O Nadal noutras culturas

O Nadal, chámese como se chame, é unha das festas máis antigas da humanidade. Era en realidade a festa do sol, o solsticio de inverno (21-22 de decembro), cando os días comezan a medrar e a recuperar terreo con respecto á noite. Estaba tamén moi relacionada co lume e a súa simboloxía. Pero isto acontecía en case tódalas culturas do mundo, non só na cristiá. Así que no século IV o cristianismo adoptou a data do 25 de decembro para conmemorar o nacemento de Xesús Cristo aproveitando esas celebracións pagás. Así que en todo o mundo hai festas nesta época, aínda que non saiban quen é un pobre neno que naceu nunha corte dunha pequena aldea palestina.

Xa que logo, imos ver como se pasan estas festas noutros países e noutras culturas. Veremos como o fan os nosos veciños bascos e cataláns, os xudeos, os afroamericanos, os musulmáns e os galeses, por poñer varios exemplos. E para os "fetichistas" do Nadal, velaquí unha páxina, Christmas.com, con información de como se celebran estas festas en tódolos países do mundo (aínda que se esquece dos máis pequenos).

Bo Nadal internacional!

Hanuka, a victoria dun pobo errante

A festa xudea de Hanuka conmemora a victoria da rebelión militar dos macabeos en Xudea, no século II a.C., contra a helenización relixiosa e cultural que impuña o rei sirio Antíoco. Hanuka é unha das festas xudeas con máis arraigo popular (antes ca de fundamento relixioso, xa que non é unha festividade con base bíblica). Celébrase en decembro, nun sinxelo rito que se realiza en cada familia, que consiste en acender unhas pequenas velas nun candelabro especial chamado "menora". Durante as oito noites que dura a festa, vaise aumentando o número de velas acesas cada serán. Danse agasallos aos nenos, estes adícanse a xogos tradicionais ("dreidel"), prepáranse unhas deliciosas tortas de pataca ("latkes") para comer, e a familia disfruta cantando cancións en hebreo ou en yidish. Noutras webs, coma a da Unión de Congregacións Xudeo Americanas, pódese atopar a historia desta celebración, receitas, símbolos, costumes, etc; ou tamén os temas a discutir en familia, as cancións e os xogos. É tamén interesante a páxina de Xerusalén Virtual sobre Chanukah 98 (mellor dito, é o ano 5759).


Kwanzaa, ou voltar ás raíces

O Kwanzaa é unha festa non relixiosa da comunidade afroamericana, que está baseada nas celebracións africanas da colleita. O seu nome vén do swahili e significa "primeiras froitas". Comeza o 26 de decembro e remata o 1 de xaneiro. Nela recórdanse os éxitos do ano e lémbrase a historia afroamericana. En cada día do Kwanzaa faise énfase nun dos sete principios, que se representan con cadansúa vela: unidade, autodeterminación, traballo colectivo e responsabilidade, economía cooperativista, propósito, creatividade e fe. E, por suposto, fanse comidas especiais nesta época.


Nadal català cun tronco máxico

No Nadal catalán conviven dous xeitos de celebrar o Nadal, que non son excluíntes e normalmente celébranse os dous na mesma familia. Por unha banda están os Reis Magos, comúns a toda a Península, e pola outra está El Tió, un toro de árbore grande que se pón na cociña que lle dá os agasallos aos nenos e logo se queima. Este tronco convértese nun animal fantástico ao poñerlle lingua nariz e ollos. Na cidade o Tió é un personaxe que semella unha besta que chega cada ano antes do Nadal, vive na cociña ou no comedor, haino que alimentar e logo el, o día 24, tráelle os agasallos aos máis novos. Estes presentes cambiaron cos tempos: ao comezo eran sobre todo doces e larpeiradas, pero hoxe xa son agasallos máis importantes. Pero o máis curioso é que o Tió caga os presentes. Si, leron ben: cágaos, e logo os da casa cántanlle cancións.


Nadolig, retallos da herdanza celta

No Nadolig (Nadal en galés) xa quedan -desgraciadamente- poucas das tradicións pagás -se cadra de orixe celta- que foron adaptadas logo ás distintas versións do cristianismo. Todo comezaba cunha ben curiosa declaración de principios: poñían o arado debaixo da mesa onde se comía como mostra de que nesas tres semanas non se traballaba. E dende Noiteboa ata a mañá seguinte celebrábase o plygain (canto do galo), no que os mozos corrían polas rúas levando grandes fachos acesos e fachucos, soprando cornos e berrando coplas mentres as mulleres competían por teren a candea máis adornada. E aínda hoxe no suroeste de Gales se segue a ir polas casas cantando panxoliñas, malia que noutras zonas prohibiuse o plygain coa chegada do protestantismo porque dicía que os homes chegaban sempre borrachos aos oficios relixiosos. Mais o día importante para os galeses -vido a menos porque non se vende nada- é o dia de Noitevella. Tradicionalmente os mozos percorren a vila cantando e desexando feliz aninovo. Pero o máis curioso é que un cambio no calendario en 1752 produciu un desfase nas mentes festeiras dos galeses e aínda hoxe se celebra no pobo de Cwmgwan o día de Aninovo o 13 de xaneiro e o día de Noiteboa o 6 de xaneiro, onde homes e mozos levaban polas casas dos veciños o Mary Lwyd: unha caveira de cabalo especialmente preparada tras ser enterrada en cal vivo ou que fora metida baixo terra tralas festas do ano anterior. Esta é unha cerimonia precristiá aínda viva en moitas aldeas. Precristiá como o é "Halloween", tradición céltica que marca o comezo do inverno e que sobrevive gracias a que superou a proba fundamental do calendario festivo contemporáneo: o mercado. Pero, en realidade, non é máis ca unha noite onde hai que queimar os malos espíritos que en Gales se manifestan de xeito moi similar á Santa Compaña en Galicia.

Tamén podemos ler un texto de Dylan Thomas, o máis famoso poeta galés, sobre o Nadolig.


Olentzero, o rexurdimento da tradición basca

Olentzero é un personaxe nacido da imaxinación popular basca, comparable a Papa Noel para outros, e coa mesma función de aparecer na Noiteboa para traer agasallos aos nenos. Represéntase coma un vello pastor ou carboeiro, mal vestido, gordo, de cara suxa, pero sorrinte e simpático, baixando do monte, posiblemente para traer a noticia do nacemento de Xesús. Non se sabe con seguridade nin de onde vén o nome (que ten coma variantes "Olentzaro", "Onentzaro" e outras) nin tampouco cal é a orixe desta tradición. O certo é que no século vinte moitos educadores nacionalistas fixeron fincapé nela polo seu potencial diferenciador "basco" frente á tradición española orientada aos Reis Magos coma portadores dos agasallos. Existen numerosas cancións de Nadal moi populares que, facendo referencia ao Olentzero, se cantan nas casas bascas nestas datas, mentres que as rúas se decoran con olentzeros e os nenos compiten para construir os mellores bonecos. Hoxe día, pódese engadir ás numerosas divisións que tenden a polarizar á sociedade basca, a distinción, mellor humorada cá moitas outras, entre aquelas familias que reciben os regalos da man de Olentzero o 24 de decembro e os que deben agardar á chegada dos Reis o día 6, xa que para a xeneralidade dos bascos dalgunha idade Olentzero séguese a considerar como algo moderno, practicamente un producto das ikastolas.


Ramadán, un tempo de adoración

O Ramadán é o noveno mes do calendario musulmán. É un mes de xexún: durante estes 30 días só poden comer e beber cando cae o sol. Tampouco poden fumar nin manter relacións sexuais. Pero ao final do día, o xexún remátase cunha oración e cunha comida lixeira chamada iftar . Logo vaise visitar á familia e aos amigos. O Ramadán é un tempo de adoración e contemplación, nel celébrase que o Corán foi enviado aos profetas por Alá neste mes. Os musulmáns hanse de concentrar na súa fe e deben perder o menor tempo posible facendo as tarefas cotiás.
 



Árbore de Nadal


Así foi 1998 | Postais | Presentes galegos | Menús de festas