A emigración

Tense dito ata a saciedade que o Nadal e o Aninovo é o tempo do reencontro e do noso. Quizá non sexa máis que un tópico pero no caso do noso país ten máis que probabilidades de ser real. A emigración galega supón esa parte da familia que no seu momento, por moitas e diversas circunstancias, abandonou a casa para faceren a súa vida. Europa, principalmente Alemaña, Suíza e Francia, Australia, o estado español e principalmente América do sur recolleron a moitos dos 1.329.500 galegos que, segundo os datos dos centros na emigración, viven fóra da comunidade. E non falamos de tempos pasados: só no período 1980-1991 foron 88.950 os galegos e galegas que decidiron marchar, o que supón que de cada mil galegos, 32 emigraron fronte ós 5 da media do estado.

Moito se ten falado tamén dos beneficios que para o país, en cinco séculos de historia común con América, por exemplo, ten dado a emigración: empresas ou iniciativas como a vella fábrica de Sargadelos, as primeiras industrias conserveiras e téxtiles, a primeira instalación eléctrica, as primeiras escolas, os aserradeiros de madeira, os pequenos bancos instalados nas cidades e cabeceiras de comarcas, os consignatarios e empresas potentes nos portos da Coruña, Vigo ou Vilagarcía, etc... ademais de productos tan decisivos para a nosa forma de alimentármonos como a pataca e o maínzo, que substituiu ó centeo na elaboración do pan de cada día.

Agora, que temos tempo, debemos reflexionar tamén sobre os moitos cartos, divisas e propiedades que os nosos emigrantes mandaron para a terra e para os que aquí ficamos e que foron revertidos, polas políticas dos grandes bancos en fondos interbancarios, nas comunidades do este do estado para facer posible o seu desenvolvemento esquecendo, sempre, que os beneficios do traballo dos galegos e galegas da emigración se debía investir no medre e mellora da terra de orixe.

Debemos reflexionar, igualmente, na posibilidade de que os irmáns esparexidos polo mundo adiante retornen á terra para contribuíren á súa mellora. E ti que opinas?


Nadal na Terra


Así foi 1997 | Panxoliñas | Postais | Comidas do Nadal | Guía Vieiros | Felicidades