Volver á portada | Galicia e o seu parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Colaboracións


G97 Revista de prensa

18 de outubro 1997

Faro de Vigo

Apoteose da gaita
Anxel Vence

Posto a vende-la pel do oso antes de cazalo mañá nas furnas, Manuel fraga adiantou xa algúns detalles sobre a súa terceira coronación como Don Manuel I de Galicia, que tódalas sondaxes dan por feita. Anuncia o circunstancial candidato e evidente monarca galego que entrará no Palacio de Raxoi ó son multitudinario de cinco mil gaitas, cinco mil, o que de ser certo constituirá sen dúbida a maior manifestación de roncóns e palletas que recorde a historia do universo. Os editores do Libro Guinnes dos Récords estarán xa pendentes do que suceda mañá en Galicia para enriquece-las páxinas do seu anuario con un novo e insólito rexistro.
Un observador foráneo ou simplemente desavisado das peculiaridades deste vello Reino pensará quizá que a promesa de Don Manuel I é unha simple metáfora. Nada máis lonxe da realidade. O das gaitas na cerimonia de coronación é xa unha das moitas tradicións introducidas por Fraga dende que se empeñou en restaura-lo antigo reino, de modo que a única novidade é de orde cuantitativa: en lugar dos 3.000 gaiteiros de 1993, agora quere 5.000, tal vez para axusta-lo número de roncóns ó IPC.
Dirán os peor pensados que o que Fraga quere en realidade é tocarlle a gaita ós seus adversarios, pero non hai razón para supoñerlle esas intencións. Ocorre máis ben que Don Manuel I é o derradeiro dos conservadores ó estilo clásico -agora que todo o mundo quere ser liberal-, e ninguén ignora que o que define a un conservador é, precisamente, a conservación das tradicións, entre as que indubidablemente se inclúen os gaiteiros, a romaría de Monte Faro, a queimada e, probablemente, unha monumental "pulpeirada" ó aire libre como a que ofreceu para conmemora-lo seu primeiro triúnfo en 1989. (...).


La Voz de Galicia

Carta de axuste
Antón Reixa

A xornada de reflexión, televisivamente falando, debería equivaler a unha carta de axuste electoral. Será relativamente así. Pero algúns (aproximadamente un 30% do censo) practicarán o zapeo político xa o domingo coa súa abstención, mentres o 70% restante instalarase nese mesmo zapeo para os próximos catro anos. Para ben ou para mal, os políticos profesionais forman parte do espectáculo e iso é o que mellor explica que, a pesar da pouca credibilidade que poidan inspirar, sigamos pendentes deles. Na vida actual na categoría final de espectáculo intervén decisivamente a televisión. Unha proba máis tivémola no derradeiro día de campaña: sen a televisión non sería explicable o esforzo circense que fan os partidos para ese acto final. Como conclusión deste seguimento que aquí viñemos facendo da campaña eu adiantaría dúas conclusións. A primeira ten que ver coa afirmación que aquí o que vale, como na boa televisión e o mellor cine, é un bo guión e un bo protagonista. No caso do PP e do BNG ese guión permaneceu case inalterable estas dúas semanas. No caso do PSOE, houbo cambio sustancial de guión na última semana e sustitución coral do protagonista a cargo, sobre todo de González e Paco Vázquez. Mesmo cambiaron o idioma da mensaxe. A segunda conclusión é que, escamoteada políticamente a posibilidade do debate televisado, a televisión, cando menos para nós, aínda non acadou o pluralismo do que deu mostra a prensa. Falta vertebrar máis aínda a nosa oferta auidiovisual, potenciar a tele pública e as televisións locais, ademais de galeguizar a oferta das xeneralistas privadas. Con todo, ata que as eleccións galegas non as sigan a CNN e Euronews non seremos un país importante no mundo.



17 de outubro 1997

El País

Que veña a ONU!
Manuel Rivas

Isto púxose duro. A terceira victoria triunfal de Fraga está tan cantada nas eleccións virtuais que no PP hai un raro nerviosismo, como se temesen un episodio de realismo máxico por parte do pobo o próximo domingo. "Hai que buscar os votos debaixo das pedras!", clama don Manuel nos mitins. E engade: "Eu ou o caos".
Se isto fose unha película de Willy Wilder, xa alguén tería berrado: "O caos" ou "Que veña a ONU". Mais se algo falta é sentido do humor. A maquinaria pública xa se puxo tipo NO-DO total. É unha mestura pornográfica do institucional e o electoral, os informativos ocupan o seu espacio con actividades do Goberno en funcións. Todo vale. En Valdeorras, tendo por testemuñas a Fraga e a ministra Loyola de Palacio, o presidente da deputación de Ourense, José Luis Baltar, fixo uso da arma máis sinistra exhibida ata agora na campaña e vinculou un adversario democrático, o BNG, co terrorismo etarra. En van procurou unha crítica nos paladíns liberais de antano. Non atopan, así e todo, ningunha pulga no fraguismo e fan súa a premisa do poder: non hai alternativa. Se isto é un ensaio do que vai suceder en España no futuro, abrochen os cintos. Iso si, boa parte da prensa galega, nun pacto que a ennobrece, mantén a temperanza.
Hai lugares onde a presencia da oposición é un acto de heroicidade. Os observadores poderían dar, por exemplo, unha volta polo Vicedo, no norte de Lugo. Alí exerce un alcalde do PP, Isaac Prado Villapol, quen, nun xesto de desprendemento, decidiu bautizar co seu propio nome a avenida principal da vila. Nun proceso xudicial aberto, o fiscal acúsao de embolsarse irregularmente 60 millóns de pesetas en axudas de custo nun período de catro anos. A penúltima que se sabe, por boca dun antigo compañeiro, é que mercou con cartos públicos a caseta do can. Ao ex-presidente da Xunta,Fernando González Laxe, non lle soltaron o can de Vilalba, mais viunas e desexounas para conseguir dar un mitin na vila. O local da asociación de Cabezas de Familia, onde antes interviñera o PP, estaba pechado. Os directivos da entidade recibiran presións para impedir o acto opositor.
Isto non é unha dictadura, con todo, como diría Haro Tecglen, hai illotes instalados nunha non-democracia. Noutro concello lugués, o de Chantada, o alcalde da dereita restituiu ao plano de rúas os nomes de Franco e Primo de Rivera e retirou os de Castelao e Alexandre Bóveda, porque as rúas se chamaban así de toda a vida. Ora ben, non só cabe falar de concellos con atmosfera preconstitucional. No mundo da cultura a confraría máis numerosa é a dos caladiños. Persoas que en privado deostan o Goberno rexeitan falar ou pronunciarse en público. Non teñen esa cautela os satisfeitos, por diversos motivos, co actual poder. Aparecen artigos escritos por intelectuais que ata atribúen a Fraga as obras públicas aprobadas polo ministro Borrell.
Existe oposición e existe alternativa. Fronte a Fraga non hai esa caricatura da gaiola de grilos. Acontece que a alternativa é bicéfala, e iso podería ser tan problemático como vantaxoso. Na verdade, a oposición nunca estivo tan unida. Existe máis fraccionamento electoral en Euskadi e aquí non hai independentismo terrorista.
Os ilustrados galeguistas puñan de modelos para Galicia Dinamarca ou Suíza. No fondo, os galegos somos bastante suízos, ainda que sexa pola emigración. O que pasa é que alí triunfou fai só 800 anos a revolución democrática de burgueses e labregos e aquí, na mesma época, fracasou a dos Irmandiños. Moita xente da Terra de Soneira, onde vivo, traballa en Suíza. Analizando a Enquêt sur le rapport des suisses á la politique, un atopa que o comportamento político da miña comarca non é moi distinta da dun cantón suízo. Acontece que alí á pluralidade ninguén lle chama caos.
En fin. Se continúa Fraga, que sexa el quen enterre a espada e empuñe o arado. E se así chega o caos, que seza suízo.



16 de outubro 1997

El País

A aldea Fraga
Xosé Hermida

José Luis Baltar, presidente da Deputación e do PP de Ourense, é un home poderoso, pero tamén sociable e simpático, que nas horas libres se divirte cos seus amigos tocando o trombón nunha charanga. A agrupación político-musical acostuma a amenizar estes días o final dos mitins populares na Provincia. O pasado martes, Francisco Álvarez Cascos e a súa esposa esmendrelláronse co desenfado da murga de Baltar, e a peza máis famosa ten o estribillo: "...Y si no eres del Pepé, jodeté, jodeté". En Galicia, verdadeiramente, resulta un fastidio pertencer a outro partido que non sexa o PP. É difícil atopar precedentes dunha forza política que acumulara un poder de tal magnitude no ámbito dunha comunidade autónoma: declara oficialmente 100.000 militantes, e controla a Xunta, 43 dos 75 escanos do Parlamento, as catro deputacións provinciais, o 85% dos municipios, os consellos de administración das empresas públicas e das Caixas de Aforro...
Cunha débil rede industrial e unha sociedade civil pouco organizada, case ninguén en Galicia pode vivir de costas viradas á Administración: os medios de comunicación precísana para que supla as carencias do mercado publicitario privado; artistas, escritores, clubes deportivos, asociacións de veciños ou grupos de amas de casa, para que patrocine as súas actividades; as empresas, para obter contratos e subvencións; os desempregados, para tentaren atopar traballo; os habitantes das aldeas máis remotas, para que lles coloque un punto de luz ou lles asfalte a pista...E non hai liña divisoria entre a Administración e o Partido Popular. Nin sequera os dirixentes do partido se esforzan por disimulalo. Basta chegar ó antedespacho do presidente da Xunta, Manuel Fraga, na sede oficial do Goberno, e atoparse, entre revistas e libros para distraer a espera, cun gran mazo de folletos electorais do PP. (...)


La Voz de Galicia

Os dous relevos do PP
Xesús Vilas

O Partido Popular de Galicia ten pendente dous relevos xeracionais. O primeiro, o máis evidente, é o do seu candidato. Se as urnas non o fan antes, a xubilación do patrón de Vilalba será un dos eixos da segunda lexislatura. O segundo é máis subterráneo, pero posiblemente máis indicativo do futuro da formación conservadora. Afecta ós seus votantes, a esa maioría natural ante a que Fraga se autopropón como única alternativa ó caos. As persoas que participan nos mitins baixo a gorra e a bandeira da gaivota son a punta dun iceberg, que queda perfectamente debuxado nos estudios de intención de voto Por utilizar un símil futbolístico de que tanto gosta o aspirante popular, ¿En que sectores do electorado gaña o PP por goleada ós socialista e nacionalistas? Nos maiores de 55 anos, nos habitantes dos núcleos con menos de 10.000 veciños, nas persoas con estudios primarios e nas provincias de interior. Un perfil de votante tipo que se arreda progresivamente da Galicia que se perfila pouco a pouco no horizonte do século XXI.



15 de outubro 1997

La Voz de Galicia

A campaña das retificacións
Leoncio González

Tralo aviso feito por González de que non se presentará como candidato ás próximas xerais e o de Cuiña, anticipando que o final de Fraga sería o seu tamén, parecía que o motivo polo que ía ser recordada esta campaña sería polo importante número de retiradas que se teñen anunciado.
Pero é evidente xa que non pasará só á historia por ese motivo, senón tamén polo enxeño exercitado nas rectificacións a que esta moda está a dar lugar. Consideremos, por exemplo, a realizada polo secretario xeral do PP dicindo Diego onde antes todo o mundo lle oíra dicir digo.
É evidente que se trata dun salto cualitativo na campaña. Ata agora os políticos facían un esforzo tremendo para as súas palabras seren tomadas en serio e, aínda que prometían cousas que, alén de inverosímiles, semellaban moitas veces imposibles, tomaban a cautela de deixar pasar uns días e agardar a que se pechasen as urnas para facer o contrario do que afirmaran.
Pero vese que este sistema tradicional se lles facía pesado e o prazo demasiado longo, polo que optaron por simplificalo. ¿De que maneira? Cunha técnica inédita que supón unha achega interesantísima ó arsenal dos políticos en campaña. Tanto é así, que o auténtico ensaio que se está a realizar no laboratorio electoral non é o pacto da coalición nin a transición do Bloque cara á socialdemocracia, senón saber se ese procedemento novidoso se pode patentar ou non.
Consiste en aforrarlle ó dirixente que no calculou ben o alcance das súas palabras o lance de ter que se desdicir para que non se volvan na súa contra. Con tal finalidade preténdese que as persoas que entenderon xusto aquilo que se desprende da literalidade das palabras pronunciadas incorresen nun erro de interpretación (...).


El Ideal Gallego

¿Que lle parece o desembarco de políticos foráneos?

Alberte Brenlla (secretario de USO de Santiago): a miña opinión persoal é de comprensión perante o feito de que os políticos de Madrid veñan a facer campaña a Galicia. Como exemplo tan só mencionar as declaracións do ex-presidente do Goberno e preguntarnos se as súas palabras resolven algo a Galicia.

Antonio Gómez Bellón (Asociación Cultural Faro da Coruña): Véxoo como un acto rutinario, pois xa pasou en anteriores campañas, mais penso que coa xente de que dispoñemos aquí hai máis que suficiente.

Xaquín Marín (debuxante e director do Museo do Humor de Fene): Paréceme mal o desembarco de políticos foráneos na campaña electoral galega, porque penso que cando se ten que recorrer a iso é porque non hai moito por acó. De aplicarse habitualmente este sistema nos comicios electorais, algúns chegarían a pedir a presencia de Marx e outros a de Clinton.

José Antonio Folgueira (presidente de Mallos-Sagrada Familia-Estación da Coruña): Paréceme ben, porque penso que en certo modo é necesario que se comprometan con Galicia. As autonomías teñen que colaborar unhas con outras, e ninguén pode sobrevivir por si só. Estou de acordo, como di Beiras, en que non teñen que vir a presentarnos a nós, senón nós a eles.

Teresa Hernández (presidenta da Asociación de Veciños de Ferrol Vello): Ben, sempre e cando veñan con bos fins e non sexan miopes. que non queden só no mercado de Ferrol, como fixo Cascos. Xa que veñen, que coñezan tódalas caras de Galicia, e non fique só en promesas.

Juan José Cebrián (teólogo e profesor do instituto Xelmírez): Dame igual. Non lle dou importancia. Tódolos partidos forman parte dunha agrupación nacional e, polo tanto, os seus líderes veñen a Galicia a facer causa común. Todos veñen ó mesmo, a demostrar que forman parte dun mesmo partido, que están unidos e que se apoian uns ós outros.



14 de outubro 1997

La Voz de Galicia

Os secundarios
Antón Reixa

Temos insistido aquí no carácter presidencialista desta campaña. Tanto é así que, fóra dos candidatos á presidencia, é case insólito ver na información electoral da televisión outras caras das listas concorrentes. Tamén temos insistido na recorrencia por parte do PP e da coalición de Abel Caballero ós convidados especiais, pero esa é outra categoría no elenco electoral. O PP mostra ministros e o PSOE deputados do Parlamento español e ilustres militantes de base. O feito de que non exista en Galicia, polo momento, unha rede importante de televisións locais converte, creo eu, en audiovisualmente invisibles ós candidatos non presidenciables. O efecto contrario sucede coas televisións de ámbito estatal: os forasteiros sempre lles rouban presencia en pantalla ós candidatos autonómicos.
Neste contexto, resulta especialmente hábil o golpe de efecto do candidato Cuíña (ausente ata agora televisivamente da campaña), anunciando a don Manuel que se retiraría canda el. No mesmo acto estaba Cascos e a habilidade do secundario logrou eclipsar ó convidado especial. Case todos os secundarios do cine e da televisión teñen unha predisposición especial a chupar cámara e promover as situacións que lles garantan maior protagonismo, forzando a guionistas e realizadores a que lles dean máis plano.
Algúns chegan a estrelas. Das palabras de Cuiña eu non derivaría exactamente que se retire da política en determinado momento, senón que usa magnificamente un recurso clásico dos guións de intriga, o que Hitchcock chamaba un Mac Guffin: introducir un dato irrelevante, que non damos en coñecer en profundidade, pero que acaba desencadeando a trama principal. Non perdan os próximos episodios.


El Correo Gallego

Ver para crer
Ramón Pastrana

É sabido que, salvo contadas excepcións que confirman a regra, cando un político anuncia que se vai , que se retira, que renuncia a continuar no choio, o que en realidade quere dicir é que posiblemente, tal vez, quizais algún día non moi lonxe pase o relevo a outro. Claro que sempre estará en situación de reserva e ó servicio do partido, así que se lle piden que siga...
Hai tantos precedentes na política española que non é estraño o escepticismo que provoca entre os cidadáns, segundo indican as enquisas, a anunciada renuncia de González a repetir como candidato electoral do PSOE, e que o sorprenente anuncio do político galego Xosé Cuiña, considerado como o principal candidato a suceder a Fraga, de irse da política da man do veterano presidente da Xunta, soe, máis que a nada, a xesto teatral electoralista.
Fraga, Pujol, Arzalluz...Todos anunciaron que marchaban, pero aí continúan.
É que en política, máis vale ver para crer.



13 de outubro 1997

La Voz de Galicia

Democracia e renovación
Xusto García Beramendi (historiador)

A democracia representativa na que nos movemos non garante por si mesma unha elección óptima entre as diferentes opcións que se presentan nin sequera que o electorado substitúa ós gobernantes, ineptos, corruptos ou pouco respectuosos coas regras do xogo cando ten ocasión de facelo. Moitos factores, nos que aquí non podemos entrar por falta de espacio, demoran ou impiden ás veces esa renovación que é unha das grandes razóns de ser dun réxime de liberdades. Sen embargo, a democracia é o único sistema político en que tal cambio é posible periodicamente e por medios pacíficos (...). O pobo galego atópase agora nun deses momentos de exercicio real da súa soberanía. A permanencia prolongada no poder, e máis se é con maioría absoluta, tende a neutralizar os mecanismos de control sobre o Goberno e potencia a proclividade deste a usar medios antidemocráticos (clientelismo, corrupción, manipulación dos medios de comunicación, uso de fondos públicos no propio beneficio político para alongar aínda máis ese poder). Isto, como ben sabemos pola historia recente, pode afectar a tódalas forzas políticas, mesmo ás de esquerda.Tanto máis ás dereitas, para quen esas inclinacións foron sempre sustantivas, alomenos en España (...).
Parece clara, pois, a conveniencia dun cambio político. Moitas posibilidades dunha renovación non dependen só do grao de esgotamento e dexeneración democrática de quen vén gobernando; dependen tamén, á parte da calidade da información que recibe o electorado, de que a maioría deste pense que hai unha alternativa mellor.
En Galicia esa alternativa existe hoxe, pese a que algúns dos seus posibles protagonistas pasasen a precampaña negando a única posible e ofrecendo outra imposible (a súa propia maioría absoluta), nunha actitude entre perdoavidas e insultante para a intelixencia da xente, co que, por certo, traballaron en favor de Manuel Fraga moito máis do que o podía estar facendo Julio Anguita (...).
En todo caso, o pobo ten a palabra. Ogallá a use en beneficio dos máis, en beneficio propio.


El País

Luces e sombras do nacionalismo galego
Primitivo Carbajo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) constitúe un caso insólito no panorama español. Todo parte de que Galicia non tivo burguesía como Cataluña ou Euskadi. Dese xeito, o seu nacionalismo xorde vencellado á esquerda. Con base comunista e xermolos independentistas, o BNG evolucionou cara á socialdemocracia acollendo diversas formacións, incluída a dereita do Partido Nacionalista Galego (PNG). É o último episodio do talante integrador que aplica desde hai un decenio como esa "encarnación do pobo galego en marcha" que, en palabras do seu líder, Xosé Manuel Beiras, quere ser.
O BNG ten a súa orixe lonxincua nos anos 70. A comunista Unión do Pobo Galego (UPG) e o Partido Socialista (PSG) proban a reorganizar o nacionalismo nunha fronte "de liberación nacional". O PSG abandonarao pouco despois e a UPG haberá de ser o seu músculo ata hoxe. A rixidez comunista desta formación, que achega o maior número de cadros, alentou as maiores suspicacias e acusacións. "non parece nada do outro mundo que a UPG achegue máis cadros; está aí desde hai 20 anos e ten máis experiencia", arguíu, non obstante, un portavoz ; " e a rixidez é unha falacia interesada, xa que, de feito, foi o motor da apertura do BNG".
O BNG non se deu cuartel nos 80; contra a OTAN ou o desmantelamento industrial e a prol do ecoloxismo ou da lexitimidade da herdanza de Castelao, patriarca do galeguismo morto no exilio e do cal o PP pretendía apropiarse -agora, para subliñar o contraste, evócase a orde de Manuel Fraga, como ministro de Información e Turismo, de lle retirar unha rúa nas Pontes.
O BNG fundouse en 1982 e, axiña, o PSG deixouno. Os rexos presupostos políticos merecéronlle 50.000 votos nas eleccións locais de 1983. Mais os seus deputados foron expulsados do Parlamento por se negaren a acatar con efecto retroactivo -levaban 3 anos no exercicio das súas funcións-, a Constitución. Era a travesía no deserto.
En 1985, o BNG xa levou a Beiras como cabeza de lista, mais apenas superou eses 50.000 votos. O perigo da marxinalización foi detectado e rectificouse: acatouse a Constitución. Isto deu pé ao nacemento do Partido Comunista de Liberación Nacional, expulsado en 1987 por apoiar a HB. Foi na III Asemblea Nacional, no Carballiño (Ourense), en 1987, cando a organización se proxectou como unha fronte ampla. Propuxo a outros grupos unha candidatura unitaria para os comicios europeos, mais non deu vencido as reticencias deles.
En 1989 chegou a formar un grupo de seu na Cámara galega con 105.000 votos e cinco deputados. Nesa lexislatura, Beiras deu, como Khruschov na ONU, un zapatazo de grande impacto mediático en protesta contra a primeira reforma do regulamento parlamentario imposta pola Xunta de Fraga e o PP. Outro constrinximento desa norma valeulle a expulsión do Parlamento, desautorizada polo Tribunal Constitucional.
O BNG veu integrando o nacionalismo socialdemócrata, o PNG pola dereita e Esquerda Nacionalista (EN) pola esquerda; tamén, o colectivo Inzar, que, á súa vez, aglutinaba en Galicia o movemento comunista e a Liga Comunista Revolucionaria. Unidade galega (antigo Partido Socialista Galego-Esquerda Galega) completou en 1994 ese proceso de converxencia do nacionalismo (...)
Beiras foi electo en 1995 portavoz nacional do BNG. A súa carisma sobexa amplamente o ámbito da organización. Para ben e para mal, é o rostro do BNG. En Esquerda nacionalista, o seu partido, non ocupa ningún cargo, se cadra para atallar fallos de ecuanimidade. E tamén todos aceptaron, sen discusións de importancia, o maior peso da UPG nas listaxes electorais, que abren sitio a EN, Inzar, colectivo socialista e PNG.
Nos comicios autonómicos de 1993 o BNG obtivo 270.000 votos e 13 deputados. Foi o seu grande salto, que espera superar nestes. Nos xerais de 1996, con 220.000, conseguíu dúas actas de deputado que levaron, daquela, o nacionalismo galego ás Cortes españolas por vez primeira desde a II República. O perfil dos seus electores non deixa lugar a dúbidas: os máis novos e os que teñen un maior nivel de estudios.



Fin de semana 10, 11 e 12 de outubro 1997

La Voz de Galicia

As gaivotas do BNG
Antón Reixa

Vendo o vídeo electoral da candidatura de Xosé Manuel Beiras, a súa organización ben podería xogar a mudar o desenvolvemento das súas siglas en Bloque National Geographic. O paisaxismo e o voo dunha gaivota son as imaxes que máis gravadas quedan na memoria do pescador, polo inusuais que resultan nunha producción destas características. A música New Age empregada, unha versión do tema de Mike Oldfield, Wonderful land (elocuente título), conforma un discurso audiovisual apacible para un discurso político exposto en positivo: non hai denuncia, senón exposición tranquila dos puntos programáticos da candidatura e sen referencia ós seus adversarios. Obviamente, todo vén coincidir cunha estratexia electoral de moderación formal e pragmatismo que, observando as sondaxes, parece augurar un ascenso claro do nacionalismo. Amais do paisaxismo xeográfico, a paisaxe humana do vídeo chega a ser crible. As habituais aparicións de obreiros, labregos, mariñeiros, profesionais con ordenador, vellos e nenos (esa inevitable coral sociolóxica e interclasista de todas as mensaxes electorais) teñen a virtualidade de que efectivamente parecen votantes e simpatizantes do Bloque (quizais o sexan). Un mesurado Beiras, con voz íntima e pausada, cerra o vídeo pedindo o voto para dar paso á bandeira tradicional de Galicia (sen estrela nin copón) na que se sobrepón a estrela e o anagrama do BNG. A mensaxe pode ser discutible, a realización e o guión son impecables como adecuación ó que se quere transmitir. A gaivota, como símbolo visual, xa non é exclusiva o PP e cando Fraga, retomando palabras de Francisco Vázquez, increpa "ós do non", visionado este vídeo, é imposible que ese apelativo lle encaixe agora ó BNG.


El País

Flotas en dique seco
Primitivo Carbajo

Nos peiraos galegos desembárcanse 500.000 toneladas de peixe ó ano, máis da metade da producción nacional. Pero nada detén o progresivo declive deste sector, do cal en Galicia dependen uns 90.000 empregos.
O groso da producción procede de mares alleos, incluíndo como tales ós europeos, onde a flota tropeza con restriccións específicas dende 1977. Xa non se pode operar con seguridade nin en augas internacionais, como demostra a guerra do fletán con Canadá, en 1995, ou o actual apreixamento do conxelador Arpón por patrulleiras arxentinas.
Os pescadores galegos navegan polo derrotismo, barruntando o naufraxio de empresas e do propio sector. "Vótannos de todas as partes para que entren outros", resume Xosé Antonio Torres, armador dun buque amarrado pola parada biolóxica imposta no banco canario-sahariano.
De pouco serviu que as flotas de altura e grande altura se reduciran á metade. As dificultades de acceso ós caladoiros, o aumento dos custos de explotación e a conxelación dos prezos dende fai dez anos -pola irrupción do peixe doutros países, os donos dos caladoiros- estannas cravando en dique seco.


Noticias de prensa anteriores ó 10 de outubro 1997


Volver á portada | Galicia e o seu parlamento | 19-O e outras eleccións | Partidos, líderes e programas | Colaboracións