Bo Nadal

Unha árbore cargada de presentes
    Por riba das evocacións relixiosas, o Nadal foi sempre, é aínda, un tempo reservado para o reencontro familiar e a reflexión, para vivirmos con intensidade as noites máis longas e iluminarmos con luces, fitas de prata e panxoliñas a escuridade do inverno. A casa convértese no espacio protagonista e por iso decorámola como o salón dunha verbena que dura ata a entrada do novo ano. Este divertido "rito dos adornos" inclúe a preparación da Árbore, unha actividade que resulta especialmente atractiva para a xente máis nova.

    A inclusión da Árbore de Nadal dentro dos costumes destas datas é relativamente moderna pois trátase dunha tradición importada dos países nórdicos e centroeuropeos que, ata practicamente mediados deste século, non se coñecía en Galicia. Hai uns cincuenta anos os e as emigrantes galegas na Suíza, a Alemaña e outras zonas interiores do continente, trouxeron canda si esta nova maneira de festexar o Nadal. Mais, aínda que o costume veña de fora, non resulta estraño que un país como o noso o asimilase tan ben. A veneración polas árbores, como fonte natural de riqueza, sempre estivo ben presente na nosa cultura; así os Maios, que antano foron populares en toda Galicia, son precisamente un recoñecemento ao renacer da natureza, coas árbores como protagonistas.

    O piñeiro, e mais modernamente o abeto, representan, coas súas follas perennes, o triunfo da vida na estación do inverno. A árbore, a pesar da neve e da xiada, continúa a traernos os seus agasallos cando máis falta nos fan: piñas, troncos e garabullos axúdannos a manter aceso o lume, que nos dá luz e calor na invernía. Estes presentes transfórmanse durante o Nadal en xoguetes, larpeiradas, libros, discos e outras cousiñas, que "aparecen" maxicamente ao pé da árbore para encher de ilusión a Noiteboa... Nuns lugares o encargado de traer os presentes é San Nicolau, noutras o Meniño Xesús, Euskadi conta co seu Lentzero e Cataluña co Tió...

    Aos galegos e galegas os agasallos probablemente nos chegan da árbore, sen ningún tipo de intermediario, e, en torno a este piñeiro virtual, reunímonos, mais unha vez, para convivirmos con quen está lonxe, para agradecermos á terra os dons e conscienciármonos do seu coidado, para saudarmos xuntos a chegada do último ano do milenio. No especial do Nadal 98 de Vieiros propoñémosche, como cada ano, que desfrutes connosco dunha festa en que tamén ti es parte da familia, a grande familia galega.

Así foi 1998
Crónica anual dos feitos máis significativos que se produciron na rede, en Galicia e no mundo e que apareceron diaramente na nosa páxina principal.

Presentes galegos
Fai un nadal máis galego cos galanos que che propomos.

Postais
Os traballos de Xaquín Marín, Sonia Álvarez, Xan Muras e Kiko Delgado serven para que felicitéde-lo nadal e aninovo a calquera punto do mundo.

Comidas do Nadal
As receitas de Paco Feixó para cociñar nestas festas

O Nadal noutras culturas
Para coñecer como celebran estas festas noutros paises e noutras culturas.


Vieiros