Distintas cifras sobre a incidencia da
folga
Martes, 2 febreiro-99 Coma en toda folga que se precie, os
datos de seguemento sempre varían segundo a fonte. E a folga
europea de non conexión do pasado domingo non foi unha
excepción. Se onte a AI
dicía que o seguemento fora do 80% (baixada nas "news" e nos
correos), hoxe Telefónica
fala dunha baixada do 4,94% nas chamadas con respecto ao domingo
anterior. Pola contra, Nedstat, un servicio que audita no Estado
40.000 webs, sinalou que a incidencia fora do 23%, logo de ter
analizado unhas 2.500 páxinas. Do que si que non hai
ningún dato é da incidencia a nivel europeo.
Grande éxito na folga de
onte
Luns, 1 de febreiro-99 O 80% por cento dos internautas do
Estado español secundaron onte a folga europea convocada por
diferentes asociacións en Francia, Italia, Portugal, Suiza,
Holanda, Grecia e Polonia para pedir tarifas máis baratas de
acceso a Internet, segundo informou Víctor Domingo, presidente
da Asociación de
Internautas (AI). Así, nos grupos de novas houbo un
seguemento do 97%, nas canles españolas de Undernet, o 75%, no
IRC Hipsano o 60% e utilizouse o correo electrónico un 87%
menos que o pasado domingo 10 de xaneiro. Á espera dos datos
definitivos que achegarán os proveedores, a primeira vista
esta primeira folga europea foi un éxito. Estivo secundada por
tódalas agrupacións de internautas (AI, Unión
de Cybernautas, Timofonica.com,
Plataforma La Huelga,
...) agás a AUI e foi seguida
por webs como Yahoo.es, El Navegante de El Mundo,
LaBrújula.net, etc. Nas páxinas da Asociación de
Internautas poden atopar toda a información sobre os
porqués des con PSOE e IU de cara a presionar ao goberno para
a implantación da tarifa plana.
O 31-X, folga europea de
internautas
Fin de semana, 29, 30 e 31 xaneiro-99 Este domingo, folga
de non conexión e páxinas caídas en toda Europa.
Esta macro folga dixital foi iniciativa dun grupo francés, e
está apoiada por organizacións de Italia, Portugal,
Suiza, Grecia, Polonia, Alemania, Bélxica e o Reino Unido. No
Estado español esta convocatoria de protesta é
respaldada por Timofonica.com, Unión de Cybernautas,
Plataforma La Huelga e Asociación de Internautas, quen
finalmente se sumou debido ao fracaso das súas
negociacións co Ministerio de Fomento.
Tarifa plana por RDSI a 16.000
pesetas
Xoves, 28 xaneiro-99 Xa o anunciara o ministro de Fomento,
Arias Salgado, a comezos de novembro, pero non se fixo realidade ata
esta semana. O denominado Novacom Multiplan consiste nunha tarifa
plana por RDSI para as empresas, ao prezo de 16.000 pesetas ao mes,
que pode ser contratado no "servicio pemes" de Telefónica
(900 111 022). Pero os comerciais desta operadora aínda non o
teñen claro e están a por moitas dificultades.
Fracaso nas negociacións e nova
folga
Luns, 25 xaneiro-99 A reunión mantida o pasado
venres entre o Ministerio de Fomento e a Asociación
de Internautas (AI) rematou nun fracaso (anunciado, iso si) que
provocou a adhesión deste grupo á folga europea
convocada para o vindeiro 31 de xaneiro. Fomento soamente presentou
uns novos bonos de desconto xa coñecidos e o proxecto de
tarifa plana con tecnoloxía ADSL. A AI afirma no comunicado
posterior á reunión que "gracias á
mobilización deuse un gran paso na dirección correcta,
aínda que insuficiente ao non resolver de xeito inmediato o
conflicto" e que van tentar atopar unha solución pola
vía parlamentaria contando co apoio do grupo socialista no
Congreso.
Posible tarifa plana a 6.000
pesetas
Xoves, 14 xaneiro-99 O Ministerio de Fomento e
Telefónica, segundo publicou o diario ABC, pactaron a
aprobación datarifa plana, que costaría unhas 6.000
pesetas ao mes. Estaría baseado na utilización da
tecnoloxía ADSL, que facilita as conexións á
rede, pero obrigaría a cambiar de módem e só
sería posible nas cidades. Este acordo, que aínda non
está asinado, xa provocou resposta nos internautas, que
consideran abusivo o prezo. Hai quen fala tamén de que a
filtración a ABC non é máis ca un "globo sonda"
para observar as reaccións dos internautas. Poden atopar esta
información e a opinión dos usuarios na web da
Asociación de Internautas, xunto con recomendacións
para cambiar a Infovía Plus.
Este novo xeito de acceder a Internet aínda segue a causar
problemas, malia que o domingo 17 de xaneiro se eliminará
definitivamente o servicio 055. Infovía Plus tén
aínda defectos de funcionamento que están a provocar as
queixas de internautas e servidores, xa que, por exemplo, o seu
sistema de seguridade impídelle acceder aos usuarios de
Macintosh e de Windows 3.1. Telefónica asegurou que hoxe vai
poñer na súa web un script para amañar o
problema nestes computadores.
Negociando a rebaixa das tarifas
Xoves, 17-decembro-98 Onte, día 16 de decembro,
comezaron oficialmente as negociacións entre o Ministerio de
Fomento e a Asociación de
Internautas para negociar sobre o prezo das tarifas para os
usuarios de Internet. Nesta primeira reunión conseguiuse un
principio de acordo polo que Fomento se compromete a abaratar o custe
e a ir preparando a introducción da tarifa plana, para o que
é preciso antes mellorar as redes incorporando
tecnoloxía de vangarda. Este é o comezo dunha
negociación que pode dar proveitosos froitos. Seguirán
as conversas despois do Nadal.
Proceso de paz... con Fomento
Fin de semana, do 4 ao 8-decembro-98 A Asociación de
Internautas vén de desconvocar a manifestación que
ía ter lugar en Madrid o vindeiro luns 7 de decembro pola
tarifa plana. Malia a súa postura belixerante con
Telefónica e con Fomento, este colectivo aceptou a proposta de
diálogo do Ministerio para negociar a tarifa plana de acceso a
Internet. Sen embargo, hai quen afirma que anularon esta proposta
polas perspectivas de fracaso, xa que se organizaran viaxes en
autobuses dende tódalas capitais de provincia do Estado e logo
tivéronse que retirar polas poucas persoas apuntadas. Segundo
o calendario de traballo pactado, a primeira reunión
terá lugar o vindeiro mércores 16 de decembro. Segundo
AI, o ministro Rafael Arias-Salgado aseguroulle ao presidente desta
asociación que "a tarifa plana para Internet será
realidade nuns meses".
Liberación das
telecomunicacións
Martes, 1-decembro-98 Hoxe, 1 de decembro, ábrese no
Estado español o mercado das telecomunicacións a
calquera empresa e ponse fin ao monopolio de Telefónica.
Así, varias empresas entran forte a polo negocio máis
rendible do vindeiro século. As operadoras globais, ademais de
Telefónica, son
Retevisión, Uni2
(que o celebrou repartindo 250.000 flores) e Euskaltel.
Na telefonía móbil está Airtel e agora
súmase tamén Retevisión. Teñen pedidas
licencias varias empresas máis, entre as que destaca BT
(British Telecom). Agárdase dende o sector internáutico
que esta liberalización supoña unha considerable
rebaixa nas tarifas.
Web europea pola tarifa plana
Martes, 24-novembro-98 O grupo pro tarifa plana
británico CUT puxo en marcha a primeira páxina web que
integra diferentes plataformas e asociacións de internautas
europeos. Aínda en construcción, nesta web os
internautas manifestan o desexo de organizar un movemento a nivel
europeo para que a Unión Europea adopte unha tarifa plana. A
curto prazo teñen previsto facer un día de
acción europea a comezos do vindeiro ano. Por certo, a
versión galega e basca estará pronto en
liña.
Uni2 comeza forte
Luns, 23-novembro-98 A terceira operadora de
telecomunicacións acaba de entrar en xogo ofrecendo novidades
interesantes aos clientes. Uni2
vén de anunciar que non cobrará polas chamadas,
senón só polo tempo que se fale, ademais de presentarse
en público cun prezo que supón un aforro de entre o 13
e o 29% (dependendo a franxa horaria) con respecto ás tarifas
de Telefónica. Esta empresa, participada maioritariamente por
France Telecom e o grupo Editel (do Banco Santander), prevé
acadar unha cota de mercado do 7,5% no ano 2008 e unha
facturación de 150.000 millóns de pesetas.
Todos pola tarifa plana
Luns, 16-novembro-98 O calendario internáutico das
vindeiras semanas está ateigado de folgas pola tarifa plana.
Esta nova modalidade de manifestación, inaugurada no Estado
español contra os prezos abusivos de Telefónica,
púxose de moda. E agora as folgas de páxinas
"caídas" sucederán de país en país: a
primeira terá lugar en Arxentina o 20 de novembro, logo
Alemaña o 29, Suíza o 30, Portugal o 1 de decembro, no
Estado español o 7 e no Reino Unido e en Francia o 13 de
decembro. Así mesmo, a Asociación
de Internautas informa de que está a estudiar a
posibilidade de convocar unha folga destas características a
nivel europeo.
Folga contra Telefónica en
Arxentina
Xoves, 12-novembro-98 Os internautas arxentinos convocaron
unha folga o vindeiro 20 de novembro contra as tarifas abusivas de
Telefónica. Esta acción, promovida por GUIA (Grupo de
Usuarios de Internet de Arxentina), propón a caída de
webs e o non uso dos servicios de telefónica en 24 horas, a
imaxe e semellanza das folgas que se produciron no Estado
español. Os promotores do paro acusan a esta operadora de
frear o desenvolvemento de Internet en Arxentina.
Euskaltel rebenta as tarifas
Mércores, 4 novembro-98 A operadora basca Euskaltel
vai anunciar, segundo a Asociación de Internautas, unha
oferta chamada Tarifa Especial Internet, que resulta moito
máis económica ca Telefónica. Os prezos dunha
hora de conexión é de 162 pesetas/hora
(Telefónica, 270,55) e en tarifa reducida, 93,60
(Telefónica, 105,43). Estas e outras vantaxes son explicadas
na web desta organización, que supón que haberá
unha baixada de prezos tamén en Retevisión -socia de
Euskaltel- para competir con Telefónica logo da
liberalización destes servicios.
Folga polas tarifas na
Alemaña
Luns, 2 novembro-98 O primeiro de novembro na
Alemaña trouxo a este país a primeira folga de
internautas contra as tarifas telefónicas de T-Online,
propiedade da empresa Deutsche Telekom. Este paro de 24 horas, copia
recoñecida das folgas españolas, tivo un 70% de
seguimento, segundo datos dos convocantes. Miles de internautas
secundaron a primeira InternetStreik, que se volverá repetir o
vindeiro domingo, 8 de novembro.
Retevisión, un 30% máis
barata
Xoves, 22-outubro-98 A web de Timofónica
presenta en exclusiva os prezos de Retevisión
para chamadas metropolitanas. Na súa páxina mostran
unhas táboas comparativas entre os prezos desta operadora e os
de Telefónica, que mostran unha rebaixa do 30%, como
mínimo, a favor da primeira. Isto tradúcese en 100
pesetas menos por cada hora de conexión a Internet. Estes
datos aínda non son públicos, pero prometen moitos
movementos arredor deles.
Manifestación da Asociación de
Internautas
Martes, 20-outubro-98 A recentemente creada Asociación
de Internautas vén de estrear web e unha nova convocatoria
reivindicativa: unha manifestación en Madrid o 7 de decembro.
Esta organización, fundada o 10 de outubro en Madrid,
presentouse onte publicamente no Senado, na Comisión de
Internet, onde os representantes de tódolos grupos criticaron
duramente a Telefónica e expresaron o seu apoio a esta nova
asociación. A súa proposta de reivindicación
é a tarifa plana por 3.000 pesetas ao mes.
Nova asociación de
internautas
Martes, 13-outubro-98 As catro plataformas pro-tarifa plana
-FrEE, GTP, PTP e Plataforma La_Huelga- impulsaron a pasada fin de
semana a creación dun novo colectivo chamado "Asociación
de Internautas". Esta nova fronte de presión pulará
fundamentalmente por unha conexión a Internet a baixo prezo,
ademais de protexer os dereitos dos usuarios da rede. O seu
presidente é Víctor Domingo, actual director de
márketing e comunicación de Medialabs e membro de
FrEE.
Balance desigual sobre a Folga
Luns, 5-outubro-98 Seguindo as informacións das
entidades organizadoras, por unha banda, e de Telefónica, pola
outra, resulta difícil facer un balance máis ou menos
exacto do seguimento da folga de conexión do pasado
sábado día tres, Frente a porcentaxe situada entre o 70
e o 90% que lanza Víctor Domingo, representante de Fronteiras
Electrónicas, a operadora de telefonía do Estado
aventura que só o 4,5% dos e das usuarias da Rede secundaron a
protesta. A pesar de ser imposible dar unha cifra exacta do
seguimento, os canais de IRC e os grupos de discusión
rexistraron unha forte baixa de actividade e moitas páxinas
webpermaneceron "pechadas" ou mostraron faixas de adhesión
á protesta.
O sábado, folga!
Fin de semana, 2, 3 e 4-outubro-98 "Non chames, non
contestes, non te conectes". Esta é a máxima da folga
do sábado, o 3-O, que convocaron os seguintes colectivos de
usuarios de Internet contra a suba das tarifas de Telefónica:
Fronteras Electrónicas (FrEE), Plataforma Tarifa Plana, Grupo
Tarifa Plana e Plataforma La Huelga. O obxectivo común
é obter unha tarifa plana de acceso á rede. Malia que o
pleno do Congreso aprobou por unanimidade a petición ao
goberno deste sistema de pagamento, esta decisión non é
vinculante xa que Telefónica é unha empresa
privada.
Mentres, en Alemaña está a organizarse outra folga
para o primeiro de novembro contra as taxas da empresa Deutsche
Telekom AG, a imaxe e semellanza da exitosa folga do 3-S no Estado
español.
O Congreso pide a tarifa plana
Mércores, 30-setembro-98 Tódolos partidos,
mesmo o PP, apoiaron onte no pleno do Congreso
unha moción presentada polo PSOE
na que se insta ao Goberno a establecer unha tarifa plana para o uso
da rede. Os políticos reaccionan así ás
protestas dos internautas polas novas tarifas de Telefónica,
que xa voltaron a convocar outra folga de non conexión para o
vindeiro 3 de outubro. De calquera xeito, esta empresa é
totalmente privada, polo que esta unanimidade no Parlamento
español non a obriga a nada.
Preparando a nova folga
Martes, 29-setembro-98 A nova folga convocada para o
sábado 3 de outubro vai sumando cada día novos adeptos.
Ducias de colectivos teñen xa un "banner" reivindicativo
apoiando a iniciativa dos grupos FrEE, GTP, PLH, PTP, que se plasma
nesta web conxunta informativa. Logo do fracaso da reunión do
pasado 23 de setembro na ExpoInternet convocada pola AUI, segue o
tira e afrouxa dos usuarios con Telefónica sobre o prezo das
tarifas de acceso a Internet. Polo momento, a resposta
política deuna o PSOE, que está a manter unha
posición pública de apoio á tarifa plana,
ó igual ca Convergència iUnió.
O PSOE pide a tarifa plana
Xoves, 24-setembro-98 Os socialistas presentarán a
vindeira semana unha moción na que pedirán a tarifa
plana, ademais de solicitar que se derogue a orde ministerial de suba
telefónica ata que se auditen as contas de Telefónica e
se desfaga o monopolio tamén nas chamadas metropolitanas.
Convergencia i Unió tamén declarou que apoia esta
medida. Namentres, a reunión de onte en ExpoInternet non
serviu para arranxar nada. A folga do 3 de outubro segue convocada e
a fenda aberta entre os usuarios parece que se vai agrandando
máis.
Denuncian a Telefónica por
fraude
Mércores, 23-setembro-98 A Organización de
Consumidores e Usuarios (OCU) denunciou a Telefónica
por cobrar as chamadas fallidas a Infovía, ó que se
accede chamando ó 055. Segundo un estudio desta
asociación, cada usuario ten uns 10 intentos fallidos ó
mes por 11,4 pesetas, o que supón máis de vinte pesos
que ha de pagar por un erro de Telefónica. Isto suponlle a
esta operadora un ingreso anual de máis de 2.000
millóns de pesetas.
Nova folga o 3 de outubro
Xoves, 17-setembro-98 Varios dos grupos promotores da folga
do pasado 3-S veñen de convocar outra para o vindeiro 3 de
outubro para respostar á rebaixa das tarifas de
Telefónica. Este novo paro foi acordado onte nunha
reunión "virtual" nunha canle de IRC polos grupos Fronteras
Electrónicas, GTP (Grupo Tarifa Plana), Plataforma La Huelga e
Plataforma Tarifa Plana, que agrupan a máis de 10.000
subscriptores. Queren así manifestar o seu rexeitamento cara
os plans de desconto de Telefónica que, na súa
opinión, son puro márqueting. Ademais, critican a
autodenominación de AUI como único interlocutor nas
negociacións con esta operadora e afirman que non
asistirán ó encontro en Barcelona do día 23 en
Expointernet '98. Para consultar o texto completo da convocatoria,
premer aquí.
Por outra banda, Retevisión
está preparando unha demanda contra Telefónica por
abuso de posición e prácticas monopolísticas e
por difundir plans sen aprobación oficial, xa que as rebaixas
afectan só á primeira operadora e non ás
conexións de Redestb e Servicom, que pertencen a
Retevisión. Tamén hai que lembrar o Congreso dos
Deputados rexeitou o pasado luns unha proposta de tarifa plana,
gracias aos votos en contra de PP e nacionalistas bascos e
cataláns.
Telefónica rebaixa as
tarifas
Mércores, 16-setembro-98 Telefónica
anunciou onte unha rebaixa de ata o 51% en horarios nocturnos e na
fin de semana. Logo de varias semanas cheas de rumores e
negociacións, a operadora lanza por primeira vez unha oferta
para aplacar a unha opinión pública que se puxo de lado
dos internautas logo da folga do 3-S. Pero os usuarios da rede non se
conforman cunha medida que está tan lonxe da solicitada tarifa
plana. Polo momento, proseguen as conversas entre a empresa e a
Asociación de Usuarios, co Ministerio de Fomento pedindo
solucións, ante a presión dos usuarios-votantes.
Aquí detallamos máis polo miúdo as dúas
modalidades de rebaixa:
- Plan Bononet: aplica descontos por bonos anticipados
(de 20.00 horas a 8.00): un bono de 10 horas de 1.600 ptas; bono
de 30 horas, 4.000 ptas; e bono de 100 horas, 13.000 pesetas.
- Plan Masternet, que aplica descontos en función
do volume de consumo, cun máximo do 15% en horarios
normais.
Telefónica negocia con
AUI
Fin de semana, 11, 12 e 13-setembro-98 Telefónica
está a manter reunións coa Asociación
de Usuarios de Internet de cara a solucionar o problema das
tarifas. Tanto un coma outro, afrontan así a necesidade de
atopar novos plans que se adapten aos diferentes usos e que melloren
os servicios e os custos para os internautas. Polo momento, só
se acordaron as datas do calendario de reunións para buscar
solucións ao problema.
Inesperadas consecuencias da tarifa
plana
Mércores, 9-setembro-98 Segundo persoas achegadas a
Telefónica, a tarifa plana total acabará
impoñéndose a curto-medio prazo, dependendo de como se
desenvolvan as negociacións entre esta operadora e o
Ministerio de Fomento. Pero este feito, que favorece aos usuarios,
está xa a levantar ampolas entre os pequenos proveedores, que
ven perigar o seu futuro debido ó aumento de caudal de
información que vai supor a ilimitación do
tráfico en Internet. Non poderán subir os prezos porque
deste xeito non competirían coas grandes empresas. Se
actualmente os proveedores cobran unha tarifa plana ó ano,
sería posible que nun futuro cobrasen segundo a capacidade que
utilice cada usuario.
En Galicia hai actualmente unha decena de proveedores e pecharon
catro no que levamos de historia cibernáutica: Rianet, Anade,
Hedra e Argonet. Velaquí unha lista dos actuais:
Telefónica ofrece tarifa
plana
Martes, 8-setembro-98 Telefónica vén de
responder, se ben parcialmente, ás reivindicacións dos
usuarios de Internet na folga do 3-S. Segundo informou o diario
económico Cinco
Días, esta operadora de telecomunicacións vai
ofrecer, previsiblemente esta semana, unha tarifa plana, pero
restrinxida a uns certos horarios. Así, por 2.000 pesetas
mensuais os internautas poderán acceder ilimitadamente
á Rede de dez da noite a oito da mañá e nas fins
de semana, aínda que tamén se prevé unha
reducción de prezos no resto dos horarios.
Deica o momento, as reaccións das asociacións dos
usuarios foron de ledicia, aínda que moitos deles non se
conforman con esta medida e seguen reivindicando a tarifa plana total
por menos de 5.000 pesetas. Para acadar este obxectivo, fálase
de proseguir coas mobilizacións e presionar na ExpoInternet do
vindeiro día 23, onde terá lugar unha gran
reunión entre proveedores, autoridades e
Telefónica.
Éxito da folga
Fin de semana, 4, 5 e 6-setembro-98 As cifras do seguemento
da folga de onte contra Telefónica foron dispares. Mentres a
propia empresa dicía que as chamadas só baixaran un
12%, a Asociación de Usuarios de Internet falaba de
máis do 50% e os servidores de Internet apostaban por un 35%.
Sexa cal for a cifra real, o certo é que a presión
surtiu efecto. O Ministerio de Fomento xa recoñeceu que
está disposto a apoiar a tarifa plana, sempre e cando non
implique un aumento de custes para os usuarios de teléfono
normais. Sen embargo, Telefónica afirma que a decisión
da suba das tarifas foi tomada polo Ministerio. Unha das webs
máis reivindicativas nesta folga, Usuarios Puteados por
Telefónica, afirma na súa páxina que esta foi
pechada por orde xudicial.
Folga contra Telefónica
Xoves, 03-setembro-98 O 3-S está xa a abanear
Telefónica. Toda a rede do Estado español semella
querer plantarlle cara á primeira operadora de
telecomunicacións, que na actualidade ten nas súas mans
a xestión da conexión á Internet. O pasado 31 de
xullo, e a pesar das propostas alternativas da Asociación de
Usuarios de Internet e outras organizacións civís, o
Goberno estatal aprobaba unha suba de tarifas para as chamadas locais
proposta por Telefónica que supón un incremento de ata
máis do 100% nas chamadas de longa duración, o que
significa un duro golpe para o desenvolvemento da Internet, xa que a
inmensa maioría das conexións á Rede son deste
tipo.
A raíz da polémica decisión do Ministerio de
Fomento, unha boa parte da comunidade internáutica de todo o
Estado uniuse en varios colectivos para reivindicar un dispositivo
para a discriminación de chamadas telefónicas por unha
banda e conexión á Rede pola outra, que permitise a
instauración dun sistema de tarifas planas. Con este motivo,
organizacións como a Plataforma La Huelga, a Asociación
de Usuarios de Internet ou a Plataforma Tarifa Plana denuncian a
acción monopolística de Telefónica que, segundo
eles, detén a expansión da Rede e a creación da
incipiente industria que se está a crear ao redor dela.
A folga do 3-S chama á non conexión á Rede
durante 24 horas, a manter os teléfonos descolgados e a
presentar páxinas en branco. Esta primeira parada virtual da
Internet no Estado virá seguida de outras medidas
reivindicativas ao longo do mes de setembro, como a saturación
dos números 900 de Telefónica, o envío masivo de
correos a diferentes organismos, etc. Telefónica
prepárase tecnicamente para se defender da avalancha dos e das
internautas en folga que, a entender dos seus propios
técnicos, pode ocasionarlle " trastornos graves". Para
máis información:
La Brújula.Net Este
xornal dixital para internautas recolle un diario pormenorizado da
folga
Retevisión Segunda
operadora de telecomunicacións do Estado
Usuarios Puteados por Telefónica. Grupo de hackers que
prepara un boicot contra Telefónica
As novas tarifas. Táboa con tódolos datos das
subas.
A Asociación de Usuarios súmase
á folga
Mércores, 02-setembro-98 A Asociación
de Usuarios de Internet (AUI) vén de sumarse á
folga de non conexión a Internet que distintos colectivos
convocaron para o xoves día 3 de setembro. Para protestar
contra a subida das tarifas locais de Telefónica,
mañá esta asociación porá a súa
web en branco e non se conectará en todo o día. Unha
das súas propostas é o diferenciamento do uso da
liña telefónica para falar e para acceder ós
servicios de información coma Internet. Para conseguilo,
chaman á mobilización durante todo este mes levando a
cabo diferentes accións de negociación e protesta que
se poden consultar na súa web.
O xoves, folga contra a suba das
tarifas
Martes, 01-setembro-98 O vindeiro xoves día 3 hai
unha folga de non conexión a Internet convocada pola
Plataforma La Huelga en contra da suba das tarifas locais de
Telefónica, que afectan sobre todo ós internautas. Para
máis información, pódese consultar o "Diario de
la huelga".
Internautas reclaman tarifa
plana
Fin de semana, 24, 25 e 26-xullo-98 A Asociación
de Usuarios da Internet (AUI) e outras organizacións de
usuarios e consumidores acaban de presentar á Comisión
do Mercado das Telecomunicacións (CMT) a súa proposta
para o establecemento de tarifas planas na navegación pola
Rede, que paliaría a inminente suba do 34% nas chamadas
locais. Ata o momento, a implantación de tarifas planas non
era contemplada pola AUI como unha boa solución xa que, ao se
establecer unha factura fixa, independentemente do tempo de
duración da comunicación, os e as usuarias
poderían permanecer conectados á Rede de xeito
inninterrompido e isto produciría colapsos nas centrais
telefónicas, como veu acontecendo ata hai relativamente pouco
nos Estados Unidos. Con todo, os avances tecnolóxicos actuais
permiten a utilización de métodos de xestión, xa
activos en diferentes países europeos, que discriminan as
chamadas de voz e das da Internet e evitan os antigos problemas. A
CMT terá que elaborar agora un informe para o ministerio de
Fomento e convocar as operadoras telefónicas para procuraren
unha solución, porcanto o incremento das tarifas
frearía drasticamente o desenvolvemento da Internet e con el o
do comercio electrónico e o da incipiente industria de
servicios da Rede. |