son a súa rapidez e espontaneidade. Ten dúas modalidades: cantada que é como se fai normalmente e rezada que se practica a modo de conversación apoiada por unha componente xestual importante.
Na actualidade quedan poucos regueifeiros e practican esta arte de maneira esporádica cando son invitados por asociacións culturais ou colexios.
Fermín Calvo, ou Fermín da Feira Nova, é un destes regueifeiros en activo e aprendeu a arte de regueifar en tabernas, fías e romarías. Naceu no 1936 no municipio de Cabana e afirma que o futuro da regueifa veo «moi mal: a xente non quere aprender e os que estamos xa imos marchando». Unha das súas regueifas foi recollida por María do Carme Pardiño Rial en ReGueiZeiros CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.
Na actualidade, moitas institucións e centros educativos desexan recuperar esta tradición oral galega. Un exemplo podémolo atopar nos certames que organiza a Consellería de Cultura e Deporte que, no ano 2009, celebrou o III Certame Escolar de Regueifas no Pazo da Cultura de Pontevedra. 175 alumnos e alumnas de 20 colexios da área de Pontevedra participaron neste evento para crear e interpretar regueifas.
Outro exemplo interesante, foi a disputa final do I Certame de Regueifas, onde 150 alumnos de Secundaria de Vigo, Baixo Miño e Ponteareas versearon sobre o escenario do Centro Cultural da parroquia viguesa de Valladares. O nivel foi tan alto que doce finalistas foron premiados, ante a imposibilidade de que o xurado, do que formou parte Xurxo Souto, se decidise por un só regueifeiro. Pero ata chegar ao escenario os 150 finalistas que cantaron case a ritmo de hip hop, unhos 1000 estudiantes foron quedando no camiño. Os ideólogos do certamen foron Luis Correa, O Caruncho, e Pinto d’Herbón, coñecidos rapeiro-regueifeiros.
Tamén, de forma silenciosa e individual moitos mestres tratan de inculcar o interese e respecto polas nosas tradicións realizando proxectos de recolleita e recuperación local cos seus alumnos. Este é o exemplo dun grupo de alumnos de 4º de E.P. do CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón que fixeron unha recolleita das regueifas máis populares na súa zona para o desenvolvemento deste labor creouse un ficha (.pdf) e recitáronas para os seus compañeiros do colexio o día das Letras galegas do 2009.
Un exemplo daquela recolla, foi o que realizaron Iara e Lucía (4º EP do CPI. Antonio Orza Couto, 2009): Ataque do Pino
Outros mestres empezan por facer eles mesmos ou cos seus alumnos obradoiros para poder coñecer mellor e difundir esta cultura nosa galega. Aquí podemos ver unha mostra do obradoiro levado a cabo en “O Segrel do Penedo” na bilbioteca do IES de Fene. A Regueifa, como improvisación oral, ven dunha tradición de versificación que se facía antano antes do banquete de vodas para conseguir a “regueifa”, un pan especial que se entregaba ao mellor improvisador. Segundo parece os noivos puñan a disposición dos paisanos que non foran invitados ao convite unha regueifa de pan que repartía entre todos os presentes o regueifeiro que facía gala de maior enxeño e mordacidade, e era a noiva a que facía entrega da regueifa ao vencedor e a súa vez, este quedaba encargado de repartila entre os demais.
O pan da regueifa faise con fariña triga, ovos, manteiga, azucre e adornado de lambetadas, que podía ser disputado improvisando regueifas ou bailando unha muiñeira de puntos.
- Poderiamos pensar que o hip hop e a regueifa (.pdf) son moi distintos, pero a realidade é que ten moitas cousas en común xa que son formas de expresión oral improvisada
- As regueifas de Celestino Álvarez vólvense literatura
- A regueifa incorporada na escola axuda aos alumnos en Lingua e Literatura Galega e forma cidadáns máis cultos que ven a poesía como unha forma de expresión propia