A lírica galego-portuguesa é dunha importancia
extraordinaria e móstranos a categoría á que
chegou a nosa literatura nos séculos XIII e XIV.
Lamentablemente os nosos devanceiros non se preocuparon moito de
conservar este rico tesouro e unha boa parte del foinos transmitido
nun estado de precariedade incomprensible. Poderíase
comprender isto en Galicia, se temos en conta que na época
medieval foi disminuíndo progresivamente o uso do galego ata
desaparecer como lingua de cultura no século XVI, pero
é difícil de admitir para Portugal, onde a escrita en
portugués aumentou considerablemente no XIV e chegou a un
grande apoxeo no XV, mesmo a poesía como demostra o
Cancioneiro Geral.
Como sabemos, a mediados do séc. XIV, D. Pedro, o Conde de
Barcelos, recolleu unha boa mostra da literatura trobadoresca no seu
Libro das Cantigas, unha escolma que non chegou ás nosas mans
en manuscritos orixinais, pois só gracias ás copias
renacentistas mandadas facer por eruditos italianos podemos hoxe
admirar ese mundo fascinante da lírica primitiva. O malo
é que estas copias conservadas no Cancioneiro da Vaticana e no
da Biblioteca Nacional de Lisboa (antigo Colocci- Brancuti) son moi
imperfectas. Os copistas non sempre entendían o orixinal e
cometeron frecuentes erros, o que moitas veces dificulta saber con
certeza cal era o estadio orixinario dos poemas. De aí que nas
edicións modernas haxa que botar man da conxectura para
podermos adiviñar cales serían as formas utilizadas
polos poetas e non sempre acertamos. Nas cantigas de amor resolve en
boa parte o problema o Cancioneiro da Ajuda, do século XIII,
no que tamén achamos unha escolma. É pena que non se
conservasen os cancioneiros particulares de cada autor, como ocorre
coas sete cantigas de Martín Codax, cos Lais de Bretaña
e outros fragmentos, porque o ideal sería que dispuxesemos dos
cancioneiros individuais de tódolos trobadores e xograres ou,
polo menos, dos máis importantes, como é o caso da
literatura provenzal.
Dentro das Cantigas hai unha separación bastante clara entre
os distintos xéneros maiores (cantigas de amigo, de amor e de
escarnio ou maldicir), pois o léxico varía bastante
entre elas. Tense dito frecuentemente, e aínda se repite, que
as cantigas trobadorescas tiñan unha lingua unitaria porque
estaba escrita nunha especie de koiné común para os
poetas galegos, portugueses ou casteláns que utilizaban o
galego medieval. Isto é un disparate. O que facían os
trobadores e xograres era utilizar unha koiné literaria non
lingüística, é dicir, nas cantigas de amor e amigo
utilizábanse uns moldes literarios comúns tomados da
literatura occitana ou autóctonos, nos que se repetían
sistematicamente formas e conceptos. De aí que haxa moitas
palabras e frases comúns en moitas cantigas, pero isto non
afecta á lingua en si nin ás variedades
lingüísticas que os escritores podían utilizar.
Ademais, nas cantigas de escarnio e maldicir había máis
liberdade e non estaban sometidas a tantos esquemas fixos. Polo tanto
lingüisticamente non hai unha koiné e cada autor escribe
de acordo coa súa propia modalidade lingüística.
Por outra banda a lingua nos séculos XIII e XIV non
está fixada, estamos nun período de conformación
e de ebulición, no que coexisten variantes fonéticas,
morfolóxicas e léxicas e mesmo variantes rexionais.
Todo isto atopámolo nos cancioneiros trobadorescos. O que si
temos como peculiaridade é que a escolma das cantigas fose a
mediados do século XIV e seguramente na zona Centro-Sur de
Portugal. Por iso hai unha certa unificación nos criterios
lingüísticos a favor, neste caso, da lingua portuguesa e
non da galega.
Isto afecta de maneira peculiar á grafía. Por exemplo,
no Cancioneiro da Ajuda, anterior á recollida de D. Pedro,
escríbese nn (ásveces n) para representa-la nasal
palatal e ll (ás veces l) para a lateral palatal, tal como se
facía primitivamente en Portugal; en cambio no cancioneiro da
Vaticana e no CBN escríbese xa nh e lh, grafías que se
impuxeron en Portugal despois do decreto de Afonso III. Esta
grafía nova é, en xeral, allea ós textos galegos
medievais, que utilizan normalmente ll ou l para ll e ñ ou n
para ñ. Ocasionalmente tamén podemos ter n ou l nos
apógrafos italianos: chamino.
Estas diferencias gráficas tamén as podemos ver
comparando o manuscrito das cantigas de Martín Codax co texto
conservado nos cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional.
Fronte ás formas senlheyra, senlheira, manho, nulhas, olhos e
banharnos emos destes, o cancioneiro particular di senneira, manno,
nullas, ollos e bannarnos emos. Tamén utiliza coidado fronte a
cuydado, segundo corresponde ó ditongo máis
común nos textos galegos. Xunto a isto coinciden no uso da
segunda forma do artigo en ueerémolo meu amigo,
ueerémolo meu amado e tamén noutro caso en que as
copias italianas teñen a asimilación do s ó l
(mirarémolas ondas), mentres que o cancioneiro particular
aínda conserva o s (mirarémoslas ondas). Por outra
banda, o texto de Martín Codax válenos para indicar
unha característica léxica aínda coñecida
na zona Sur de Galicia e N. de Portugal: o uso de mirar como
sinónimo de ver.
A lingua dos cancioneiros corresponde, máis ou menos, en
liñas xerais á lingua que podemos atopar noutros textos
dos séculos XIII-XIV, sempre tendo en conta a relativa
uniformidade feita polo Conde de Barcelos. Vexamos unhas cantas
mostras de como era esta lingua.
No vocalismo tónico temos sete vocais de maneira
idéntica á época actual, pero nos dstongos
tónicos ou átonos pode haber alternancia entre oi e ui,
moi frecuente nos primeiros tempos: coidado e cuidado, coita e cuita,
coitado e cuitado, coytelo e cuytelo, Roy e Ruy, soydade e
suydade.
En posición átona a alternancia vocálica
está moi presente. A lingua medieval caracterízase por
non ter moi fixado o sistema das vocais átonas e hai unha
continua alternancia entres as dúas vocais laterais e/i e as
dúas velares o/u, como en coberto e cuberto,
coraçón e curaçón, costumes e custumes,
dezía e dizía, doayre e doayro, dovidedes e duvidedes,
egreia e igreia, encoberto e encuberto, entendimento e entendemento,
sandece e sandice, senher e sinher, sequer e siquer. Tamén hai
alternancia a/e, mesmo cando hai un hiato: astroso e estroso,
aínda e eynda, pardón e perdom, perdón,
raínha e reínha.
En posición final as vocais que aparecen normalmente son a, e,
o, que manteñen a súa pronuncia primitiva máis
ou menos semellante á que ten hoxe no galego, pois en Portugal
aínda non se chegara á pronuncia palatal do a nin
ó peche da velar en [u]. Algunhas veces os copistas
italianos interpretaron mal o signo de abreviatura de os (9),
desenvolvéndoo por us. É certo que nos documentos
latinos este sinal equivale a us, pero nos textos romances equivale a
-os (catamos, feitos, etc.), pois o que fan os escribas medievais
ó comezar a escribir en romance é seguir utilizando os
mesmos sinais que utilizaban para o latín, mais
dándolle un valor diferente. Debido á
utilización deste sinal (9) a maior parte dos editores
italianos (e tamén outros) len erroneamente feitus, vus, etc.
Tamén hai investigadores que supoñen que xa na lingua
primitiva existía a pronuncia de -o final como [u],
tal como fai hoxe o portugués, cousa inaudita e falsa, pois a
pronuncia primitiva era común a Galicia e a Portugal e
nós aínda hoxe conservámo-lo resultado
[o]. Só temos un u en posición final nos
ditongos (cantou, ficou, uendeu, partiu, etc.), pero aínda
nestes casos hai certa tendencia a desface-lo ditongo e facer un
hiato cun o final (moveo, saio, ssaio e saiu, vendeo).
En formas átonas do pronome pode haber alternancia entre e/i
debido a que ás veces as formas de obxecto indirecto
ían seguidas das formas de obxecto directo: leo, lea. Nesta
combinación hai inflexión da vocal palatal (lio, lia) e
palatalización (llo, lla) e despois analoxicamente
créase lle en lugar de le. Froito da interferencia entre estas
formas é a posibilidade de que aparezan lhi ou lhis xunto a
lhe ou lhes. Tamén ocorre a unión da forma se co
pronome obxecto directo e por iso alternan xe e xi. Alternancia
semellante pode aparecer en formas da primeira persoa do perfecto,
que tiñan i longo final en latín: dixe e dixi, pude e
pudi, quige e quigi, ouvi, sevi, etc.
Nos cancioneiros aparecen moitas veces dúas vocais en hiato
debido á perda dunha consoante intervocálica e o normal
é que estas dúas vocais se manteñan, tanto se
son idénticas coma se son diferentes: caente, caentura, caer,
coor, creença, creer, cruu, cuu, door, leer, pee, pees, riir,
seer, seestro, siía, ueer, etc. O hiato tamén se
mantén en posición final: cheo, ceos, mao. Nesta
posición pode haber algún caso de indicación do
hiato por medio da repetición da vocal: ceeo, maao, paao.
Moi importante na lingua das cantigas é a enorme presencia de
vocais nasais debido á perda dun -n- intervocálico
latino. Estas vocais nasais aparecen sempre seguidas doutras vocais
coas que están en hiato: bõos, cochõa,
ermitão, irmão, põede, uiir. Nalgún
ocasión coa duplicación da vocal: jrmãao. En
moitos casos hai unha diferencia entre o singular e o plural das
palabras, porque non singular cae a vocal final -e e permanece a
consoante nasal, mentres que no plural cae a consoante e temos unha
vocal nasal: çapatón, cam, capelam, capelán,
capón, caruón, coraçón e
corações, entenções, escriuães,
razón e razões, tençón e
tenções, etc. Cando se trata da terminación
latina -inu, -ina, a evolución é algo distinta, pois
temos primitivamente unha vocal nasal e despois a
transformación da nasalidade nunha vocal oral seguida dunha
consoante nasal palatal. Nas cantigas poden aparecer aínda as
dúas posibilidades: camio e caminho
Cando tiñamos en latín qua- o normal é que nas
cantigas se conserve o elemento velar, pero hai casos de perda como
en cando. Tamén é normal a conservación en gua-,
pero pode haber algún caso de perda: gardar, gardei.
No consonantismo o máis destacable é a presencia das
consoantes sibilantes sonoras, aínda que en Galicia por aquel
tempo xa se coñecía a desonorización. Nas
cantigas o normal é que se diferencie entre s apical xordo
(escrito ss en posición intervocálica e s nas outras
posicións) e sonoro (só aparece en posición
intervocálica escrito s), entre prepalatal fricativo xordo
(escrito x) e sonoro (escrito j, i ou g segundo os casos) e entre
africado dorsodentoalveolar xordo (escrito ç ou c ante e,i) e
sonoro (escrito z): fezesse, seu. Hai que dicir que, de maneira
ocasional, a consoante xorda está representada por s en
posición intervocálica dise, disse, disera,
diséronvos, diseron, disestes xunto a disse,
disseron, etc... Tamén a sonora africada pode estar coa
grafía da xorda: dicedes por dizedes.
En morfoloxía as particularidades máis destacables son
as seguinte.
No substantivo para as palabras acabadas en -on témo-lo plural
en -ões como en razón-razões. Á
súa vez as palabras acabadas no singular en -al, -el, etc.,
perden no plural o -l-: vogal &endash; vogaes, espanoes. Os
substantivos e adxectivos acabados en -or teñen unha
única forma para masculino e feminino: a senhor, a pastor,
sabedor, razõador, etc. Nalgunha ocasión pode aparecer
xa a creación dunha forma en -a para o feminino: senhora. Para
a formación do comparativo, xunto á partícula
máis usual mais,pode aparece-lo arcaísmo chus.
No demostrativo son comúns as formas primitivas esto, esso,
aquelo e tamén se coñece o composto aqueste,
aquesto.
No artigo aparece com moita frecuencia a segunda forma cando a
palabra que a precedía acababa en r ou en s: leváde-lo
caminh´errado, mirarémo-las ondas, so-lo ramo, mai-la,
mai-lo, melho-lo fezestes, poi-la(s), poi-lo(s), tódalas,
tódolos. Outras veces por arcaísmo está lo, la
en lugar das formas o, a: sedía la fermosa, a la
baylía¸ a las aves, las ondas, lo adufe, sedía la
fremosa. Coa palabara rei aparece o artigo el.
Nos indefinidos témo-las formas arcaicas nullo, nulla e al,
así como as variantes atal, atanto. Tamén pode ter
valor indefinido a palabra ome.
No pronome persoal alternan as formas lhe(s) e lhi(s), así
como xe, xi. Tamén pode aparecer ocasionalmente a
palatalización che, chi, cha, cho xunto a forma sen
palatalizar te. Alternan el e ele e xunto a migo, comigo, conmigo,
temos mego, comego.
No posesivo destacan as formas reducidas ma, ta, sa, xuntos ás
formas plemas tua, sua. Para a primeira, procedente do latín
MEA, temos alternancia entre a forma máis primitiva mía
(ás veces escrita mha), unha seguinte con nasalización
da vocal m&endash;a e xa a moderna minha con transformación da
vocal nasal nunha vocal oral seguida dunha consoante nasal
palatal.
Nos verbos hai moitas formas típicas dos primeiros
séculos que despois desapareceron en galego e en
portugués ou que só quedaron en portugués e
tamén temos algunhas mostras de formas que despois se fixeron
exclusivas do galego. Isto débese a que nun principio aparecen
as formas etimolóxicas, que máis tarde puideron ser
remodeladas por efecto da analoxía. Citaremos, entre as moitas
que aparecen, unhas poucas. Nos verbos en -ecer a primeira persoa do
presente (indic. ou subx.) acababa en -sco/-sca: conhosco, gradesco,
paresco. De morrer temos para o presente moiro, moira. A terceira
persoa do presente dalgúns verbos acaba en consoante e non en
vocal debido a que aparece a evolución propia e aínda
non se mudou por analoxía: pardón, perdom,
perdón (= perdoe), pes (= pese), sal (= sae), fal (de falir),
sol (= soe), etc. Formas que presentan a evolución esperada
son menço, perca ou perça, perco ou perço,
sençades.
Tamén son importantes as palatalizacións que se
produciron no perfecto, pois, xunto ás formas quis, fiz, etc.
para a primeira persoa, temos figi e fige, quige e quigi.
Tamén aparecen dixi e dixe. Para a terceira persoa, xunto
ás formas sen vocal final ou acabadas en -e, como fez, quis,
jouve, prougue, seve, etc., aparecen as formas típicas dos
textos galegos e antecedentes das modernas, como fezo, quiso, estevo,
etc. Dentro das formas do tema de pretérito que tiñan
en latín un pretérito forte, merecen citarse crever,
creverdes, crevesse, crevestes, quisera, quiseron, valvera,
valvesse¸etc.
No futuro e e pospretérito hai formas como converrá,
guarrei, porrei, querrey, salrá, terrei, terría,
valrá, valría, verrá, verría, etc.
Para os verbos da segunda conxugación aparecen participios
acabados en &endash;do, como conhoçudo.
Xunto ás formas do verbo seer que substituíron ó
verbo ESSE, temos algunhas que corresponden ó valor que
tiña en latín SEDERE, como sejo, seem, sedía,
siía, sevi, seve, sevesse.
Finalmente hai unha alternancia moi significativa entre as formas dos
verbos louvar e ouvir, que son as que se impuxeron despois en
portugués, e loar e oír, as impostas e sempre
maioritarias nos textos galegos.
Nos adverbios podemos destacar adur, aginha, allur, desí, eire
ou eiri (para onte) e as series alá, aló, ali e
acá, acó, aquí.
Entre as preposicións aparecen ata, des (por desde) e ergas ou
ergo, alternan antre e entre, así como depois e despois.
Nas conxuncións aparecen mais e pero, xunto a empero, mentre e
outras. Ocasionalmente temos vel.
En referencia ó léxico tamén se poden facer
bastantes indicacións. O feito de que os trobadores importaran
de Francia uns esquemas poéticos determinados, sobre todo nas
cantigas de amor fixo que se utilizasen moitas palabras de orixe
occitana ou francesa, algunhas de maneira ocasional, outras con maior
implantación. Así podemos citar palabras coma adur,
afán, ardido, assaz, ávol, avoleza, barnage,
cochón, cos, cousimento, cousir, desdén,
desdeñar, domage, drudo, drudaría, duc, felón,
felonía, fol, folía, gage, garçón, genta,
greu, jaián, laido, lais, linhage, maisón,
malautía, parage, sage, sandeu, sandía, sejornar,
senher, talán, tençón, toste, vergeu, vianda,
etc.
As cantigas de escarnio e maldicir moitas veces chegaron en malas
condicións e a reconstrucción faise imposible, pero
outras veces pódense interpretar sen dificultades e
móstrannos un léxico mordaz e procaz, coa
intruducción de palabras vedadas nos outros xéneros:
caralho, dom Caralhote, colhón, colhões, cornudo,
encaralhado, escaralhado, enprenhar, fudud'an cua, cuu, foder,
peydeyra, peydeyro, pissa(s), pissuça, pixa, prenhe, puta,
putaría, putanheyro, puto(s), tetas e outras.
Por outra banda nas cantigas de amigo, xunto ás numerosas
repeticións de fórmulas feitas, como mar salido, mar
levado, etc., unha característica importante é a
presencia sistemática de formas arcaicas, que xa non
corresponden á realidade lingüística do
século XIII: amenas, avelanal, color, fontana, granadas,
irmana(s), louçana, manhanas, mano, salido, sano,
venía, así como a forma lo, la do artigo en casos que
non lle corresponde: a las aves.
BIBLIOGRAFÍA
Cancioneiro da Ajuda. Edição fac-similada do
códice existente na Biblioteca da Ajuda, Lisboa,
Edições Távola Redonda, Instituto
Português do Património Arquitectónico e
Arqueológico, Biblioteca da Ajuda, 1994.
Cancioneiro da Biblioteca Nacional (Colocci-Brancuti). Cod 10.991, 1.
Reprodução facsimilada, Lisboa, Biblioteca Nacional,
Imprensa Nacional &endash; Casa da Moeda, 1982.
Canciioneiro Português da Biblioteca Vaticana (Cód.
4803). Reprodução facsimilada, Lisboa, Centro de
Estudos Filológicos, Instituto de Alta Cultura, 1973.
|