As regueifas





Texto publicado en
Leña Verde
A regueifa é un bolo de pan, propio das vodas, feito con fariña triga, ovos, manteiga, azucre e moi ben adornado de lambetadas, que podía ser disputado de dúas maneiras: improvisando cantigas de porfía ou bailando unha muiñeira de puntos moi difíciles e artísticos. A regueifa era entregada pola noiva á persoa vencedora na disputa e esta quedaba encargada de repartila entre as solteiras e solteiros asistentes. Ás persoas participantes no xogo chámaselles regueifeiras ou regueifeiros e esta forma acabou por ser utilizada para denominar a todos aqueles que, con bolo ou sen el, nunha voda ou en calquera outra circunstancia, compiten coa palabra para demostra-la súa agudeza e capacidade de improvisación.

Estes desafíos rimados son unha forma xa moi antiga de competición festiva na que o enxeño, a simpatía, os reflexos e mailo dominio da palabra son as armas que deben usa-los contendentes. Hainos en tódalas culturas e desde tempos moi recuados. Polo que a Galicia toca, e segundo nos conta Carré Aldao na súa Geografía General del Reino de Galicia, "a aseveración inmemorial de historiadores e xeógrafos romanos conta que, no país galaico, as femias levan a palma en improvisar cántigas e tanguer, sendo as súas composicións do máis fino epigrama e deverdadeiros poemas de delicado sentimento".

Hoxe en día, e por razóns de todos coñecidas, este tipo de prácticas caeu en desuso -sobre todo nesta nosa terra- o que fai aínda máis meritoria a iniciativa do Centro Veciñal e Cultural Valladares e o seu orixinal intento de actualización utilizando a Internet e as técnicas máis modernas.

 

 

 

Volver