Vieiros BO NADAL
 O BELÉN

 PANXOLIÑAS

 e-POSTAIS
O CONTO DO NADAL

Internet ten música de panxoliña estes días. Coma o resto do todo. Co afianzamento da comunicación dixital, cada ano hai máis webs sobre estas datas festivas. Os portais xenéricos dedicados a estas festas son múltiples, pero de contidos bastante repetitivos. Algo de historia, costumes, ritos e tradicións. Tamén cancións, xogos e frases típicas. Aderézase todo a base de comidas, receitas e pratos e xa temos un menú para todos os gustos. Iso si, hai variedades autóctonas, segundo as preferencias e así temos nadais estadounidenses, alemáns, de Italia, latinos, dos antípodas ou rusos. Como as caixas de agasallos, todas as páxinas acochan algunha sorpresa no interior que as fai diferentes. ¡Ábreas!

Máis preto nos tocan as páxinas lusófonas. Se cadra tes dúbidas acerca de Papá Noel. Pois nós ofrecémosche unha páxina brasileira onde podes ata averiguar o que fai este bo velliño cando non é Nadal. É dicir, o resto do ano. E tamén, claro, tradicións, músicas... Pero se pasas de famosos (aínda dos de ficción), podes tamén ler as memorias de Nadal dun fato de brasileiros de a pé, gardadas no Museu da Pessoa. ¿E oíches algunha vez do Nadal na Angola? Animismo e cristianismo únense en África. Iso si, máis próximo queda Portugal, pois non hai que cruzar a poza atlántica nin o continente negro. Ideal, logo, para facer nestas datas un roteiro gastronómico.

Claro que se neste roteiro desviámonos un chisco cara ao norte rematamos... na casa outra vez, claro. Non hai perda, que nós aquí tamén temos as nosas tradicións de Nadal, moi vencelladas ao lume. Disque esta festividade (coma outras moitas) foi apropiada polo cristianismo, a partir de ritos celtas do solsticio de inverno. En calquera caso, son costumes que sereflicten en todo o país (que tal Pontevedra, por poñer un exemplo?) e que sorprenden os de fóra. Para non perder esta riqueza, quizais fose boa idea imitar esta páxina catalana que axunta Nadal, tradicións e lingua.

Vixente segue tamén o espírito cristián do Nadal, comezando polo Advento, que é a etapa que precede ao aniversario de Cristo. Para algúns esta historia agacha o significado verdadeiro destas festas. Agora que, ás veces, isto é difícil de lembrar entre tanta compravenda de galanos, lotería, cestas, tendas enormes... Finalmente, semella que todo se reduce a envolver o agasallo e penduralo da árbore metido nun calcetín. En calquera caso, un doce non lle amarga a ninguén e un galano sempre se agradece, sobre todo se se fai con cariño. Así que como ti o queiras -espiritual ou comercial-, nós desexámosche un moi Bo Nadal.



«« Vieiros | « Especial Nadal
Por se che faltan ideas
Libros, discos, moda, viaxes...
Receitas
Tres menús para os días grandes.
Un euro= 4 reas
O ano novo traénos de agasallo unha moeda galega.