NADAL 2000
Así foi o 2000: Cousas de Galicia (2)

3. Noticias na rede e novos medios ("A febre do ouro")
4. A cultura e o lecer na rede


3. Noticias na rede e novos medios ("A febre do ouro")

Neste 2000 chegaron os que faltaban. O 17 de maio sorprendéronos dous dos 'grandes' con páxina web. Foron as edicións dixitais dos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego que, paradoxalmente (aínda non sabemos o porqué da estrea nese día), teñen a web en español. Pouco despois da súa saída en papel tanto Diario de Ferrol -da mesma empresa có Ideal e con similar deseño- como La Opinión presentaban as súas respectivas webs. Outros xa existentes, como El Correo Gallego ou o Diario de Pontevedra, renovaron e melloraron considerablemente as súas webs. No caso da cabeceira pontevedresa, a renovación cadrou coa compra por parte do Grupo El Progreso que tamén presentou a súa edición dixital en xuño. Pero tamén houbo soadas chegadas ao mundo Internet. Coa "febre do ouro" da Internet que percorría o mundo, históricos do xornalismo galego montaron cadansúa web. José Luis Gómez, ex director de La Voz agora no Grupo Zeta, presentaba en febreiro Xornal.com, que se autoproclama "el primer diario electrónico de Galicia". E unhas semanas máis tarde, outro clásico, Diego Bernal, un peso pesado do xornalismo en Galicia, presentou en público E-Galicia, 'Diario Digital'.

Tamén a Xunta decidiu poñer na web un diario que informa sobre a actualidade institucional. Trátase de Galicia Terceiro Milenio , no que a Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios publica diariamente todas as informacións producidas e distribuídas polos gabinetes de comunicación da Xunta. Estamos ante un auténtico panfleto na web que se dedica a criticar á oposición, aos sindicatos e a todo o que lle leve a contraria á Xunta. Lembramos que a súa versión en papel incumprira as normas de lexislación electoral nos comicios galegos.

A información deportiva tamén entrou na rede con forza. Unha empresa de Vigo, apoiada por fortes subvencións, estreou en xuño o diario exclusivamente en Internet, GaliciaEnXogo.com , que presenta día a día a actualidade de cada un dos deportes que se practican no noso país. Malia o que se puidera pensar polo título, non está en galego senón en español. E o portal comarcal Finisterrae.com tamén presentou o seu propio xornal comarcal: Diario Deportivo, adicado a informar sobre a actualidade dos deportes na Costa da Morte.

Outras chegadas á rede foron Vigo Empresa , unha publicación electrónica mensual que publica reportaxes sobre as empresas instaladas na cidade olívica, ou FistroFM.net , a primeira radio universitaria do Estado español en emitir exclusivamente por Internet. A Universidade de Vigo, seguindo os pasos da de Santiago, presentou en xuño o Diario Electrónico da Universidade de Vigo, DUVI.


Arriba

4. A cultura e o lecer na rede

Culturalmente, o 2000 estivo marcado por dous acontecementos: o Ano Castelao e a Capitalidade Cultural de Santiago.

O intelectual galeguista recibiu todo tipo de honras e homenaxes. O propio 7 de xaneiro -data na que se cumprían os 50 anos do seu pasamento- estreouse o Museo Virtual Castelao, froito da colaboración entre o Consello da Cultura Galega, a Fundación Castelao e Vieiros. E a partir de aí sucedéronse as xornadas, congresos e simposios arredor da súa figura, dos que tamén puidemos saber a través de Internet. Vexan: do 25 ao 29 de xaneiro en Rianxo as Xornadas de Estudio de Castelao. Na publicación dixital arxentina Hispareport podemos atopar un especial informativo sobre o 50 cabodano do pasamento de Castelao en Bos Aires e o Concello pontevedrés estreou a web Caste lao e a cidade de Pontevedra. Neste ano morreu a súa irmá Teresa e publicáronse as súas o bras completas, edición crítica incluída a cargo de Henrique Monteagudo, que nesta entrevista nos fala sobre o escritor de Rianxo. Mesmo houbo polémica co PNV xa que supostamente a Fundación Sabino Arana ten valiosa correspondencia entre o galego e o presidente vasco Aguirre que non quere dar a coñecer. Saltou coa lebre o mesmísimo Carlos Casares.

Santiago foi Capital Europea da Cultura neste ano 2000 xunto con Reykjavik, Avignon, Bologna, Praga, Cracovia , Helsinki, Bergen e Bruxelas. Na súa web puidemos consultar os diferentes actos e o extenso programa cultural que chegou a Compostela, como o II Festival Internacional de Música de Galicia , Camiño de Santiago Virtual, a mostra internacional Heureka, o Galicia nos Sentidos ou o Santirock.

Outro acontecemento importante foi o nomeamento da Muralla Romana de Lugo como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco o 30 de novembro. Os lugueses fixeron unha impresionante campaña (ás veces polémica, mesmo excéntrica) para acadar o obxectivo.

Queremos prestarlle especial atención á literatura, que é unha das artes que máis se move na Internet galega. Xurdiron interesantes propostas, como o Centro para a Promoción da Traducción da Literatura Galega, promovido por Jonathan Dune, un profesor da Universidade de Bradford. Ou a Bivir.com unha biblioteca virtual que naceu da man da Asociación de Traductores para dar a coñecer textos da literatura universal en galego. Claro que o mesmo se lle ocorreu á Consellería de Cultura, que puxo en marcha a Biblioteca Virtual de Galicia, cunha valiosísima (aínda que mal realizada) colección dixital de prensa antiga galega. Esta biblioteca está inserida dentro do Centro Superior Bibliográfico de Galicia, onde se pode consultar os catálogos dos libros que hai nas bibliotecas públicas galegas, así como a rede de bibliotecas de Galicia, bibliografía sobre Galicia e outras informacións de interese.

O Día das Letras Galegas foi moi celebrado en moitas das webs galaicas. A TVG estreou un Especial sobre Murguía, ao igual que Vieiros, e tamén xurdiron LetrasGalegas.org, Murguía 2000 en Andel Virtual, a Web da Consellería de Cultura sobre Murguía e Xerais publicou integramente na rede a obra 1833, Manuel Murguía, unha fotobiografía. Mentres, noutro lugar do país, argallábase unha Comisión Labarta Pose para as Letras Galegas que pulaba na web para que o vindeiro 17 de maio se adicase á honra deste autor de Baio. Ese día Vieiros presentou o primeiro libro electrónico de Galicia. Tratábase de 'Por conto alleo', unha obra en formato PDF que reunía os 50 contos que o seu autor, Camilo Franco escribira durante 50 noites a partir de dúas palabras enviadas polos internautas.

Claro que na Terra Chá non son menos e celebraron o 21 de marzo o Día das Letras Chairegas, que nesta segunda edición se lle adicou a Manuel María. Tampouco queremos esquecernos do centenario do nacemento de Manuel Antonio, outro rianxeiro ilustre. Daquela Vieiros publicou unha reportaxe titulada Encol da obra pantasma de Manoel Antonio: Alén(da). O Proxecto Tomiño tamén actualizou a súa base de datos engadindo máis obras de autores galegos e máis biografías.

Quen tamén deu moito que falar foi a Editorial Galaxia, que celebrou o seu 50 aniversario cunha exposición itinerante por todo o país chamada 'Editorial Galaxia 1950-2000. Palabras para un país'. O 18 de xullo morría José Ángel Valente en Suíza. En Vieiros fixémoslle unha homenaxe. E co gallo da celebración da décima edición do Premio de Poesía Miguel González Garcés, a Deputación da Coruña convocou o I Foro de Poesía en Internet.

Outras propostas na rede foron Matapitos.com o novo libro para nenos de Gloria Sánchez e Fran Jaraba ou a web persoal de Suso de Toro que, ademais, publicou en Vieiros os dous primeiros capítulos de Non volvas, a súa última novela. E Jaureguizar, xunto con Marcos Sánchez, "deu a luz" Infimos.net unha especie de editorial virtual que publica narracións de menos de cinco liñas. Máis tarde protagonizaría xunto con Vieiros outro experimento literario chamado Familia Feliz, que reclama a colaboración dos lectores. Entre os agasallos que Vieiros lles ofreceu aos seus lectores este Nadal había varios libros de escritores galegos. No que a narrativa se refire, presentamos en exclusiva o novo libro de Fran Alonso, 'Males de cabeza', varios relatos deste escritor e xornalista vigués arredor da tolemia. Tamén en PDF podedes baixar 'Por conto alleo', de Camilo Franco, o primeiro libro electrónico de Galicia. En canto a poesía, da man de Retagarda Edicións, presentamos -en PDF ou en executable- as últimas novidades literarias de Rafa Villar ('ícaro'), Eduardo Estévez ('os veos da paisaxe') e Estevo Creus ('O libro dos cans').

No que a música se refire tamén houbo importantes e interesantes novas. E naceu Altofalante.net, unha base de datos con todo tipo de información musical onde as formacións poden deixar, ademais de datos, a súa música con ficheiros de MP3. Tamén é de salientar especialmente a web MP3 Galiza, que inclúe ligazóns a webs das que podemos baixar cancións en formato MP3 de grupos galegos. Absolutamente imprescindible.

Artistas consagrados e novos valores presentaron propostas que merece a pena nomear. Os Tróspiros de Cañha presentáronnos o seu orixinal "cibercortello", ao igual que a Psicofónica de Conxo ou o grupo vigués Dr. Cotomondongo y Sus Metales Preciosos, cunha escarallante web. Froito da morte do cantautor galego Suso Vaamonde queremos tamén lembrar as webs onde podemos atopar algunhas cancións del: aquí algunhas en formato MIDI e ler as súas letras nestoutra. Suso cedéranos amablemente varias panxoliñas para un especial Nadal de Vieiros, que tamén podedes escoitar. E un escritor, Manuel Forcadela, atreveuse coa música ao publicar un disco titulado "Suite", que se pode baixar de balde dende esta web en formato MP3. Tamén estrearon web as Ávalon, un grupo vigués de folc formado por seis mozas. Quen estreou dominio e páxina foi Xosé Manuel Budiño.

E, sobre outras artes, cumpriría salientar os dous importantes encontros fotográficos que tiveron lugar a finais de ano. Case ao mesmo tempo inaugurábase a Fotobienal de Vigo e o Outono Fotográfico de Ourense, onde se puideron contemplar interesantes imaxes de autores contemporáneos.

Outra novidade importante foi a presentación da web ColeccionCaixanova.com, que inclúe máis de 1.200 obras da colección desta entidade financeira. Ademais de contemplar as imaxes, pódese consultar bibliografía, biografías e comentarios das obras, tanto en galego coma en español. Tamén cómpre salientar o magnífico portal do Consello da Cultura Galega, CulturaGalega.org, que informa diariamente da actualidade cultural de Galicia, ademais de conter unha completa axenda das cidades galegas. Unha revista arxentina, Sitio Al Margen, puxo en liña un especial sobre os murais de Luís Seoane na Arxentina.

E varios organismos culturais dependentes da Xunta estrearon web. Un deles foi o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e outro foi o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), con completísima información dirixida a profesionais e afeccionados á danza, música e teatro interpretados en Galicia.

E, por último, queriamos salientar unha especialísima e curiosa web: Proceso por traición a Bellido Dolfos. Trátase dun galego de Vilabade (Castroverde) que dende o século XI é considerado como traidor en Zamora, e a el débeselle o nome de "Puerta de la Traición" nesta cidade castelá. O rei Afonso mandou atalo a catro poldros que o desconxuntaron por matar a Don Sancho. O caso é que case mil anos despois un xuíz zamorano, Federico Acosta, estudiou o caso e cre que Bellido foi un heroe, non un traidor. Logo escribiu unha obra de teatro que non puido estrear porque morreu pouco antes. Agora a súa filla publicou unha páxina web, FedericoAcosta.com, en memoria do pai e publica na rede a obra para que os internautas a lean e xulguen. ¿Foi Bellido un traidor ou un heroe?


1. A Rede en Galicia
2. O mundo das telecomunicacións

5. A rede, o mellor lugar para reivindicar
6. Mundo empresarial e un incipiente comercio electrónico
7. O galego e a Internet
8. Internet na educación
9. A TVG e as cámaras web por todo o país
10. Eleccións e política
11. Emigración na rede
12. O deporte: un ano de éxitos
13. Turismo 'on line'

Vieiros | Así foi o 2000: Cousas de Vieiros | Nadal en Vieiros | Arriba